Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

en verso

"Escribir faime gozar"

Asun Estévez: "Cabréame o que está a pasar coa lingua galega. Hai que seguir reclamando a liberdade para o noso idioma"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 15.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
A autora, Asun Estévez, coa portada do libro
FOTO: AXENCIAS

Asun Estévez (Bueu, 1966) comezou a súa andaina literaria "cara ao mundo" en 2008 co libro Pel de muller, no que vertía en verso o íntimo proceso de superación dun cancro de mama. Agora volve recuncar en Ir Indo co seu segundo poemario, Noites, amenceres... e algo máis que presenta mañá, día 16, no Auditorio Municipal de Cangas, ás 18.00 horas, e tamén haberá un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz. Nesta obra amosa unha evolución cara a unha poesía máis social, máis preocupada polo que pasa ao seu arredor, aínda que tamén volve sobre a súa propia experiencia coa escrita. "Gústame o infinito, ter o horizonte amplo, deixar atrás os zapatos que me apertan. Porque sei que así, todo acabará sendo posible", asegura a poeta.

Encabezada por unhas verbas de Antía Cal, que se declara "engaiolada" coa poesía de Asun, e ilustrada polo debuxante pontevedrés Luis Davila, a obra representa, segundo a autora, "unha evolución" con respecto a Pel de muller. "Empeza cun poema que se titula "Deixando atrás" e que significa un cambio na miña maneira de sentir e tamén de expresarme. Sinto máis ganas de deixar o "eu" e dicir outras cousas", explica.

A presenza do mar, a sensualidade, a intensidade das sensacións ou o amor configúranse como as bases temáticas da poesía da bueuense. "Son sensacións sen as que non podo vivir. Cando escribo é como vivir moitas vidas nunha soa. Podo dicir cousas que non diría se non estivera diante do papel. Cando escribo sinto que son invencible, que o mundo non doe, é como unha fame ou unha sede da que non me podo saciar", asegura.

A intensidade do sentimento amoroso é reflexo, para a autora, da súa vivencia coa escrita. "Escribir faime gozar como ningunha outra cousa. Cando penso e verto as miñas palabras sobre o papel, desfruto pero aínda desfruto máis cando as recito. É coma unha especie de fusión entre o corpo e o pensamento", sinala a autora.

O desacougo tamén aboura o día a día. "Hai días que sentes que tes toda a forza do mundo pero hai outros nos que sentes medo a vivir, impotencia fronte a algunhas cousas que ves e non podes cambiar. Como todo o que me pasa me inspira, a poesía permíteme vomitalo todo en forma de versos", explica.

A medida que avanza o libro, abrollan versos sobre a lingua, o maltrato físico, a nada da rutina, os estereotipos masculinos, a falta de esperanza no futuro... "O que está a pasar coa lingua cabréame. Hai que seguir reclamando a liberdade do idioma. Eu falo tanto en galego como en castelán pero cando escribo, sempre o fago en galego porque é a lingua na que penso e como mellor me comunico. Eu amo o idioma e gústame escribilo. Aínda que tamén é certo que a poesía non ten idioma nin fronteira", considera a autora. Asun Estévez ten participado en varios recitais celebrados en Portugal. En 2009, estivo presente no I Encontro Internacional de Poesia celebrado en Aveiro e tamén na Noite de Poesía e Fados, dentro da 8ª Feira de Doçaria Conventual de Tentúgal. De feito, en breve editará en Portugal un conto infanto-xuvenil na liña do que o ano pasado publicou en Ir Indo, Bicos de sol.

"Cando a xente escoita recitar, descobre a poesía"

"Faime moita ilusión publicar en Portugal e que sexa, ademais, literatura infantil. Porque sexa narrativa ou poesía, eu non entendo a vida sen escribir. A literatura é como unha invasión. Por iso me gusta tanto recitala: permíteme achegarme á xente que, cando a escoita, a descobre e a entende. Para min a poesía é un xénero que hai que degustar como un prato de comida", sinala.

Ademais, un dos poemas está dedicado á escritora lusa Lurdes Breda. "Coñecina en Portugal e impresionoume a forza da súa literatura infantil. É coma un agasallo polo que ela me ensinou", apunta.

A poesía axudouna na súa recuperación do cancro de mama. "Naquel tempo, os poemas eran un bálsamo. Como comer e beber. Escribindo esquézome do que me doe. Escribes sobre a realidade e hai cousas difíciles de explicar que só a través da poesía se expresan. Agora mesmo escribir é para min un desafogo. Sempre leo en voz alta o que escribo. Gústame mirar e escoitar os versos. É unha terapia, unha auténtica vía de escape para min", asegura a autora.

De feito, a vivencia da poesía transcende, na súa opinión, a súa superación desta difícil enfermidade. "Para min o logro non foi superar o cancro. Á fin e ó cabo, todos loitamos por sobrevivir. Iso faino calquera.

O meu logro foi conseguir isto: publicar os meus libros. De pequena eu non soñaba con bonecas senón con escribir e que a xente lera os meus libros. Por iso só podo dicir que me sinto moi satisfeita con todo o que me está a pasar. E todo o que me vén a maiores como publicar en Portutgal é un verdadeiro agasallo. O meu único obxectivo é seguir nesa liña, que é o que realmente me fai desfrutar da vida: poder escribir".

A LECTURA

"Gústame descubrir libros de autores descoñecidos"

Asun Estévez comezou a escribir Pel de muller anos antes de que lle diagnosticasen o cancro de mama, pero tamén recolle as súas sensacións durante a enfermidade e remata coa súa curación. Recolle todas as etapas na vida dunha muller -a muller que é nai, a que é filla, a amante, a amiga- pero tamén ofrece con optimismo unha maneira de enfrontarse á vida e á doenza.

O seu obxectivo é que a xente o lea para que lle axude a superalo. De feito, os beneficios pola venda da obra, que xa vai pola súa segunda edición, estanse a destinar integramente para a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama, Adicam, da que ela mesma é secretaria.

Asun Estévez asegura que lle gusta "perderse nunha librería e descubrir libros de autores descoñecidos". Agora está a ler a poesía completa de Manuel Rivas. "Eu medrei con Celso Emilio e Rosalía pero agora o que me gusta é descubrir outros libros que me toquen a fibra. Ás veces, gústame tanto un libro que o levo sempre comigo e vou recitando os seus versos cando o necesito", apunta a autora que tamén presentará o seu último poemario en Vigo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS