Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Pola dereita, Suheir Hammad, Farah Hamed e Maryam Juma, no encontro de onte cos xornalistasma |
Unha muller decide ser policía, pero para cumprir o seu soño terá que romper cos estereotipos e enfrontarse ás reservas dunha sociedade rural tradicional. Seu pai e seu tío opóñense, pero ela é unha persoa forte que ten claro o que desexa e fai todo o que debe facer. Este é o celme do documental A muller policía, da directora xordana Maryam Juma, que onte proxectou o Festival Internacional de Cinema Auro-Árabe Amal.
Un filme que constitúe un exemplo do aumento recente do número de mulleres policía nas rúas de Ammán, ademais dunha proba da loita que moitas mulleres árabes están a levar a cabo por ser elas mesmas, a contracorrente dos roles de xénero máis tradicionais. A organización de Amal xuntou a Juma, á escritora palestino-americana Suheir Hammad e á actriz e membro do xurado deste certame Farah Hamed nun encontro cos xornalistas na que se reivindicou unha mudanza dos estereotipos dominantes en Occidente sobre as mulleres árabes.
"Eu creo que é un problema de ignorancia. Nós mesmas podemos servir para romper o clixé da muller á sombra do home. A realidade é máis complexa. As mulleres árabes somos moito máis que o tópico da muller con veo", salientou Hamed. "Por ser muller árabe non tes que levar veo. Nin un pano ten que significar opresión. Para moitas mulleres, é simplemente unha cuestión de tradición e non de relixión. Podes ser árabe cristiá, musulmá, ou non relixiosa", indicou Juma, quen apuntou ademais a necesidade de diferenciar a situación das mulleres no rural, -nas sociedades máis tradicionais-, e nas cidades, e nos distintos países -na zona do Golfo, a sociedade é máis conservadora-.
Hamed subliñou a loita individual de moitas mulleres por cambiar as cousas. "Hai moitas mulleres artistas marabillosas no mundo árabe, pero non son coñecidas. Hai unha visión racista, e unha tendencia a enmarcarnos", comentou. Juma lamentou que en Xordania, as autoridades non favorecen a loita das mulleres -si o fai o Rei, dixo-, e recoñeceu que en certos lugares tivera que deixarlle a cámara a un compañeiro para gravar.
"É certo que te poden mirar como a rara, a estranxeira, e que pode haber medo á occidentalización", sostivo Hamed, que se criou en Marrocos. "Cando estás fóra do teu contorno e te rexeitan, te miran como se foses terrorista, reafírmaste na túa identidade, e podes poñer o veo como un signo de que estás orgullosa de ser quen es. Teño amigas que levan veo, como outras levan un crucifixo. En Marrocos hai mulleres que estudan, saen...", dixo.
Hammad salientou o activismo das mulleres nos movementos sociais en Estados Unidos e en Palestina. Ghaleb Jaber Ibrahim, creador da Fundación Araguaney, lembrou que en Occidente tamén hai machismo e que en moitos países árabes a muller pode non ter influencia política pero si social, a través por exemplo da arte. "Parte deles son ditaduras, polo que nin mandan as mulleres nin os homes", senón unha minoría, que ás veces é moi tradicionalista.
