Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Elba Rei (a muller de Novoneyra) e García Bodaño despedíndose do poeta na capela ardente de Bonaval |
"O seu xeito de vivir e de sentir a poesía constituíu un acto de resistencia fronte á realidade e a adversidade". Estas palabras de Herminio Barreiro resumían o 30 de outubro de 1999, cando Uxío Novoneyra faleceu en Compostela, o respecto que infundía a traxectoria e a figura do autor de Os eidos, un dos libros capitais da poesía galega do século XX. Ese mesmo día, ás once da mañá, estaba prevista a homenaxe que distintas asociacións organziaran para renderlle un último adeus en vida, pero uns minutos antes, no Hospital Gil Casares, o home que sentiu "só como un lobo ouveando na noite" demerxeuse definitivamente na escuridade do bosque. "Mirei o reloxo, na porta do cuarto, cando me anunciaron a súa morte. Eran as 10:52", relataba entón Xosé Lois García, impulsor posteriormente da iniciativa que, nos últimos anos, trebellaron para conseguir da Real Academia Galega (RAG) un 17 de maio dedicado a Uxío. E conseguírono para o 2010.
Manuel María, compañeiro de Novoneyra desde a adolescencia e falecido uns anos despois, aseguraba emocianado aquel 30 de outubro que lle morrera "un irmán: con el pérdese a unha voz concienciadora cívica e civil do país". ¿Por que non era membro da Real Academia Galega? Preguntábase o autor chairego e engadía, con bágoas nos ollos, "pagou coa marxinación o prezo da súa honradez e identificación todal coa historia de Galicia".
Tamén Méndez Ferrín se achegou a Bonaval, cerca do Panteón de Galegos Ilustres, onde se instalou o cadaleito do poeta. Ferrín, que compartira con el os anos de Brais Pinto en Madrid, ademais de ducias de recitais, conversas e viños, cualificábao como "un facho iluminador, unha voz insubstituíble", sen a que resultaba imposible "entender a poesía actual".
O poeta Salvador García Bodaño escribiulle ese 30 de outubro un soneto, publicado nas páxinas deste xornal. Leuno ao día seguinte na despedida do cadáver, que foi soterrado o día 31 no cemiterio laico de Lugo. "Un vello soñador que non apousa, / velaí ó Novoneyra do Courel / que fixo máis fermosa a nos ahistoría", concluía un poema no que Bodaño lembraba a "esencia no dicir de cada cousa" e "os eidos na raíz do ser inxel". Novoneyra levaba máis dun ano botándolles un pulso aos paxaros da sombra, que son os que anuncian no Courel -o seu "ámeto mítico"- o tránsito da devesa da Rogueira á devesa da fala, "o único sitio onde os antempasados seguen vivos, a única forma audible de supervivencia", como testemuñara o poeta no seu libro Dos soños teimosos.Esbancar, ámeto ou brelo son algunhas das palabras nas que vivirá eternamente cando o seu pobo as pronuncie.
Fillo de pais labregos, con casa grande e artesas de varios ferrados, Novoneyra naceu no 1930 en Parada do Courel, unha aldea na que hoxe apenas queda un presado de veciños. A perda irrecuperable dunha cultura, a fin dunha comunidade, foron as súas últimas obsesións, plasmadas nun libro do 1998 con fotos de García Cabezón.
De formación autodidacta, selectiva e exquisita, Novoneyra apaixonouse desde novo pola Literatura oriental, que marcaría decisivamente a súa obra tanto como os Cancioneiros, a cultura beat ou a súa propia experiencia existencial de dez anos de repouso no Courel, aqueixado de pleure. A vida bohemia, a xenerosidade camarada, a solidariedade política e a fondura lírica irían construíndo unha personalidade tan complexa nos seus múltiples planos como transparente nos principios éticos. "Foi unha manía miña a autenticidade, quizais unha esaxerada manía", dicía el e a esa "manía" entregoulle un percorrido vital marcado pola encrucillada que trazan a liberdade e a poesía.
Novoneyra non quixo ser outra cousa que non fose poeta, palabra que, ao primeiro, lle daba medo pero coa que aprendeu a convivir. Ser poeta permitiulle desenvolver unha intensa traxectoria creativa, que engloba a pintura ou o activismo cultural.
