Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

creación

A fendedura da ironía

David Souto pon de relevo co seu poemario "A árbore seca" o "peche" da literatura galega nunhas determinadas liñas estéticas

M. DOPICO . SANTIAGO   | 08.07.2008 
A- A+

‘A árbore seca’ é o segundo libro que escribiu David Souto, e o primeiro que lle publican

Nin o voluntarismo, nin a militancia. Nin o afán de erixirse en parte da intelligentsia ou participar nalgunha ágora ideal definidora dos destinos da patria. Nin o de salvar ou redimir nada. Senón só a procura do "lapso da incomunicación co seu lector, o intersticio irónico". É, en parte, a arela que animou a David Souto a escribir A árbore seca, o seu segundo poemario, galardoado co IV Premio de Poesía Fermín Bouza Brey, que Espiral Maior acaba de publicar.

Souto, que presentou onte este libro na libraría Couceiro de Santiago, acompañado polo escritor Manuel del Río, a directora da editorial Toxosutos, Iria Lago, e o director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, explicou nunha entrevista que a publicación de A árbore seca "responde a un intento de achegar algo novo, opór o meu texto a outros como proposta para o lector".

"Eu tiña claro que quería adicarme a ser escritor. Cheguei a Compostela para estudar e, xunto con outro poeta que coñecín, Manuel Blanco, tentei afastarme un pouco de certas modas imperantes, da típica estética dos anos 90. E atopei -disto hai tres anos- todas as portas pechadas. Nos últimos anos, aquí só podían publicar os fillos de escritores e certos políticos, que non se afastaban dunha determinada liña: a do compromiso lingua-política...", subliñou.

"Respecto a liña social-realista, creo que é lexítimo e esencial defender o galego como lingua literaria, pero iso non o xustifica todo. Hai na cultura galega xente moi ben colocada, con moita fachada, que se pecha a autras liñas estéticas e que cae en contradiccións entre o seu discurso e o seu modo de vida. É unha cultura moi oficial, de escaparate, de propaganda, que xoga a ser minoritaria. Eu débolle moito á cultura galega, por ser minoritaria, pero decidín deixar de escribir en galego porque penso que para manterme niso teño que escribir nunha lingua coa que non me sinto tan identificado", matizou. De feito, este arousán, que vive en Barcelona, marchará pronto a Estados Unidos.

A árbore seca toma o seu título dun elemento das narracións medievais de corte artúrico, nas que "hai un bosque perdido onde se confunden os tempos, cunha árbore seca, como metáfora do literario, no que conflúen os tempos, un lugar de limpeza e memoria, de reescritura continua", aclarou.

"O libro estaría relacionado cunha estética de corte culturalista, dotada de forzas rupturistas. Está estruturado en tres partes. Na primeira, o elemento narrativo achégase ao poético ata confundirse con el. Os poemas están formados por estrofas que poderían ter independencia por sí soas, con saltos, elipses. A segunda comeza a apuntar á problemática da cultura galega, que se mestura cos temas centrais da poesía do tipo o amor, a soidade... No libro hai vivencias persoais, está a problemática da cultura e da política, e notas irónicas sobre estas problemáticas. A terceira parte é a máis arriscada. É un verso medido agás algunha prosa, e feito a base de fragmentos reais e ficticios, que son resumo da estética do libro", salientou.

O CONTIDO

"Foi o meu proceso de escritura máis desgarrador, máis próximo"

"O de A árbore seca foi o meu proceso de escrita máis desgarrador, no que me sentín máis próximo ao texto. É o segundo libro que escribín. O primeiro, Vertixe da choiva, vaino publicar Toxosoutos", comentou.

A natureza, e a idea de destrución, están moi presentes nesta obra. "A literatura ten moito que ver coa destrución, porque na teoría é un produto cultural do que se aprende, e na práctica nega a túa existencia como suxeito. A poesía non é unha expresión do poeta, senón da literatura. E a literatura é un xogo de continua reescritura...", afirmou o autor. Canto á natureza, "o libro colle o máis tópico do poético, o kitsch, e transformao nalgo distinto. Hai ironía mesmo onde non o parece. É a ironía do exercicio poético: pretendo non ser dogmático, senón demostrar que todo é posible, que non hai que axustarse a unha determinada liña estética. A obra ten un pulso moi épico, tamén. Pero ese pulso pretende ser sarcástico, como o do bufón, pois onde xoga coas formas dos cantos épicos, no contido non pode ser épico, pois sitúase, como diciamos, na atmosfera da destrucción ou, máis ben, da contradición", argumentou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS