Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.01.2019 Actualizado 13:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

exploracións

"Escribo contra min"

Ana Romaní publica "Estremas", un conxunto de textos escritos desde a furia, desde a rabia e desde a paixón

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 01.02.2011 
A- A+

FERNANDO BLANCO
Ana Romaní é tamén a directora do ‘Diario Cultural’, programa emblemático da radio galega
FOTO: FERNANDO BLANCO

"Que marcas deixará o aceiro nos corpos?", pregúntase Ana Romaní no seu último poemario, Estremas, unha das novidades editoriais que Galaxia presentou en decembro pasado e que os internautas da web Fervenzas Literarias xa saudaron como o mellor poemario publicado no 2010. Catro anos despois de publicar Love me tender, un libro callado de poesía oral e ritualidades, Romaní regresa ás librerías cunha obra netamente verbal, afuracada e cárnica, que recupera algúns dos fíos esgazados en Arden (Espiral Maior, 1998) pero que dá un paso máis alá na súa busca dos límites intrínsecos ao poema.

Estremas xurdiu, confesa a autora noiesa (1962) dun poema, o inicial, que funcionou como espiral da que se desprenderon os textos sucesivos. Ela -recoñece- non quería escribir un libro pero a man foina arrastrando até conformar un conxunto de textos "escritos desde a furia, desde a rabia, desde a paixón" pero, sobre todo, desde a súa indagación persoal: "o que fala é o animal ferido, un corpo social despezado e abandonado á súa sorte".

Os poemas sobrecollen na súa contundencia sintáctica, algo que ela atribúe á "fisicidade" dun "libro moi corporal", porque nós -ese corpo social despezado- "debemos reconstruírnos con carne, coa materia: somos corpo finito, que se deteriora, e a través do corpo somos razón e pensamento".

O que máis lle interesou foi indagar nos marcos que o discurso grava e que nos cataloga: "detectar as cicatrices que quedan no noso corpo: ler nas nosas osamentas, memoria da acción que foi e pegada tenra da carne que nunca máis volverá ser". Exercicio tamén metapoético nunha convulsión que aborda as entrañas do poema, que o estira "ata o indicible" e o fai rebentar: "Estremas é un gran exercicio de liberdade e de necesidade de liberarme do precepto, do esperable, do que era correcto. En certa medida, está escrito contra min mesma".

O máis fascinante desta experiencia foi "ver como o poema se desocultaba, como se desvelaba" e no proceso descubrir que xunto ao Eu, coexistían outras voces, propias e alleas, construíndo un collage de vivencias presentidas. "O libro", asegura Romaní, "está escrito desde a experiencia das mulleres para falar de seres colectivos, en mutación, metamorfoseándoa. Fala das mulleres porque fala en feminino, porque da exposición, do espolio, da expulsión, da negación".

Necesariamente, engade, "escribimos con marcas de xénero e cando escribimos en masculino é unha voz excluínte". Pero ¿que pasaría se Estremas estivese escrito desde unha voz masculina? Esa é unha das preguntas que a autora se preguntou: non foi a única. Despois de ter conluído o texto e de enfrontarse aos resultados -"sorprendentes, en moitos casos"- asaltárona cuestións que, dalgún xeito, seguen a roldar a súa cabeza: ¿Onde están os límites do texto poético? ¿Que é o poema? ¿Escribir en feminino implica unha determinada lectura?... Aí é onde conclúe Estremas e onde comeza a reflexión: "A indagación, a indagación", repite Romaní, "a exploración do dicible, enumerar as palabras roubadas, as que xa non din o mesmo".

PERSPECTIVAS

"Temos tamén responsabilidade en non deixar sós aos de atrás"

A pesar da dureza coa que está concibido -e desenvolvido- Estremas, o final do libro deixa unha fiestra aberta, un lugar de encontro coa utopía e a esperanza. Ana Romaní fala de "reconciliación": reconciliación co movemento e coa acción. Suspender o tempo e, sobre todo, "suspender o río que nos leva e que non nos dá para pensar": Paralizar as augas, "e os seus confinamentos". ¿E se o lograse? É dicir: ¡e se lográsemos paralizar as "tramas do sistema"?

Fronte a esta pregunta, a resposta da poeta é "¿por que non vai ser posible?" e a resposta, recoñece, "pode ser a consecuencia desta idade á que chegamos: pode ser unha nova estación".

No da idade, Ana Romaní é clara: "o momento é moi duro e a nós cóllenos exhaustos: espero unha renovación na que nós nos seremos xa os protagonistas, pero todos temos un pouco de responsabilidade de non deixar sós aos que veñan detrás".

A sensación política, subliña, "é de desvalimento, de estar á intemperie, pero de aí necesariamente teñen que saír novas formas de organziación: non cuestionamos as causas para acabar reproducindo unha causa igual".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS