Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

EScena

"Estamos secuestrados"

Toxosoutos reedita "Azos de esguello", a obra de Euloxio Ruibal que o CDG censurou pola súa crítica á Galicia autonómica dos anos 80

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 27.01.2011 
A- A+

antonio hernández
Euloxio Ruibal, pola esquerda, Laura Tato e David González, director de publicacións de Toxosoutos
FOTO: antonio hernández

Azos de esguello (1989) viña relanzar a carreira de Euloxio R. Ruibal, logo de varios anos afastado de dramaturxia. A peza gañou o Premio Cunqueiro dese ano pero non coñeceu a súa representación no Centro Dramático Galego porque o responsable do ente non consideraba que respondía á súa "estética persoal". Detrás desa decisión estaba "a censura sen paliativos á sátira máis virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia galega e, máis en concreto, contra a súa clase política". Así o indica a profesora da Universidade da Coruña, Laura Tato, na introdución da edición de Azos de esguello realizada por Toxosoutos dentro da súa nova colección A Esmorga, que onte se presentou en Compostela.A obra é o retrato de don Galisindo, un emigrante retornado da Arxentina que se dedica aos negocios da construción pero a súa cobiza faino buscar máis poder a calquera custo. Ruibal acaba de publicar tamén en Toxosoutos a obra Labirinto da memoria, que aborda o xurdimento de comportamentos fascistas nesta sociedade cun fondo de protestas contra a guerra de Iraq e o Prestige, que conecta coa guerra civil.

 

O texto non chegou a ser representado por unha decisión pouco cultural, senón máis política.

É unha obra que vai máis alá do que eu pensara. Loxicamente hai unha intencionalidade na súa escrita pero pertence a unha época na que a nosa sociedade estaba en plena convulsión. Acababamos de saír da ditadura e non estaban asentados os alicerces dunha sociedade que cambiou do día para outro. Nesta sociedade había lugar para todo tipo de picaresca. Naquel momento, empezaban os negocios fáciles e pequenas corruptelas. Non está baseada en ningún caso concreto senón en moitos casos e nos distintos poderes que daquela ían collendo as rendas: era xente nova, que nunca se dedicara á política, empresarios agresivos cun espírito e unha ideoloxía liberal que se presentaban a si mesmos como demócratas.... pero realmente había moita falsidade en todo iso. Empezaba a haber pola miña parte un desconcerto e un desencanto. Despois de sufrir unha ditadura, tiñamos esperanzas pero viamos que esas esperanzas empezaban a esvaecerse. Había poderes que comezaban a degradarse. A obra foi máis alá do que eu quixen. Molestou porque estaba tocando algunhas teclas incómodas. Loxicamente, a obra gañara un premio oficial e ía ser representada pero houbo xa por parte de dous directores intentos de desbotala dalgunha maneira sibilina. Desaparecera a censura pero foise renovando: agora segue a habela e practícase doutra maneira. Non era censura oficial pero había outros medios máis sutís para evitar que se chegase a representar. Eu sabía que non ía poder ser pero protestamos para poñelo a descuberto.

Finalmente, a obra representouse en 1995 en Ribadavia, pero foi unha compañía amadora, Teatro do Vilar, que non puido ter moita distribución ao non contar con axudas.

Si, o das axudas é unha das formas que hai para acalar ou minimizar o impacto dunha obra.

Malia ter un protagonista indiano, don Galisindo, "Azos de esguello" conserva toda actualidade pola crítica á corrupción da clase política.

A min ségueme parecendo que ten moita actualidade, algo que me sorprende. Eu estiven en contacto coa emigración en América e Europa, que son moi diferentes. Vendo como vivía a emigración galega en Arxentina, produciume unha certa tristeza como vivían desacougados porque non estaban onde querían, non tiñan raíces e para saír adiante, tiñan que loitar con máis esforzo. Eu falo no libro de pequenas corruptelas. Cando estiven alá, contábanme cousas que me asombraban. As persoas teñen que ter unha certa formación para que a súa ética sexa máis firme. Logo hai un tanto por cento menor de persoas que son como Galisindo, sen escrúpulos nin ética e todo lles vale, pisan por riba dos demais.

Na obra hai unha parte que fala desoutra corruptela que nace en Galicia na pel dese alcalde progresista que cambia de chaqueta en función de intereses.

Aquí empezaban os cambios de chaqueta. Daquela eu xa coñecín a alguén que recorreu catro ou cinco partidos até que atopou onde asentarse. Son xente que vai polo poder, que se van corrompendo e van contaxiando a sociedade porque iso vaise estendendo.

Como indica Laura Tato na introdución, unha das cousas que máis molestou naquel momento foi a denuncia que facía a obra: que a corrupción "contamina" a toda a sociedade.

É curioso porque iso sábese pero non é o mesmo que suba a un escenario. Ao ser elevado á categoría de arte e exposto ante un público, adquire outra dimensión que pode resultar molesta ao poder. De aí o misterio comunicativo da arte dramática: unha pequena anécdota pode chegar a un público e que este se decate da dimensión social que ten.

Xa dende "Zardigot", a crítica social está presente no seu teatro.

Si, pero "Zardigot" eran tempos de ilusión. Ver nun escenario como saían a relucir aspectos da guerra, era forte para unha sociedade que tiña o conflito na memoria do conflito e certo medo. Pero daquela tamén había ilusión na xente nova. A obra era máis crítica pero non creaba pesimismo senón certo optimismo porque se vía que unha sociedade que proviña dunha autocracia se viña abaixo. Pero en "Azos de esguello", o tempo cambiara, non era a democracia que queriamos pero a decepción é maior cando comprobas que as ilusións empezan a esfarelarse e entón vai chegando o desencanto e o pesimismo. Agora está habendo unha indignación porque estamos secuestrados en nome de grandes palabras e dunha legalidade que está construída democraticamente. Pero iso é certo en parte. Non vivimos nunha democracia real. Estamos gobernados por unha minoría, que se fixo co poder. Sobre iso había que escribir outra obra.

O TEATRO GALEGO

"Hai titiriteiros ao servizo do poder"

A obra anticipaba unha situación que hoxe se está a reproducir con máis forza.

Eu penso que o labor dos escritores é ser testemuñas dunha época pero tamén anticipar que vai vir se seguimos por este camiño. Toda a corrupción se foi multiplicando.

"Azos de esguello" remata cun discurso baleiro de Galisindo. Cre que o teatro galego está a padecer iso na actualidade?

Hoxe en día hai unha tendencia a unha comicidade facilona que nos leva moitas veces a unha crítica superficial. Tamén hai unha tendencia ao formalismo: enfatízanse certos esteticismos e hai unha minusvaloración dos contidos. Os tempos non son bos, as compañías teñen que vivir e consciente ou inconscientemente vanse adaptando. Os titiriteiros sempre estiveron ao servizo do poder. Agora están recibindo axudas do poder. Saben que ou ben se manteñen integrados ou se teñen que poñer á marxe. Temo que moitas estéticas que queren tapar o que ocorre non leven o noso teatro por camiños que o dignifiquen.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS