Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

A feble Transición

Kiko Neves edita con "A Porta Verde do Sétimo Andar" a súa nova novela, na que un escritor procura, na viaxe, o encontro consigo mesmo e a superación dos seus referentes

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 24.06.2011 
A- A+

AXENCIAS

FOTO: AXENCIAS

"Ponteareas, ano mil novecentos oitenta. A ditadura seguía no seu máximo apoxeo: un alcalde falanxista, unxido dende o ano anterior por unhas eleccións tramposas ou democráticas (ao longo dos anos sigo sen entender as diferenzas), e un párroco de sotana negrísima e verbo de veterano ex combatente eran as referencias de poder e de cultura". Son palabras do narrador e protagonista de O día que morreu Steve Macqueen. Unha novela de Xabi Ribax, o novo libro de Kiko Neves.

Xabi Ribax é un escritor que foxe da súa vila, Ponteareas, e emprende unha viaxe, entra Galiza e Portugal, na procura de si mesmo. Polo camiño vaise atopando con outras persoas coas que tenta comunicarse, pero coas que nunca fica. Kiko Neves presentará esta obra, editada polo colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, mañá a partir das 20:00 horas na Casa Charry -Praza da Galiza s/n - Oleiros- .

Déixasnos sen saber como remata a historia.

O xogo é que hai un autor que vai escribindo o que lle pasa. E si, quedan cousas sen resolver. Aínda que hai ó final unha data que dá pistas.

Son parágrafos, curtos, frases curtas, a prosa é moi fluída.

Supoño que iso virá do meu xeito de escribir poesía, con versos curtos, cun determinado ritmo. E supoño que que che regalen ós 14 anos unha colección de novela negra americana deixa a súa pegada. Esta novela escribina ó mesmo tempo que o poemario Centoonce. Hai xa sete anos. A novela andivo polas editoras, ata agora.

O protagonista viaxa todo o tempo no seu coche. A idea constitúe todo un xénero. E lembra outros autores, como Xurxo Borrazás...

Xabi está reformulándose a súa existencia, e dá conta do seu xeito de ver o mundo. É alguén que foxe da súa vida de carteiro triste nunha vila resesa, unha vila franquista dos anos 80. E ó viaxar esváenselle os referentes, aínda que non deixa de moverse en círculos. Non é como o seu admirado Steve Macqueen, senón que é covarde. Consigue publicar unha novela, entrevístano no Faro de Vigo, e toma a determinación de marchar, sen saber onde. Cando escribín a novela si tiña na cabeza autores como Richard Ford, Borrazás... Da influencia de Bukowski lévanme falando 15 anos. Pero non renuncio a el. Como de Richard Ford, interésame o seu realismo sucio, que non é falar de cousas sucioas, senón da realidade tal como é, do cotián.

Atópase cunha serie de personaxes que lle fan de espello no que mirarse. Sara é un deles. É un solitario porque o escolleu, pero séntese só e tamén precisa comunicarse...

Sara podería ser unha voz interior del, alguén que lle di cousas que non lle gusta escoitar. Belén, a que foi a súa moza, deixouno porque el era incapaz de saír de Ponteareas, dos seus referentes, como se lle gustase estar metido no pozo. Si sente a necesidade de comunicarse, pero non acaba de sentirse cómodo con ninguén. Leva tanto tempo pechado en si mesmo, no seu radicalismo individual, que lle custa volver conectar coa xente. É un ser en tránsito, sen tempo para parar.

O protagonista reflexiona sobre moitas cousas. Como o xeito no que afecta á vila a modernidade mal entendida. Ou a maneira na que Galiza parece non existir, negada por España e por Portugal; ou como o capitalismo barre os dereitos dos cidadáns, converténdoos en consumidores pasivos.

A vila do protagonista é Ponteareas, pero podería ser outra. A democracia tarda moito en chegar, nun proceso moi lento. Cousas que conto na novela, como que o cura nos 80 poñía na porta da Igrexa que películas se podían ir ver ó cinema e cales non, foron verdade. E a historia do colexio masculino no que se "educaba" os nenos a base de hostias. E entender a realidade destas vilas serve para entender a realidade global. A política municipal aquí funciona así, co enchufismo, os dereitos civís conculcados... O narrador cita a autores anarquistas, pensa que habería que derrubalo todo e construír outra cousa... O de Galiza exemplifícao ben o que comenta o protagonista sobre o DNI, no que Galiza non existe. Do mesmo xeito que os economistas non entenden que o que chaman economía de subsistencia é o que a xente facía de xeito natural, sen entrar nos circuítos do capitalismo. Parece que as cousas mudaron arriba, pero non abaixo. Como se Galiza fose unhas provincias. Parece que non existe no Eo-Navia, no Berzo, como se alí non se falase galego... O protagonista, de feito, só no límite con Castela, en Seabra, atopa a perspectiva suficiente, para parar, pensar.

DATOS

Algo alternativo tamén hai

Aí hai un colectivo pola memoria histórica bastante activo....

Aquí ergueuse un monumento a Franco, por subscrición popular, xa morto o ditador. E recollendo o descontento ante feitos coma este, xurdiu unha plafatorma de xente. Pero é recente. Tivemos de alcalde a Castro, logo a filla... Da loita contra a Cabezón, a estatura de Franco, quedou unha pegada alternativa. O BNG está agora un pouco institucionalizado..., e xurdiu Ponteareas de esquerda, que sacou só 15O votos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS