Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Francisco López no ciclo ‘Galicia, ceo das letras’, na Cidade da Cultura FOTO: JESSICA BARCALA/AGN |
O edificio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, xa ten un novo inquilino: a Dirección Xeral do Libro, que se acaba de instalar na súa planta superior. Así, o confirmou onte o director xeral do Libro, Francisco López. "A nova Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos vai ter a súa sede, como é lóxico, tras a apertura da Biblioteca e o Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura", explicou o director xeral.
Na súa opinión, esta é un decisión razoable. "É lóxico que a Dirección Xeral pola súa relación co libro teña a súa sede aquí. Esta reestruturación pretende profundzar nesta acción conxunta e coordinada das políticas cara ó libro, a lectura e as bibliotecas", aclarou.
Tamén comentou a que se debe esta reestruturación. "A parte de arquivos que estaba en Patrimonio, máis pola súa relación co tema das bibliotecas e o libro pasa a estar integrado dentro dunha estrutura funcional nesta nova Dirección Xeral". Doutra banda, Francisco López adiantou que a Biblioteca de Galicia facilitará carnés de investigadores, para acceder ós fondos do servizo.
Tamén engadiu que non haberá carnés de préstamos como os que teñen o resto de bibliotecas da comunidade galega. "Os visitantes poderán consultar os libros aquí, pero non haberá servizo de préstamo ós cidadáns".
Iso si, o director xeral precisou que a Biblioteca de Galicia si cederá ó resto de bibliotecas da comunidade exemplares seus en depósito, para que os cidadáns poidan levalos á casa en empréstito. "A nosa función é ser cabeceira da Rede de Bibliotecas de Galicia. Porémolo en marcha este ano a través de maletas viaxeiras, clubs de lectura, para cursos, etc".
Na actualidade, dos 250.000 volumes que alberga a Biblioteca de Galicia entre os seus muros, só hai expostos de momento uns vinte mil.
