![]() A historia de Rebeca Ponte comezou precisamente na praia das Catedrais
|
A historia comezou nun marco inigualable: na praia das Catedrais. Rebeca Ponte e Ana Asensio daban hai menos dun ano os seus primeiros pasos conxuntos cara á fama e esa brisa galega que se respiraba na contorna privilexiada de Ribadeo trasladouse esta semana ó corazón do mundo, ó mismísimo Broadway. Así foi. O teatro Gene Frankel de Off Broadway abría o mércores o pano e testemuñou o cheo total na estrea da obra teatral La Diva, orixinal do dramaturgo español Jerónimo López Mozo, traducida e adaptada de forma maxistral pola actriz Ana Asensio. As dúas divas tocaron a gloria na escena de Broadway. O mesmísimo cónsul xeral de España en Nova York acudiu ó primeiro pase e non deixou de encomiar a impresionante posta en escena de ambas as artistas.
Ambientada na década dos corenta, a obra escrita por López e Mozo reflexiona sobre o sentido do éxito dunha diva e a súa situación. Deste xeito, narra durante catro días a historia da cabareteira Rosita Torrent, recoñecida actriz de teatro que vive un momento crucial na súa carreira afectada polo seu desinterese e falta de paixón.
"O público neoiorquino é exixente e o feito de que a estrea gustase tanto foi moi emocionante e moi significativo". Estas foron as palabras da artista coruñesa Rebeca Ponche que apuntaba a súa enorme responsabilidade na obra no papel da cantante francesa Mistinguett, ataviada de época, inicia a obra coa canción Mon homme e entoa os primeiros versos do musical. É un primeiro contacto co público e exerce moita presión". Rebeca Ponte, artista multidisciplinar tamén coñecida polo seu álbum Cardigan Bridge, afirma que o cabaret lle gusta porque "non é un exercicio moi grande de canto, é máis ben unha historia de actuación e interactuación co público".
A artista galega engade que para ela, esta representación foi enormemente importante " porque son unha artista multidisciplinar e así, cambiando de rexistro, é como me gusta gozar da arte en xeral, non cerrándome a unha soa disciplina". Neste sentido, indica que é importante que a nosa cultura sexa levada a círculos aternativos e chegue a outros públicos fóra do noso país dando oportunidades para difundir o que se esta facendo na cultura".
O soño americano abriulle máis dunha porta a Rebeca Ponte na súa intensa actividade. "Algo que eu nunca podería imaxinar e fíxome coñecer outros artistas marabillosos cheos de enerxia e talento desbordantes que me fan sentir moi privilexiada". Por exemplo, algunha colaboración co pianista da obra George François para algún festival de música negra ou colaboracións para pezas de danza e teatro alternativo en Nova York. "Quizás teña a oportunidade de traer aquí o proxecto En Feminino coa performance e a exposición das obras plásticas".
Rebeca destaca un traballo de equipo no que o elenco procede de distintas partes e se enriquece mutuamente "Ana e eu españolas, de George que é de Gana, de Ellie e Carlie que son neoiorquinas, Jeane que é de Colombia, Vinien que é de Etiopía ou Brandan que é de Wáshington ou Miguel que é de Arxentina". Como guinda do pastel, o marido de Rebeca, Agustín Góngora, foi o encargado de deseñar o cartel.