Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

O galego deixa de ser unha das linguas "en perigo" para a Unesco

Sinala o catalán como a fala minoritaria máis forte de Europa mentres que o noso idioma "se beneficia da protección de estar próximo ao portugués"

REDACCIÓN/EFE   | 20.02.2009 
A- A+

O galego deixou de ser unha lingua "en risco". De feito, xa non figura na terceira edición do Atlas das Linguas en Perigo no Mundo, elaborado pola Organización da ONU para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) que o presentou onte.

Na edición deste informe en 2001, o galego, xunto co éuscaro, situábanse no grupo de idiomas "en perigo" e o catalán no de "potencialmente en perigo", segundo indica o filólogo finlandés Tapani Salminen, encargado de elaborar parte do estudo. No novo Atlas, o éuscaro mantense entre as 2.500 linguas en perigo no mundo, dentro da categoría "vulnerable" fronte ao catalán que se converteu "na lingua minoritaria máis forte de Europa".

Pola súa parte, o galego está protexido, ao ver do filólogo finlandés, pola súa "proximidade ao portugués". "O galego é un caso especial", explicou, para quen a lingua do país conta cunha "posición forte inherente".

De acordo coa definición proposta pola UNESCO, un idioma é "vulnerable" cando a maioría dos nenos o falan pero o seu uso está restrinxido a determinados ámbitos, "o que é claramente a avaliación máis exacta do eúscaro", explicou o filólogo finlandés.

Salminen, encargado da parte do informe onde se trata a situación do eúscaro e no que se basea o Atlas da Unesco, considerou que a pesar da alta protección oficial que ten esa lingua no País Vasco, a súa posición é "máis débil" dentro de España en Navarra e, ademais, en Francia.

Porén, o eúscaro non é a única lingua con risco no territorio español, xa que o Atlas da Unesco recolle a situación "perigosa" do aragonés e do asturiano-leonés, e inclúe así mesmo o gascón (no suroeste de Francia) na mesma categoría.

O informe revela que dos 6.000 idiomas existentes no mundo, máis de 200 extinguíronse nas últimas tres xeracións, 538 están "en situación crítica", 502 "seriamente en perigo", 632 "en perigo" e 607 "en situación vulnerable".

Eses catro son os niveis "de vitalidade" das linguas nas que estas se clasifican no Atlas. Países cunha gran diversidade lingüística como Estados Unidos, Brasil, Indonesia e México son aqueles que teñen máis linguas en perigo, segundo constata o estudo. Con todo, tamén se pode verificar que Papuasia Nova Guinea -con 800 linguas, o país con maior diversidade do mundo- é un dos que ten menos perigo proporcionalmente, o que resta alarmismo ó estudo.

A EXPLICACIÓN

A extinción, un "xogo de forzas"

"Sería inxenuo e simplista afirmar que as grandes linguas antigamente coloniais, tales como o inglés, o francés e o español son sempre as responsables da extinción doutras, débese a un sutil xogo de forzas", comentou o lingüista australiano e redactor xefe do Atlas, Christopher Moseley.

O Atlas interactivo que a Unesco pon á disposición de todo o mundo desde onte na súa páxina web (www.unesco.org) foi elaborado por máis 30 lingüistas de todo o mundo e permitirá actualizalo de xeito constante grazas ás achegas dos usuarios que poden deixar no portal as súas opinións.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS