Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 24.07.2014  | Actualizado 12.01

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

textos

"A escrita sorpréndeme ata a min"

Lupe Gómez presenta a súa obra máis gozosa: "Diálogos imposibles"

Lupe Gómez publicou a súa primeira obra de teatro con ‘Diario dun bar’ - FOTO: AXENCIAS
Lupe Gómez publicou a súa primeira obra de teatro con ‘Diario dun bar’ - FOTO: AXENCIAS

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 07.04.2011 
A- A+

Lupe Gómez regresa estes días ás librerías cunha obra heterodoxa e inclasificable, Diálogos imposibles, onde a vertente como poeta desta escritora nacida en Fisteus (1972) se encabalga da dramaturxia para recrear o alento da vida. O libro, publicado por Laiovento, preséntase hoxe na Librería Pedreira de Compostela -ás oito da tarde- nun acto no que participan Olalla Cociña e o director da editorial, Francisco Pillado. Canda eles, Xabier Díaz e Guillermo Fernández, que montaron para a ocasión un pequeno concerto.

Dialogos imposibles é, en palabras de Lupe Gómez, "poesía e teatro ao mesmo tempo", entre outras razóns porque ela nunca pode abandonar totalmente a poesía, pero tamén "porque me apetecía escribir teatro" e o seu teatro "está influído pola poesía. E viceversa: os dous xéneros vanse mesturando e retroalimentando entre eles".

Aparece a palabra "xénero" pero ela non creu neles e resúltalle "máis divertido mesturar ténicas dun e doutro". Na vida, engade, "todo está mesturado e a min gústame que a Literatura respire, que se alimente coa vida, co que nos rodea, co que di a xente...".

O título de Diálogos imposibles obedece á súa cerna "disparatada, surrealista, insólita", nun intento de "sorprender o lector". Porén, a primeira sorprendida por estes diálogos é ela mesma: "É o libro co que mellor o pasei escribindo e iso nótase. Polo menos, así o cre Pillado Maior... E eu tamén".

A Lupe Gómez encantaríalle que estes pequenos textos, desbordantes de enxeño, humor e fantasía, chegasen a representarse, pero tamén recoñece que esa é unha opción secundaria: ela escribe "para desafogarme" e sempre que se demerxe nun texto teatral "visualizo a representación" e iso resúltalle en boa parte suficiente.

As súas incursións no teatro iniciaron cando comezou a escribir nas páxinas de GALICIA HOXE comentarios teatrais. Iso foina alimentando e, finalmente, "necesitei devolver esa paixón que sentira". Na súa conversa, menta a Valle-Inclán, que leu por vez primeira na adolescencia e que, dalgún xeito, está presente nestes Diálogos imposibles através "dese falar raro e esperpéntico que o caracteriza".

Sente que o teatro, ao cabo, lle abre unha fiestra á fantasía -o libro de feito comeza así: cunha bailarina abrindo fiestras- moi distinta á da poesía - "que me pecha en min mesma"- porque nos diálogos sae ao mundo e deixa de ser ela, Lupe, para ser o mundo enteiro.

NA CERNA

Incomunicación da comunicación preferido polos alumnos UE

Os diálogos de Lupe Gómez son tamén imposibles porque neles hai mortos -como Uxío Novoney- ra, persoas que viven moi lonxe e non coñeceu nunca -como John Berger- ou outros interlocutores que viven preto pero cos que tampouco falou en persoa, como Xohana Torres. O que ela pretende é "celebrar a incomunicación que existe na comunciación". As persoas, subliña, "temos necesidade de falar, e falar é moi curativo. Pero, ao tempo, non chegamos a comunicarnos. Ao mellor, débese a que competimos uns cos outros cando dialogamos: estámonos medindo, por exemplo a ver quen ten máis cartos. Por iso, os meus diálogos son desencontros que xorden nos encontros e encontros que existen nos desencontros".

 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS