Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 16.04.2014  | Actualizado 13.24

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

obra

Ferramenta para a fala

O ILG e a RAG publican un dicionario que incorpora a pronuncia en galego de 47.000 palabras, para ampliar a "difusión social da lingua"

Anxo Lorenzo, pola dereita, e Xosé López onte na presentación do Dicionario galego-latino clásico e moderno - FOTO: pepe ferrín/agn
Anxo Lorenzo, pola dereita, e Xosé López onte na presentación do Dicionario galego-latino clásico e moderno - FOTO: pepe ferrín/agn

MARÉ . SANTIAGO   | 23.10.2010 
A- A+

Un novo dicionario impulsado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG) incorpora as transcricións fonéticas de 47.000 palabras xunto cos seus respectivos modelos de pronuncia. O Dicionario de pronuncia da lingua galega, coordinado polo investigador do ILG, Xosé Luis Regueira, profesor do departamento de Filoloxía Galega da USC, é unha "ferramenta relevante para a normalización do galego" ao permitir fixar un modelo de pronuncia da lingua "estándar" para aplicar á aprendizaxe do idioma, ós medios de comunicación e a outros ámbitos de difusión do galego.

Esta obra de consulta diríxese por iso tanto a aprendices galegos e fóraneos como a todos os profesionais que requiran unha pronuncia estándar como xornalistas dos medios audiovisuais, dobradores, actores ou ensinantes.

Partindo das formas contidas no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) o volume fornece transcricións fonéticas para 47.000 palabras cunha proposta de pronuncia modelo que ten en conta toda a información fonética coñecida da lingua galega. Segundo apunta no prólogo Regueira, a necesidade de desenvolver un modelo estándar para a lingua falada responde a razóns "ideolóxicas e de prestixio". Ou dito noutros termos, "resulta imprescindible a existencia dun estándar" para conseguir a "difusión social do galego", ou, cando menos, conseguir mellorar a súa aceptación.

 

"As pronuncias neutras son as dos grupos de poder"

Os dicionarios fonéticos actuais de idiomas como o inglés, o francés ou o alemán, para evitar connotacións de idioma "de clase alta e privilexiada", toman como referencia o modelo de lingua característico dos locutores dos medios de comunicación falados. "Pero estas pronuncias "neutras" -indica o profesor- son na realidade as de determinados grupos sociais asociados ao poder cultural e ideolóxico dunha comunidade lingüística".

O galego conta na actualidade cun estándar escrito "máis ou menos asentado nunha parte da sociedade, construído con materiais do "galego tradicional" e con outros de distinta procedencia". Neste estándar, a influencia do español é irrefutable. Na lingua falada o investigador do ILG constata a existencia de "modelos urbanos de galego con base fonética española, percibidos como de maior prestixio, modelos frecuentes nos medios de comunicación".

No caso da lingua galega, "non existe unha elite galegofalante prestixiosa con forte presenza social". Antes ben, o perfil da persoa que emprega a lingua do país adoi- ta ser a dun profesional con formación universitaria, vinculado ao mundo da cultura e que tamén é usuario do galego escrito.

Por iso, á hora de elaborar este dicionario, Regueira tivo en conta a tensión existente entre os criterios lingüístico-ideolóxicos (os referidos, por exemplo, ao purismo ou ao achegamento cara ao portugués) e os criterios sociais (como os prexuízos sociais contra a lingua rural e das clases baixas).

A proposta desta obra de consulta é "a continuidade coa lingua falada pola comunidade, a actitude purista fronte á influencia do castelán, a preferencia de formas conservadoras e a harmonía coas demais linguas romances e co protugués, sobre todo, na adaptación de termos novos".

O dicionario, editado conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega da USC e pola Real Academia Galega, conta coa axuda financeira da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra foi elaborada por un equipo formado polos investigadores Xosé Luís Regueira (como coordinador), Antón L. Dobao, Carme García Rodríguez, Carme Hermida, Xosé Pérez Sardiña, Xulio Sousa e Carme Vidal Reimúndez (que actuou como colaboradora).

TRADUCIÓN

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu onte á presentación do Dicionario galego-latino clásico e moderno, unha obra da autoría de Xosé López Díaz que acaba de publicar o Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades.

Como o seu título indica, o dicionario parte do galego como lingua fonte e ten o latín como lingua de destino. A obra propón a equivalencia en latín do léxico galego clásico e moderno e, neste sentido, a súa principal particularidade é que o autor recolle nela os termos máis actuais do galego, totalmente descoñecidos no mundo antigo, como "correo electrónico, persiana, televisión, anorexia ou futbolín, así como expresións do tipo vaiche boa ou botar o carro antes que os bois", entre outras moitas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, trasladoulle os seus parabéns ao autor do dicionario, Xosé López, polo "lúcido e inmenso labor levado a cabo nesta obra" e aproveitou para gabar outro dos seus recentes traballos: a primeira tradución completa ao galego do Códice Calixtino.

Respecto do dicionario, o secretario xeral destacou a súa utilidade práctica como ferramenta didáctica para o ensino do latín e, por outra, fixo fincapé no "aspecto simbólico e necesario deste traballo, que actualiza e incrementa a tradición lexicográfica feita desde a lingua galega, tan importante para profundar na produción cultural de Galicia". Ao mesmo tempo, o secretario xeral destacou que a obra enlaza o coñecemento humanístico entre galego e latín, así como a conexión entre as dúas culturas.

Finalmente, Anxo Lorenzo afirmou que "o papel do latín no século XXI está aínda sen escribir e que o feito de que presentemos este dicionario dá moito que reflexionar sobre a súa relevancia como idioma con vitalidade académica, humanística e científica nos nosos días".

Na presentación, que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, tamén participaron o autor da obra e catedrático de Latín Xosé López Díaz; a vicedecana da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé López Couso; o catedrático de Latín desta universidade Enrique Vázquez Buján; e mais o secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal.

Para a equivalencia en latín do léxico galego moderno, o autor botou man da creación neolóxica en latín e de propostas formuladas xa con anterioridade por outros autores de obras semellantes que teñen como lingua de partida outras linguas actuais. É, unha obra que pretende facilitar a expresión en latín de calquera situación da vida actual moderna, unha necesidade sentida por practicamente todas as linguas de cultura.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS