Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

iniciativa

A forza da rebeldía

A primeira caravana de pallasos do Festiclown Palestina conseguiu desembarcar nos territorios ocupados

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 26.10.2010 
A- A+

AXENCIAS
Iván Prado participou en caravanas anteriores do colectivo
FOTO: AXENCIAS

O Festiclown Palestina segue adiante, malia os atrancos. Tras a expulsión do director desta iniciativa, Iván Prado, o pasado mes de abril, do aoeroporto de Ben Gurion (Tel Aviv) por parte das autoridades israelíes, o pasado sábado a primeira caravana de pallasos deste proxecto conseguiu entrar nos territorios palestinos ocupados.

Esta caravana ofreceralles ás persoas que o desexen obradoiros vivenciais de clown, de circo e de risoterapia, así como actuacións de circo/clown e o comezo da formación en risoterapia. Estas actividades servirán, ademais, para seguir a preparar o que é un dos obxectivos prioritarios de Pallasos en Rebeldía, a celebración do I Festival Internacional de Clown en Palestina, en outubro de 2011 -nun principio estaba previsto que se desenvolvese este ano, pero non foi posible-.

Os organizadores do Festiclown traballan dende hai tempo neste proxecto. Un dos eventos promovidos neste sentido foi a Gala Clown por Palestina, no Festiclown 2009.

Con esta nova caravana, -xa celebraron outras en anos anteriores en Palestina e noutros lugares como Chiapas-, comezará, informa Pallasos en Rebeldía no seu blog, unha "intensa formación en risoterapia" que durará varios meses. Este colectivo salienta que "cremos na risa como arma contra as inxustizas e no clown como protector dos valores sociais máis humanos".

Deste xeito, Festiclown Palestina trata de "fomentar e consolidar" xunto coa asociación Palestinian Circus School, as artes circenses, o clown e a risa, como unha "alternativa psicolóxica e social a unha economía de ocupación e conflito bélico eternizado".

Festiclown Palestina "nace da certeza de que a risa é o alimento do corazón, a esperanza do futuro". Por iso, unha dos alicerces do proxecto é a capacitación de trabadores de hospital, e educadores en técnicas de risoterapia. Todo iso co obxectivo de "plantar unha semente de esperanza no corazón do un dos conflitos máis longos e vergoñosos dos últimos 50 anos".

Desde Pallasos en Rebeldía quere facerse fincapé en que este festival só sería posible "grazas á colaboración co Circo Palestino de Ramala e a Human Supporters de Nablús", contrapartes locais que darán "estrutura e solidez" ao festival, así como a todos os e as artistas solidarios/as que "traballan para facer realidade" o I Festival Internacional de Clown en territorio palestino.

O director, Iván Prado, non forma parte desta primeira caravana, aínda que anunciou que non deixará de seguir intentando volver aos territorios ocupados. "Amo Palestina, para min Galicia é Palestina e Palestina é Galicia, e a humanidade estase xogando o seu futuro neste territorio", explicou en setembro nunha entrevista con este xornal. Na Caravana viaxan dous pallasos, unha coordinadora do proxecto e un responsable de comunicación e imaxe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS