Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

obra

"Fiestra aberta ao mundo"

Presentan a antoloxía máis completa en galego-inglés que reúne 300 textos de 150 autores dende Mendiño até os novos creadores

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 24.11.2010 
A- A+

ramón escuredo
Anxo Lorenzo, pola esquerda, Antonio de Toro e Jesús Vázquez
FOTO: ramón escuredo

Ten ante si o froito de dous anos de intenso traballo. É a luz que desprende o fa­ro de Breogán, Breogan"s Lighthouse. O catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, Antonio de Toro, presentou onte na Galería Sarga­delos de Santiago de Com­postela con este nome a antoloxía máis completa bi­lingüe en galego e inglés.

Nun acto presidido polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e coa pre­senza do director xeral de Difusión Cultural Francis­co López; o secretario xe­ral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o coordi­nador do centro Ramón Piñeiro, Manolo González, presentouse o volume, de case 700 páxinas, que se­gundo o propio editor, xorde ó fío dunha proposta dun profesor dunha uni­versidade inglesa para a tradución de linguas mi­noritarias europeas.

A antoloxía, editada pola firma inglesa Francis Boutle Publishers, encon­trou apoio económico na Dirección Xeral de Difusión Cultural e colaboración desinteresada no Centro Ramón Piñeiro.

Por primeira vez reúne oitocentos anos de histo­ria da literatura galega na que están agrupados, segundo De Toro, 150 autores con preto de 300 textos dende a época medieval, desde os comezos da litera­tura galega, con Mendiño ata 2010, cos novos creadores.

O editor sinalou, satisfeito, que se trata dunha "fiestra aberta ó mundo" sexa de fala inglesa ou non. "Hai que pensar en países euro­peos co inglés como se­gunda lingua e que agora ten a posibilidade de ter textos en versión galega e á beira versión en inglés".

De Toro, que destacou o gran labor do seu equipo, insistiu que Breogan"s Lig­hthouse "non é unha publi­cación académica, de uso restrinxido, senón dunha obra de divulgación".

Pola súa banda, Francisco López en representación da Consellería de Cul­tura, sinalou que esta pu­blicación, que mañá se presentará na Coruña, é un signo do "camiño co­rrecto" e confirmou que o seu departamento adquirirá exemplares para os insti­tutos Cervantes de todo o mundo. Segundo o director xeral, a publicación posibilitará que "o público de fala inglesa poida achegarse ao que precisa da nosa escrita, ás mensaxes que construímos, ao noso xeito de contemplar a realidade e de sentir do mundo". Francisco López lembrou que, nun ano tan importante como o Ano do Libro e da Lectura, "esta antoloxía bilingüe nos confirma que, como sociedade, e como país, estamos no camiño correcto, que temos algo para expresar e que podemos sentirnos moi orgullosos das nosas posibilidades e da nosa creatividade literaria".

Antonio de Toro apuntou que podería falarse dun antes e dun despois a partir desta obra. "Por moi boas cousas que fagamos na cultura galega, sexa na manifestación que sexa, sexa en pintura, li­teratura, arte en xeral se non o pomos en coñe­cemento a través do inglés non existimos e cada vez máis por cuestións da Rede".

Entre os escritores galegos analizados hai unha longa nómina de colaboradores de EL CORREO e Galicia Hoxe. Figuran Vicente Araguas, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, X. Rábade, Víctor Freixanes, L. González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello, Io­landa Castaño e Neira Vilas.

 

Jesús Vázquez: "A literatura é o noso patrimonio histórico"

Ao ver de Jesús Vázquez, "a antoloxía que hoxe presentamos constitúe un ambicioso proxecto no que se recolle unha importante mostra da literatura galega desde a época medieval ata o 2010, o que a converte nun auténtico faro da nosa literatura, que guiará o lector polos textos máis importantes da historia das letras galegas".

O conselleiro de Educación salientou que, a través desta obra, "podemos hoxe ofrecerlle a todo o mundo anglófono o maior tesouro de Galicia: un monumento literario comparable ao de calquera outra cultura europea". Así mesmo, Jesús Vázquez aproveitou para manifestar que "co apoio a esta antoloxía, a Xunta de Galicia demostra, unha vez máis, a súa preocupación por que a lingua, a cultura, o noso patrimonio histórico -neste caso a literatura- sexan coñecidos, valorados e apreciados fóra da nosa comunidade".

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, pola súa parte salientou que, "ao valor que de por si mesma ten esta escolma por ofrecer unha visión completa e representativa da produción literaria galega, vén sumarse a súa condición de antoloxía bilingüe galego-inglés". "Isto redundará -engadiu o secretario xeral- nunha maior visibilidade para a lingua e a literatura galegas, porque incrementa o interese polas nosas letras e a nosa lingua fóra de Galicia, ao tempo que favorece, en consecuencia, o recoñecemento internacional tanto do sistema literario galego como tamén do idioma propio de Galicia".

 

CICLO LINGUA E XUVENTUDE

Anxo Lorenzo recoñece que o galego carece de prestixio social

"O galego xa ten un prestixio cul­tural consolidado, agora cómpre insistir no seu prestixio social", afirmou Anxo Lorenzo na inaugu­ración do Ciclo Lingua e Xuventu­de, un Debate para o Futuro, que tivo lugar onte no Centro Cultu­ral da Deputación de Ourense. Na apertura do ciclo tamén partici­paron o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e mais o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar.

"É importante a actitude, para superar vellos e novos prexuízos que, por sorte, a sociedade galega xa vai deixando atrás", salientou Anxo Lorenzo durante a súa inter­vención. "En consecuencia -enga­diu- debemos contribuír a dar un­ha imaxe positiva do galego e dos seus falantes, como vía imprescin­dible para afianzar o seu prestixio social, e os referentes de utilidade e identidade vinculados con ela", asegurou. Cómpre vencellar o galego á moder­nidade e aos intereses dos máis novos. O responsable de Política Lingüística tamén incidiu en que "para o fomento da lingua ga­lega todas as liñas de actuación son importantes, así como to­dos os sectores sociais e todas as persoas; aquí ninguén sobra pa­ra prestixiar e darlle forza social ao galego". Ao fío disto, Anxo Lo­renzo fixo fincapé na importancia de transmitirlles a lingua galega ás novas xeracións de falantes e de crear espazos de uso e de aprendi­zaxe da lingua galega vencellados ao lecer, á modernidade e aos in­tereses dos nenos e dos mozos, co fin de promover unha imaxe posi­tiva do galego e sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma".

A Deputación de Ourense pro­move o ciclo no marco do conve­nio que mantén Política Lingüís­tica a prol do uso da lingua gale­ga. A través deste marco de cola­boración, a deputación está a im­pulsar actividades de formación en galego e mais de dinamización social da lingua propia de Galicia dirixidas aos concellos da provin­cia de Ourense, moitos dos cales carecen de servizo lingüístico de normalización.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS