Mércores 08.09.2010
| Actualizado 17.01
Hemeroteca web
|
RSS
Un robot capaz de recoñecer o seu creador, brazos electrónicos para ensamblar a velocidade de vertixe e ata un humanoide que xoga ó ping pong: o último en robótica móstrase desde onte en Tokio nunha feira na que participan case 200 empresas. A Exposición Internacional de Robots, que se celebra cada dous anos no centro Tokyo Big Sight, é a maior cita mundial dun sector abanderado por Xapón, país do que saen a metade dos robots industriais do mundo.
Como non podía ser doutro xeito, un robot humanoide foi o encargado de cortar a cinta de acceso ó recinto, que presentaba un aspecto digno dunha película de ciencia ficción.
Decenas de robots, a maioría destinados a procesos industriais, exhibían as súas aptitudes ante o numeroso público, mentres representantes das 192 empresas participantes explicaban orgullosos as súas características e as melloras dos enxeños electrónicos.
Firmas como Toshiba ou Mitsubishi, xunto a nomes menos coñecidos como Anybots ou ABB, levaron desde enormes máquinas para realizar procesos de automoción ata minúsculos aparellos teledirixidos para operacións de precisión.
Entre os que máis chamaron a atención na primeira xornada da feira estiveron os robots humanoides, que nos últimos anos melloraron a súa "vista" e "tacto" grazas ós avances en óptica dixital e ó desenvolvemento de sensores eléctricos.