Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

"EU SON BALBINO. UN RAPAZ DA ALDEA" ·· aniversario

O fito editorial

Hoxe cúmprense cincuenta anos da publicación na Arxentina de "Memorias dun neno labrego", a novela que fixo de Neira Vilas o escritor máis lido da historia da Literatura galega

MARÉ . SANTIAGO   | 05.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
‘Memorias dun neno labrego’ conta con edicións nas máis importantes linguas europeas
FOTO: AXENCIAS

Memorias dun neno labrego, a obra que fixo de Xosé Neira Vilas o escritor máis lido da historia da Literatura galego, por riba mesmo de Rosalía de Castro, cumpre hoxe cincuenta anos da súa publicación na Arxentina. A efeméride será celebrada ao longo do ano con publicacións sobre o autor e reedicións da novela, como as dúas que preparou Galaxia, editorial á que Neira Vilas lle pasou os dereitos des que os novos administradores de Sargadelos pecharon Edicións do Castro. No Castro, publicouse por vez primeira Memorias dun neno labrego en Galicia: foi en1968 con ilustracións de Díaz Pardo en substitución de Luís Seoane, que realizou a portada de 1961, recuperada agora por Galaxia para unha das súas reedicións. A outra, de carácter conmemorativo, aparecerá a finais deste mes e ten a Xaquín Marín como ilustrador.

Para comezar as celebracións, o Concello da Estrada acollerá hoxe, ás once da mañá no Museo do Moble, un acto de homenaxe no que participarán o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Francisco López. Tamén neste mes de xaneiro se estreará no Teatro Principal de Compostela a montaxe realizada por Cándido Pazó sobre a novela, Memorias das memorias dun neno labrego.

 

Unha obra traducida a dezasete idiomas

As cifras que arrastra a novela son de marca para o ámbito editorial en galego: son máis de 600.000 exemplares os distribuídos, incluídos os dos dezasete idiomas aos que foi traducida, a máis recente en esperanto, aínda que neste apartado se atopan tamén singularidades como o feito de ser o primeiro texto en galego volto ao chinés, contar cunha versión en lingua maia e en sistema Braille para cegos. Na Alemaña, é o único libro do estado que figura no Catálogo da Literatura Universal. Da obra, ademais, fixéronse dous documentais -un do propio Freixanes e outro de Xan Leira- e este mesmo ano comezará a rodaxe da súa versión cinematográfica.

Memorias dun neno labrego vense utilizando como libro de lectura en colexios e institutos de Galicia, e tamén se utilizou en castelán en centros de ensino medio de Cantabira e en escolas secundarias básicas de Cuba. En alemán, utilizouse nas universidades de Leipzig e de Tréveris.

Neira Vilas comezou a redactar a novela no segundo semestre de 1960, en plena primavera austral. O escritor lembra que saía do seu traballo, nas oficianas dunha empresa importadora de madeiras, e sentaba nun café da rúa Cullen de Bos Aires: entraba eu cada tarde, abría o seu portafolios marrón e poñíase a escribir. "Era", subliña, "un local grande e estaba case baleiro nesas horas. Escollía sempre a mesma mesa, á beira dunha columna. Pedía un café ou un refresco, e vin que o camareiro (souben logo que se chamaba Evencio e que era dunha aldea ourensá) quedaba ollando aqueles papeis por riba do meu ombreiro. Vendo a súa curiosidade díxenlle o que viña escribindo. E interesoulle. Un día presteille o caderno, que comezou malamente a soletrear, e de alí en diante líalle eu cada día, denantes de irme, o que escribira. Era así o primeiro lector do meu libro"

 

O entusiasmo de Dieste e de Luís Seoane

Cando mecanografou o texto, leuno Anisia Miranda, unha periodista cubana de raíces galegas coa que casara en 1957. A Anisia gustoulle e tamén lle gustou o escritor Rafael Dieste, exiliado na Arxentina. Ao día seguinte, Dieste chamouno e gabou a descrición da vida campesiña, o léxico e a psicoloxía do rapaz protagonista, Balbino, que se convertería xa para sempre nun dos heroes do fabulario de Galicia. Dieste pasoulle o texto a Seoane e Seoane quedou fascinado: Memorias dun neno labrego lémbralle a súa infancia nunha aldea do Pino. Ofreceuse para publicarlle o texto "e tras agradecerlle o xesto", apunta Neira Vilas, "expliqueille que pensabamos editalo co noso modesto selo Follas Novas, como fixeramos Anisia e mais eu cos senllos poemarios que deramos a coñecer algúns meses antes e para os que Seoane debuxara as cubertas".

A imprenta de Alfonso Ruíz, que publicara outras obras galegas, fixo a impresión, concluída arredor do vinte de decembro de 1960, se ben Neira fixo aparecer no colofón a data oficial do cinco de xaneiro por razóns "elementais" que hoxe, asegura, "non paga a pena contar". Imprentáronse dous mil exemplares e a acollida na prensa galega de Bos Aires foi moi boa. Tamén en Galicia se fixeron eco da publiación e Fernández del Riego dedicoulle un artigo en La Noche. Logo, pediulle trescentos exemplares para distrubilos no mercado interior. Actualmente, son 31 as edicións publicadas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS