Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 20.06.2018 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Distinción

"Escribo para sobrevivir"

María Rosendo faise co Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé pola obra "Nómade" dedicado "á procura dun lugar propio", logo de vivir un ano en Bos Aires

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 03.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
A viguesa María Rosendo reflicte no poemario as súas vivencias na capital arxentina
FOTO: AXENCIAS

"Foi unha sopresa". A escritora María Rosendo (Vigo, 1984) non agardaba facerse co XXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé polo seu libro Nómade até o punto de que xa enviara a obra a Estaleiro Editora para intentar publicala. "Cando xa me dixeran que estaban interesados en sacala para 2011, entereime que gañara o premio. A decisión do xurado confirma o bo ollo de Estaleiro", apunta a autora.

O xurado do galardón -convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene- decidiu "por unanimidade" outorgar este galardón -dedicado a promover a obra dun autor inédito en galego- á moza viguesa que na actualidade vive en Compostela onde traballa no apartado de produción teatral coa compañía Berrobambán.

A entrega do premio levarase a cabo nun acto que terá lugar o próximo sábado 20 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

Nómade nace dun "movemento migratorio no sentido literario e metafórico", asegura María Rosendo. A autora reflicte no poemario a súa experiencia vital durante unha viaxe que realizou a Bos Aires en 2007. Nos seus versos deixa patente "a busca do lugar físico propiamente dito así como a procura dun non-lugar, un espazo propio, un sitio individual no mundo", indica.

"Escribo poesía dende os 17 anos como un mecanismo de supervivencia. Até chegar a Arxentina o que escribía era poemas sen relación", di a autora que realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social. Foi precisamente a necesidade de "sobrevivir nunha megalópole" como a capital arxentina a que a levou a enfiar os versos en Nómade.

"Ao volver de Arxentina, algunhas amigas empurráronme a meterme en recitais de poesía", indica María, que participou en recitais coas Redes Escarlata ou na II Rebelión da décima musa, pero non publicou ningún texto.

"Foi sorprendente a noticia do premio porque até o recital de San Pedro autoras como Marilar Aleixandre ou Chus Pato non tiñan noticias de min como escritora. Así que este galardón é un empurrón para abrirme paso", asegura. De feito, dende hai xa varios anos, o premio está dedicado a promover a obra dun autor ou autora inéditos en lingua galega.

O premio "Pérez Parallé" consistirá na edición do libro gañador na colección de Poesía Espiral Maior cunha primeira edición de 800 exemplares. "O galardón é o mellor que pode haber para unha escritora novel. Se tivese contía económica agradeceríase pero nada se pode comparar a publicar nunha editorial como Espiral Maior", afirma.

 

Voces novas da poesía como Xiana Arias ou Mario Regueira

Nas últimas edicións, fixéronse co Premio Pérez Parallé as que xa podemos considerar voces da nova poesía galega como Xiana Arias (en 2006) ou Mario Regueira (en 2005) que teñen publicadas varias obras despois de facerse co galardón.

"Duns anos a esta parte, a decisión do xurado deste galardón é moi reveladora. Penso que as súas escollas son arriscadas e iso é moi gratificante, xa non por apostar por autores inéditos senón tamén por apoiar as liñas de escrita arriscadas. Acreditar niso para que saia nunha das mellores ediAtoriais de poesía de Galicia é unha aposta moi grande do premio", apunta María Rosendo que ve no galardón unha oportunidade para abrirse camiño como nova creadora de versos.

INTEGRANTES

O xurado deste ano estivo integrado por Pedro Casteleiro (escritor e xurista ferrolán), Antía Otero (poeta e actriz nada na Estrada) e Ramón Nieto (escritor e gañador da anterior edición do premio).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS