Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.09.2019 Actualizado 18:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

MARÉ HOXE

"O equilibrio non existe"

Profesores de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía reuníronse onte no Museo do Pobo Galego, convocados pola CIG-Ensino, co apoio de Queremos Galego e da Mesa pola Normalización, para protestar contra o Decretazo que para o vindeiro curso impón que estas materias pasen a impartirse en castelán. Os docentes denunciaron o “retroceso” que suporá esta lexislación con respecto aos avances dos últimos anos e reclamaron a súa liberdade para poder continuar dando as aulas en galego.

V. OLIVEIRA   | 19.06.2010 
A- A+

Ramón Escuredo
Os profesores de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía reuníronse onte no Museo do Pobo Galego para protestar pola obriga de impartir as súas aulas en castelán
FOTO: Ramón Escuredo

A CIG-Ensino, co apoio da plataforma Queremos Galego, deu onte continuidade á campaña Dou e darei as miñas aulas en galego, coa que recolleron máis de 4.500 compromisos de profesores. Centos de docentes de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía déronse cita onte no Museo do Pobo en Compostela para deixar claro tres cousas: que a lingua non é motivo de conflito nas aulas, que sempre deron as súas clases en galego e que lles parece un retroceso que as materias que imparten se teñan que dar obrigatoriamente en castelán.

Así o aseguraba onte Clara Ogando, profesora de Matemáticas no Politécnico de Vigo, que comezou a impartir clases no ano 1974. "Un ano despois sería cando empecei a dar as clases en galego. E agora preto da xubilación, por que me obrigan a dalas en castelán? Nunca houbo conflitos nin cos alumnos nin cos pais co tema da lingua. Os conflitos sempre foron exteriores a nós. Eu dei clases en FP, Bacharelato e ESO e os meus alumnos entenderon sempre as Matemáticas en galego e chegaron a ser empresarios ou o que quixeron", comenta.

Para Clara Ogando, os profesores que levan toda a vida ensinando en galego "incluso en épocas conflitivas como o franquismo, non podemos volver atrás", por iso asegura que a súa intención é continuar dando as súas clases de Matemáticas "na lingua que todos entendemos".

Da mesma opinión amósase Consuelo Campos, profesora de Física e Química no IES As Lagoas de Ourense. "Por obra e graza do decreto, vai diminuír moito a presenza do galego no ensino e en materias que levabamos moito tempo dando na nosa lingua", asegura.

Ao seu ver, o punto de partida do texto que aprobou a Xunta é errado. "O equilibrio das linguas non existe, todo o mundo sabe que o castelán predomina sobre o galego, e agora queren obrigar aínda a máis castelán", engade. "Iso, despois de termos elaborado materiais en galego e de que se vaian botar ó lixo libros na nosa lingua! Iso non pode ser!", criticou.

Para esta profesora de Física e Química, o acto de onte no Museo de Pobo Galego é "unha mostra de forza común" dos docentes que "non estamos dispostos a que se nos utilice para que aumente o uso dunha lingua que non está en perigo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS