Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Francisco Pillado é director da editorial Laiovento, unha das máis prestixiosas do país |
Francisco Pillado Maior (A Coruña, 1941) licenciouse en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá. Fixo estudos de piano. Durante dez anos traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais ‘Ramón de la Sagra’,da Coruña. Fixo crítica literaria en Radio Nacional e dirixiu o espazo ‘A escena e a pantalla’, en Radio Coruña- E.A.J- 41. Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas crítica de libros e espectáculos en diversas revistas. Con posterioridade publicou algunhas colaboracións no diario EL CORREO GALLEGO e no semanario A Nosa Terra. Promotor dos grupos de teatro O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luis Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). En 1965 montou, para o G.T. O Facho, un espectáculo baseado en textos de Castelao e Luis Pimentel. Durante varios anos ocupou a presidencia da Escola Dramática Galega e dirixiu o Departamento de Estudos Teatrais. É coautor de títulos como o Teatro Galego (en colaboración con Manuel Lourenzo) Ed. Castro, 1979; Antoloxía do Teatro Galego (en colaboración con Manuel Lou-
renzo) Ed. do Castro 1982; Dicionário do Teatro Galego 1671-1985 (en colaboración con M. Lourenzo) Ed. Sotelo Blanco, 1987; Conversas en Compostela con Carballo Calero’ (en colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello) Ed. Sotelo Blanco, 1986; ‘A Nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras’ (en colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello) Ed. Sotelo Blanco, 1989, ou ‘A estrela na palabra. Novas Conversas con Xosé Manuel Beiras’, (En colaboración con Miguel Anxo Fernán Vello). ‘Como tradutor’, verteu ao galego a Nicolás Guillén, Lorca, Antón Chékhov, Molière, Jean Genet ou Samuel Beckett, entre moitos outros autores. Foi director dos ‘Cadernos da Escola Dramática Galega’, ‘Colección Castro-Douro Teatro’, ‘Colección Arlequín, ‘Libros de Elsinor Teatro’ ou ‘Revista de Teatro Casahmalet. Na actualidade dirixe Edicións Laiovento. Recibiu distintos galardóns, como o da Aula de Teatro da Universidade de Compostela por un traballo sobre Luis Seoane e o teatro. En maio do 2005, foi homenaxeado no Teatro Principal da Estrada por Edicións da Fervenza polo seu labor a prol do Teatro e da Cultura do País. En decembro do 2006, recibe na Estrada, xunto con Xosé Manuel Beiras, o Premio San Martiño de Honra, ademias de contar no nomeamento de Galego do mes de xuño do 2005 polo Grupo Correo Gallego en compaña de MIguel Anxo Fernán-Vello..
Problemas, atrancos, desavinzas e xenuflexión da lingua galega, despois de tantos anos de martirio e imposición do castelán a sangue e fogo, e logo dunha liberdade condicionada, mantendo o castelán como lingua hexemónica, cun tímido Decreto de Normalización Lingüística, case sempre incumprido polos renitentes colonizados.... A chegada do PP. para min sempre español, pese ás súas solertes e pseudopedosas manifestacións de galeguismo, agora coa inminente derrogación da ‘esmola’, e a imposición dun hipotético trilingüismo, que ben pouco sabe que presuma de coñecer o múltiple desartello da sociedade galega, tan economicamente como lingüística e sociolingüística falando, non cres que este dislate, de se levar a cabo pode ser mortal para o noso idioma?
Creo que diso se trata precisamente, porque eles saben que unha forma inequívoca de acabar connosco como Nación pasa por borrar e aniquilar o maior signo de identidade: o idioma. De aí, ese intento, programado de fomentar o autoodio,
utilizando prácticas racistas, propias do ‘aparheid’ E non falo de ‘apartheid’ por casualidade? Hai uns meses Xornal de Galicia denunciaba o caso dun médico –creo que en Ferrol– que lle negara asistencia a un paciente por falar en galego? Eu non vin en ningures que a conselleira de Sanidade lles enviase unha nota aos medios, dando unha explicación sobre este caso. Mais, que pasaría, pregúntome, se un médico galego-falante actuase dese xeito cun paciente que se expresase en español?... Posibelmente tería que exiliarse porque sería –e con razón obxecto de todo tipo de insultos e descualificacións. Mais no caso contrario, non pasa nada.
O día 1 de agosto do ano pasado, GALICIA HOXE comentaba que dous individuos –o nome é pura anécdota– líderes de ‘Ciudadanos de Galicia’, afirmaban que "ser nacionalistas é volver á cultura da aldea e iso non se pode permitir". "Queremos médicos que nos curen, non que nos saiban contar unha novela en varios idiomas"... Como ves gardo esta nota que nos ilustra perfectamente sobre a vixencia e actualidade do ‘esperpento’. En realidade, resulta complicado rebater este tipo de ‘argumentos’ porque o simple feito de intentalo supón situármonos intelectualmente á altura destes personaxes?
Cando lin que "ser nacionalista é volver á cultura da aldea", lembreime daquilo que comentaban dous
‘aldeanos’ nunha famosa viñeta de Castelao: "Ao señoritos non lle gusta a choiva", comenta un deles. "Non", respóndelle o outro– pero gústanlle as patacas. Cando, ademais, esgrimen argumentos tan profundos como "queremos médicos que nos curen, non que nos saiban contar unha novela en varios idiomas", debo recoñecer que sentín unha especie de vergonza allea, pois, como está documentado, os médicos que se expresan en galego non están cientificamente capacitados para exerceren a profesión cuns mínimos de garantía e poden receitar ‘antidisturbios’ no canto de antibióticos e provocar, en consecuencia, serios problemas de saúde e mesmo de orde pública. Nos ataques contra o noso idioma, en suma, vale todo, absolutamente todo. Por exemplo na manifestación celebrada o día oito de febreiro, organizada por Galicia Bilingüe, o partido de Rosa Díaz, Falange Auténtica e algúns membros do PP, dixéronse –segundo recollen os xornais– que algún dos participantes comparara a defensa do galego co "apoio á organización terroristas como ETA". Creo que diante de acusacións desta índole, o Fiscal debería actuar de oficio, pois eu nunca ousaría equiparar a Galicia Bilingüe cun grupo armado. Simplemente porque non son un canalla nin un demagogo. Mais a ética e a estética da dereita e de certa esquerda española está moi próxima a ideoloxía de Millán-Astray. E, de feito, o portavoz do Partido Popular (PP)P na Coruña, declarou hai pouco que Millán-Astray era un "coruñés de pro". Eu supoño que esa afirmación é simplemente produto da ignorancia na que vive instalado este individuo, pois, con moita diferenza, o máis inocuo que fixo este espadón foi proclamar no paraninfo de Salamanca: ¡Muera la cultura. Abato la inteligencia!
Cres que a manifestación do pasado domingo en Compostela pode variar o rumbo da política lingüística que amaga para mal a Xunta de Núñez Feijóo, ou polo contrario farán caso omiso do clamor do pobo orgulloso de ser e estar en galego?
Creo que, nalgúns sectores do PP, tomaron moi boa nota desa manifestación, De feito, na primeira plana de GALICIA HOXE, correspondente ao mércores 21, figura este titular: "Anxo Lorenzo move ficha para refacer o consenso do galego. O secretario xeral de Política Lingüística convida a Queremos Galego para falar sobre a marcha dos cincuenta mil". De todos os xeitos, eu son moi escéptico. O domingo pasado, por exemplo, decateime de que estabamos moi, moi lonxe de vivir nun país minimamente normalizado... En calquera outro país, encabezando esa manifestación en defensa do seu propio idioma estaría o seu presidente... Mais aquí, polo contrario, quen provoca o conflito é o presidente no momento en que anuncia algunha das medidas que tomará o seu gabinete respecto da lingua... Mais todos sabemos que Núñez Feijóo está moito máis pendente das directrices que lle marca a FAES que da defensa do primeiro –insisto– símbolo de identidade de Galiza. Cando Fraga vén presidir a Xunta, sabe moi ben que está xa no final da súa carreira política e trata de facer certos acenos para borrar o seu pasado. Núñez Feijóo ten outras aspiracións. Para el Galiza, na miña opinión, significa o mesmo que significaba Marrocos para os chamados ‘militares africanistas’: un lugar onde facer unha fácil e rápida carreira para regresar a metrópole con ascensos na escala e cargado de medallas. Galiza é un ‘trampolín’ para optar a ser algún día, talvez, substituto de Mariano Rajoy? ¡Que pena e que tristeza!
Galicia Bilingüe e outros e outras adheridas a este sintagma –para min perverso– insisten ignorantemente en que o castelán ou español é tamén lingua de Galiza ou Galicia, de xeito natural, o cal ao meu ver constitúe a transcendencia do dilirio, o disparate e o sumum da ignorancia. Véxase o sentimento de inferioridade inculcado e inoculado nos galegos e galegas do século XIX, XX e XXI. Mediados do XX, o mestre Luís Acuña comezou impartillar clases. En galego, e loxicamente foi represaliadado, expulsado do maxisterio totalitario e fascista. "Don Luís, non lles aprenda aos nenos en galego, que as cousas malas as aprenden fóra". Era, que dúbida cabe o sentimento de inferioridade do xeral da sociedade galega forzada e violentada polo castelán. Cal é a reflexión que a Francisco Pillado Maior se lle ocorre diante desta miña longa pregunta?
O de Galicia Bilingüe non deixa de ser un movento folclórico como moitos outros que o antecederon. Hai anos aparecera na Coruña unha organización semellante que se chamaba Agli. Tiñan o apoio dos consabidos medios de manipulación e do alcalde Francisco Vázquez que, daquela se autodefinía, como membro dos ‘descamisados de Alfonso Guerra’. Eu mesmo participei nun debabe radiofónico acompañado por Miguel Anxo Fernán Vello, con dous representantes daquela plataforma e comprendín que carecían de argumentos e que, intelectualmente, non era absolutamente nada. No debate ao que me estou a referir, un deles, tratou con certa displicencia a Miguel Anxo. Eu retrucárelle que, pasado non moito tempo, a historia colocaría a cada un no seu lugar. Hoxe Miguel Anxo Fernán Vello é un dos máis grandes e prestixiosos escritores da historia da literatura galega. Daqueles individuos nin sequera lembro o nome. E os que se serviron deles, como o actual embaixador de España no Vaticano, nunca os tomaron en serio. Con isto quero dicir que Galicia Bilingüe é, tamén, un fenómeno pasaxeiro e ‘pintoresco’, pois resulta que aquí, en Galiza, todos somos bilingües, agás xustamente os de GB. A presidenta ou portavoz deste colectivo pedía, segundo lin nalgún xornal, que non se mercasen ibros en galego. Eu sería incapaz de dicir algo así porque é unha expresión cargada de odio e prodúcen-
me arrepío, moito arrepío as persoas que actúan movidas polo odio. Síntome moi afortunado por poder ler a Rosalía de Castro, a Rafael Dieste, a Álvaro Cunqueiro ou a Xulio López Valcárcel. Mais iso non implica que renuncie a ler a Cervantes, a Valle-Inclán ou a Federico García Lorca que, por certo, tivo a sensibilidade de escribir uns fermosos poemas na nosa língua. E sinto magoa non poder ler autores como Goethe, Dostoiewski ou Ibsen, por exemplo, nos seus respectivos idiomas. Galicia Bilíngüe, como todas as anécdotas pintorescas, están condenadas ao esquecemento máis absoluto. E sobre todo agora que xa prestaron o seu servizo e poden resultar incómodas mesmo para os que outrora lles deron azos. Por iso, moito me temo que, pasados os anos, os manuais de literatura, comentarán que, a principios do século XXI, houbo unha señora, a presidenta de Galicia Bilingüe, que recomendaba –sen citar os seus nomes-–non ler libros de Novoneyra, Antón Aviles de Taramancos, Xosé Luis Méndez Ferrín, Manuel María, Luz Pozo, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz, Xavier P. Docampo, Pilar García Negro, Xabier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Gustavo Pernas, Manuel Lourenzo, Henrique Rabuñal, XulioValcárcel, Pilar Pallarés, Iolanda Castaño, Diana Varela Puñal ou Lupe Gomez, por exemplo.
Ti fuches e es un loitador incansable pola normalización do galego, como mestre, como profesor, como autor de textos ad hoc. Dende aqueles tempo ata hoxe en que variaron as cousas?
Nas formas. Castelao dicía: "cambiaron a escola, pero deixaron o mestre". Agora poderiamos dicir, "cambiaron o mestre, pero deixaron a escola". Algúns medios de comunicación non prestan apenas cobertura á presentación de libros en galego, mentres insignes mediocridades relacionadas con iso que chaman ‘mundo do corazón’, teñen un moi xeneroso tratamento. Nos escaparates de moitas librarías resulta case imposíbel localizar un libro publicado no noso idioma. Polo contrario, teñen en lugares moi visíbeis as Memorias de Mario Conde, As conversas da Raíña Sofía ou libros de José María Aznar que, no colmo do cinismo, se permite dar receitas por escrito de cómo ¡superar a crise económica!. O pasado día dez de agosto, estiven en Coruña para presentar na Feira do Libro, un magnífico libro, publicado en Laiovento, de Diego Pardo Amado, sobre Rosalía de Castro. Nese acto, xunto co autor ía participar tamén a profesora Pilar García Negro. Pois ben, estiven a pasear pola cidade antes de comezar o acto e, nunha coñecida libraría coruñesa, tiñan un libro sobre Esperanza Aguirre e non estaba o que se ía presentar sobre a autora de Follas Novas. Esta é a realidade.
Un pequeno cambio de terzo non ben mal, non si? A crítica ocupa un espazo fundamental no teu facer literario?
Non. Eu realmente, hai xa moitos anos que non fago traballos do que se entende por crítica. E cando a facía era para unha emisora de radio. A miña pretensión era facer un Diccionario de Autores e Autoras do Teatro Galego. E de feito, teño moitos miles de notas de prensa que depositei na Biblioteca-Arquivo de Teatro da Universidade da Coruña. Mais tiven que desistir do meu empeño por mor dunha alerxia aos ácaros. Eu pasaba moitas horas en bibliotecas, remexendo xornais e revistas antigas e iso provocábame unha forte irritación cutánea. Logo dunha serie de probas médicas, diagnosticáronme esa alerxia e dixéronme que debería abandonar ese proxecto porque, en caso contrario, o tratamento médico non servía para nada.
Que hai en ti de poeta que aínda non deches ou non queres dar a coñecer?
Fixen, como supoño que a maioría das persoas, algúns poemas na miña adolescencia. Mais, non tardei en me decatar de que ese non era o meu camiño. Eu, como xa teño comentado en varias, tiven a inmensa honra de ser discípulo de Miguel González Garcés e, grazas a el, cando aínda era un adolescente descubrín grandes poetas aos que non era doado chegar. O meus primeiros poemas estaban inspirados en Gustavo Adolfo Bécquer, o único poeta de certa dignidade ao que podiamos acceder as persoas da miña xeración? Tamén lin, ás agachadas, os poemarios de Federico García Lorca, en edicións arxentinas que conseguira o meu pai. Lorca era un poeta que me entusiasmaba e quen aínda hoxe recito de memoria moitos dos seus poemas? Nos derradeiros cursos de bacharelato, tiven un profesor excepcional: Miguel González Garcés. El, recomendárame e prestárame libros de Pedro Salinas –gardo un inesquecibel recordo de La voz a ti debida de Pablo Neruda. Cando lin eses autores, decateime de que eu non era poeta.
Na tradución aínda che faltan cousas por facer?
Si. Moitas das obras de Albert Camus, por exemplo.
No estadio ou dimensión das crenzas cal é a postura ou a actitude de Francisco Pillado Maior?
Eu declárome –como diría Sartre– declárome un "ateo quimicamente
puro". E grazas á Conferencia Episcopal Española, ese ateísmo está a medrar día a día de xeito galopante. Non aturo a violencia e rebélome contra a inxustiza e as desigualdades sociais. Aspiro a vivir nunha sociedade sen explotados nin explotadores e detesto o modelo capitalista. No plano político son un nacionalista galego convencido. Mais teño a certeza de que se algún día Galiza acadase a súa soberanía, eu deixaría de ser nacionalista e defendería opcións de esquerdas.
De todos os libros que levas publicados, e non son poucos, cal é o que máis satisfacións che deu?
Son moitos, creme, os libros dos que me sinto orgulloso de editar, mais comprenderás que, por elemental ‘elegancia’ non cite ningún en particular.
Monarquía parlamentar ou República, non é un antogonismo irrecociliábel?
Particularmente non acredito na monarquía nin sequera na ‘monarquía parlamentar’, por suposto. E creo que, desde a esquerda non cabe outra opción que reinvidicar a República. Non é este o lugar para estenderme no que significa a monarquía española e, singularmente a monarquía, encarnada en Juan Carlos I de Borbón. Creo, por exemplo, que no BNG, durante a etapa de goberno, se perdeu unha magnífica ocasión de proclamar o republicanismo? Mesmo recordo o ridículo de Anxo Quintana xustificando na prensa a actitude de Juan Carlos I o día en que increpou a Hugo Chávez con aquel famoso "Por que no te callas?".
Cal é o libro que aínda non publicaches e agradas publicar?
O Teatro Completo de Miguel Anxo Fernán Vello.
Soñas ti tamén cunha República Socialista Galega?
Por suposto, mais polo camiño que levamos, creo que, desgrazamente, esa posibilidade tardará bastante tempo en materializarse.
A Consecuencia lóxica dun nacionalista galego, para min, sen lugar a dúbidas é ser independentista, arredista, pois que entendo que o galeguismo sen máis non pasa de feiras, festas e romarías decimonónicas cun verniz de modernidade tantas veces absurda, non che parece?
Coincido contigo. O ideal sería unha República galega dentro dun Estado Confederal, na que non existisen clases sociais. Paréceme, por exemplo, un vulgar disparate esas afirmacións que fan algúns líderes políticos –Núñez Feijóo, por exemplo– que proclaman o seu compromiso en "gobernar para todos". Iso é imposíbel porque, entre outras cousas, significa eliminar nada menos que a loita de clases. O actual presidente da Xunta terá que gobernar e renderlles contas aos que propiciaron a súa chegada ao goberno galego. Velaí están as súas medidas respecto do idioma e respecto do concurso eólico, un aspecto este sobre o que se podería escribir toda unha novela do xénero negro.
Como director de Laiovento, como te sentes, como ves o futuro da editorial?
En xeral, síntome orgulloso do traballo desenvolvido. Non somos unha
ditorial con afán de lucro. Eu, por exemplo, non teño remuneración ningunha, mais iso dános unha independencia total. E o futuro, como o futuro da lingua e da cultura, está nas mans dos homes e mulleres deste país.
Entre a poesía e o teatro, cales son na túa opinión as diferenzas?
Se o teatro ten calidade, case sempre, o autor ou autora é tamén poeta, aínda que en moitos casos, non publicase poemarios. Eu sempre digo que "o teatro é unha poesía pola que se transita". Cando era adolescente e lía a Federico García Lorca, ‘transitaba’, respiraba e movíame dentro dos seus poemas. Por exemplo eu visualizaba o Romance de la guardia civil española, no que mesmo hai didascalias ou acotacións, que semellan valle-inclanescas, como, por exemplo: "Y el coñac de las botellas / se disfrazó de noviembre / para no infundir sospechas". Nalgúns outros romances, o poeta entabla un diálogo con algún dos protagonistas. Recordas ‘La muerte de Antoñito el Camborio’. Hai uns versos que din: "–¡Ay Antonito el Camborio, / digno de una emperatriz / Acuérdate de la virgen, / porque te vas a morir!. / "–¡Ay Federico García, llama a la guardia civil, / ya mi talle se ha quebrado / como rama de maiz!". Hai diversas opinións e diversos gustos sobre cal foi o máis importante poeta da chamada Xeración do 27. Creo que, polo contrario, ninguén dubida de que Federico García Lorca foi o máis importante dramaturgo de todos eles. Precisamente, por esa capacidade de crear espazos poéticos transitábeis. No caso de Galiza resulta evidente o mais xenial dos seus dramaturgos: Cunqueiro.
"Venceremos nós", contra vento e maré, contra os designios dunha historia canónica e barbaramente deturpada?
Eu, querido Manolo, xa non estou tan seguro... Aos meus anos, xa non aspiro a gañar ‘esta guerra’ na que andamos metidos. Conformaríame con gañar, polo menos, antes de morrer, unha simple batalliña!
