Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

xornadas

Ernesto Chao: "Falta vontade política"

"Chegou o momento de que os sectores implicados decidan se queren que Galicia teña unhas artes escénicas de seu"

MARÉ . SANTIAGO   | 26.10.2010 
A- A+

AXENCIAS
Luma Gómez, Ernesto Chao e Eduardo Alonso na rolda de prensa de presentación de onte
FOTO: AXENCIAS

"O peor que pode acompañar a unha crise económica é unha crise de ideas, de propostas para combatela, de vontade política. As Artes Escénicas son un dos elementos que expresan, definen e configuran unha sociedade, as súas esencias e forma de ser, que constitúen parte da súa singular personalidade. Se cadra chegou o momento de que os sectores implicados, profesionais ou non, a sociedade en xeral e os políticos e administracións se deteñan a decidir se Galicia debe ter unhas artes escénicas de seu. Se a resposta é afirmativa, o camiño é outro".

O presidente de Escena Galega, Ernesto Chao, reflexiona deste xeito no dossier das xornadas as artes escénicas e a crise: presente e futuro, que se celebrarán en Compostela a semana vindeira, entre o día dous e o cinco.

Escena Galega, a asociación que agrupa as empresas galegas de artes escénicas, presentou onte no Consello da Cultura Galega este encontro, cuxo obxectivo é "achegar solucións ante a ausencia de propostas sólidas". "Malia ser conscientes de que as eivas do sector veñen de atrás e que nos últimos anos se comezou a percorrer o camiño para palialas, os representantes da asociación consideran que a actual crise, ben directamente, ben como desculpa política, volveu poñer todo no punto de saída", subliña Chao.

Pola súa banda, a actriz da compañía Teatro do Noroeste Luma Gómez, secretaria de Escena Galega, aludiu ás dificultades para a promoción e a distribución dos espectáculos dentro e fóra de Galicia.

"A única política que existe neste momento é a da rebaixa continua", salientou respecto disto Eduardo Alonso, coordinador da comisión organizadora das xornadas. O director de Teatro do Noroeste adiantáralle xa a este xornal esta idea, nunha entrevista a semana pasada.

As xornadas, que acollerá o Consello da Cultura, articularanse en dúas fases: debates matutinos abertos ao público xeral e mesas de traballo vespertinas só para profesionais. O obxectivo é elaborar un documento final que recolla as conclusións e trasladárllelo ás institucións públicas pertinentes.

Os tres primeiros días centraranse en abordar as claves do sector en Galicia arredor de tres eixes: o achegamento das artes escénicas á sociedade, as posibilidades da creación e o papel das institucións públicas.

Afondarase en aspectos como as redes de teatros e salas existentes, as axudas á distribución, a atención ás artes escénicas nos medios de comunicación, as compañías residentes, as coproducións e o papel das unidades de produción institucionais, o Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Coreográfico Galego (CCG). Intervirán Salvador del Río, Artur Trillo, Manuel Vieites, Damián Villalaín, Juan Carlos Fasero, Roberto Taboada, Pilar López e Cristiña Yáñez.

A CLAVE

O organismo convocante

Escena Galega creouse no 2002 como un organismo integrado por empresas e empresarios individuais. O seu obxectivo é a representación, defensa, xestión e promoción dos intereses dos seus asociados.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS