Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

no 17-M

“Só en galego, Galiza ten futuro”

Preto de 50.000 persoas maniféstanse en Santiago na cuarta marcha contra o decreto de Feijóo

A manifestación ateigou a praza do Obradoiro de Compostela, logo dun percorrido polas rúas da cidade dende a Alameda - FOTO: Fernando Blanco
A manifestación ateigou a praza do Obradoiro de Compostela, logo dun percorrido polas rúas da cidade dende a Alameda - FOTO: Fernando Blanco

REDACCIÓN   | 18.05.2010 
A- A+

Preto de 50.000 persoas -100.000 segundo os organizadores- ateigaron onte as rúas de Compostela na cuarta manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego -e apoiada polos principais partidos da oposición, BNG e PSdeG, ademais de colectivos como a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)- contra o decreto de Feijóo.

"Este é un bo lugar -berraba Xosé Lois O Carabouxo no Obradoiro, punto final da marcha- para dicir que o galego ten futuro, aínda que Feijóo non o queira oír". Esa foi a mensaxe tamén do manifesto que leron a seis voces Iria Taibo, Uxía Senlle, Xabier P.Docampo, Marta Dacosta, Antonio Durán "Morris" e Carlos Blanco no que lle reclamaron aos responsables políticos que "cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une aos galegos. Só en galego, Galiza ten futuro!".

A manifestación, que se puxo en marcha pasadas as doce da mañá dende a Alameda compostelá ao ritmo dos tambores, estaba encabezada pola pancarta de Queremos Galego (co lema tomado de Novoneyra: "O galego, a forza do noso amor"), que sostiñan o portavoz da plataforma, Carlos Callón; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; o deputado nacionalista Bieito Lobeira; e a coordinadora nacional de EU-IU, Iolanda Díaz.

Nas seguintes liñas, situouse o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañado de destacados membros da organización frontista, como o voceiro no Congreso, Francisco Jorquera; Francisco Rodríguez; ou os parlamentarios Fernando Blanco, Carme Adán, Teresa Táboas e Ana Pontón.

Seguíalle o secretario xeral do PSdeG, Manuel "Pachi" Vázquez, xunto ao presidente da Fegamp, Carlos Fernández; a voceira socialista, Mar Barcón; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; ou os voceiros de Educación e Lingua, Guillermo Meijón e Francisco Cerviño. Entre outros colectivos chegados de toda Galicia como STEG ou os Comités e outras organizacións xuvenís e estudiantís, tamén participou o sindicato CIG-Ensino, liderada polo seu secretario nacional, Anxo Lou- zao tras unha pancarta que reclamaba "Paremos o decretazo contra o galego". Entre os manifestantes, puidéronse ver rostros coñecidos como o de Rafael Cuíña, militante do PPdeG e fillo do falecido Xosé Cuíña, ou o histórico galeguista Camilo Nogueira.

En declaracións aos medios ao comezo da manifestación, Callón dixo que existe "un 20 % de analfabetos funcionais en galego", o cal evidencia, ao seu ver, a necesidade de fomentar a lingua. Por iso, reclamoulle á Xunta que "escoite a voz da sociedade" e inicie medidas que potencien a lingua propia "historicamente desfavorecida" para garantir "a igualdade real" co castelán.

 

"O Consello Consultivo di que é ilegal e inconstitucional"

Ademais, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística subliñou que informes xurídicos como o ditame do Consello Consultivo indican que o decreto do plurilingüismo que pretende aprobar o Executivo galego é "ilegal e inconstitucional".

A manifestación desenvolveuse nun ambiente festivo no que non faltou o ritmo dos tambores, das pandeiretas e mesmo das gaitas nin pancartas e consignas monotemáticas como "En Galiza, en galego", "As aulas da Galiza en galego", "Pola nosa lingua, nin un paso atrás" ou "Mamá eu quero galego". Entre as curiosidades, paseáronse entre os manifestantes unha "Galiña azul" -en referencia ao cambio de nome das Galescolas-, un cabezudo de Castelao, unha "radio" con lingua e mesmo un toxo.

Un palco recibía os manifestantes no Obradoiro. Alí incluso houbo algúns turistas que se uniron á mobilización. Para iso, os "animadores" da marcha -Xosé Lois González "O Carabouxo", Carlos Blanco ou Isabel Risco- "traduciron" ao inglés ou ao francés o por que da mobilización: "Estamos aquí porque temos un idioma que herdamos dos nosos pais e das nosas nais e que nos queren quitar". Entre as reivindicacións, algunhas tan curiosas como que "algunha organización ofreza protección ó presidente da RAG porque ultimamente aparece nas fotos mal acompañado, rodeado por persoas das que non sabemos as súas intencións", que o 17 de maio se declare "laboral" ou que se deixe de celebrar o Día das Letras ou se lle dedique a escritores vivos.

A continuación, Iria Taibo, Uxía Senlle, Xabier P.Docampo, Marta Dacosta, Antonio Durán "Morris" e Carlos Blanco leron o manifesto de Queremos Galego, no que chamaron a sociedade a "manter aceso o facho da defensa do noso idioma" e animaron a "apoiar coa súa sinatura a proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos".

"Gañar as eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir e que cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une como galegas e como galegos. Só en galego Galiza ten futuro!", reclamou o texto que tivo que ser lido dúas veces porque non paraba de entrar xente no Obradoiro.

 

"Hoxe Uxío está convosco, chantado no medio da praza"

Pechou o acto o portavoz da plataforma e presidente da Mesa, Carlos Callón que leu un texto achegado pola familia de Uxío Novoneyra no que afirmaban que o poeta "hoxe está hoxe convosco e connosco, chantado no medio da praza, en favor da lingua, a base da nosa identidade e do noso ser". Lembrou ademais un texto escrito polo autor de Os Eidos no que aseguraba que "a nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio, nela aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós".

Xa daquela, a medidados dos anos 80, chamaba Novoneyra á unión social por riba de ideoloxías ou siglas políticas "porque todos somos galegos e todos temos responsabilidade como galegos que ultrapasan ideoloxías". Porque, con Galicia e coa lingua -deixou escrito Uxío -"non valen medias tintas", "hai que estar, si ou si".

Callón agradeceu "o clamor unánime do pobo galego", que contrapuxo aos que tacharon a marcha de "defensa dunha ditadura lingüística", en alusión ás acusacións do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda."Temos un presidente da Xunta que non merecemos", ironizou Callón, ao considerar que "só loitou contra o seu pobo", en referencia a un verso de Novoneyra.

Contra iso, o presidente da Mesa preguntouse "onde está o equilibrio cando o decretazo varre o galego no ensino nas cidades". Por iso, reiterou a súa petición de "dimisión" ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por "non retirar" un decreto do idioma que tachou de "anticonstitucional" e que "só conta co apoio do PP" e "dunha asociación vinculada" aos "populares".

Callón lembrou que o decreto non é a única medida da Xunta dirixida ao "desmantelamento" do galego no país. "Hai poucos días acabamos de saber que Feijóo vai facer a primeira campaña publicitaria que exclúe o galego e non só iso, reduce a presenza da lingua dos medios públicos, retíralle a obriga dos funcionarios a coñecela, nalgúns centros de educación infantil danse as clases só en castelán e en inglés", afirmou. Por iso, reclamou que se levantasen os emblemas e as bandeiras, porque "queremos falar galego e se lles proe, que rañen, que viva Galiza e que viva a lingua galega!", berrou. A manifestación concluíu coa actuación da Asociación de Gaiteiros Galegos e coa interpretación do Himno Galego.

"Chove pra que eu soñe..."

 

Uxío Novoneyra

 

Porque todas as voces son necesarias para defender a nosa lingua. Porque temos a capacidade e o dereito de existir como pobo...

APRADOGA neste 17 de maio quere apoiar e impulsar todas as iniciativas que contribúan á defensa, á dignificación, ao desenvolvemento e á promoción do idioma galego.

 

¡Mil primaveras máis!

 

APRADOGA (asociación profesional da rama artística da dobraxe de Galícia)

 

REACCIÓNS

PP: "É unha festa da exaltación da imposición"

PPdeG, despois de expresar o seu respecto "profundo" pola manifestación, considerou a través dun comunicado, que se trata dunha "festa de exaltación da imposición, non da liberdade". Os ‘populares’ contrapoñen a mobilización de onte coa "maior manifestación" que os levou a gañar nas urnas nas eleccións do 1 de marzo de 2009, cando, "máis de 760.000 persoas dixeron non á ditadura lingüística do bipartito".
O PPdeG reproba na nota o papel do PSdeG por, ao seu ver, "camiñar da man do BNG" e "comparte beirarrúa cos que teñen mono de imposición". Critica que os partidos da oposición "só lograron mobilizar o 1% dos seus votantes" do ano pasado na manifestación, o que interpreta como unha evidencia de que "hai unha maioría social en Galicia de acordo coas teses de liberdade e igualdade para galego e castelán" que propugna Feijóo, e entre os que tamén sitúa "moitos votantes socialistas".

Os ‘populares’ advirten o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel ‘Pachi’ Vázquez de que a súa estratexia de "manter vivo o bipartito lingüístico non gusta nas súas filas". O texto engade que as forzas políticas da oposición "seguen sen entender as mensaxes que lanza unha sociedade da que cada vez están máis lonxe" e recoméndalles que "farían mellor servizo aos cidadáns se utilizasen os seus altofalantes para clamar contra os recortes sociais do Goberno central".

Fronte a iso, subliña que "o galego nunca estará en perigo" cos populares que reafirman que o decreto que preparan estará baseado en conceptos como "liberdade e equilibrio, que non deberían molestarlle a ninguén, nin sequera a PSOE e BNG". Así mesmo, lamentan o uso de expresións como "analfabeto funcional en galego para as persoas que non empregan a lingua galega".

A OPOSICIÓN

BNG e PSdeG piden retirar o texto "dunha vez por todas"

O secretario xeral do PSdeG, Manuel ‘Pachi’ Vázquez afirmou onte en declaracións previas á manifestación que tanto Feijóo como o PPdeG están "sós e illados" coa súa política lingüística e pediulles "menos vaidade" e que escoiten "os cidadáns". Por iso, reclamou a retirada do que rebautizou como "decreto antigalego", xa que, ao seu ver, "pretende conculcar o eixe fundamental da cultura, no que se sitúa a lingua galega". "Isto –engadiu– non se pode agochar detrás dunha palabra como liberdade". Logo de lembrar os pronunciamentos en contra do decreto –da RAG, o Consello da Cultura, ou o último do Consello Consultivo de Galicia– reclamoulle a Feijóo que non siga "facéndolles caso aos sectores antigaleguistas do PP".

‘Pachi’ Vázquez lembrou que o decreto é "inconstitucional" e "hai mecanismos para que iso non vaia adiante" xa que as alegacións do Consultivo constitúen "un dato máis na constelación negativa do decreto de Feijóo". "Espero que todas as forzas nos poñamos de acordo en espremer ao máximo a lei", aseverou cando lle preguntaron se o PSdeG levará aos tribunais a norma.

Do mesmo xeito, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que tamén participou na manifestación, reclamou onte "a volta ao consenso" en materia lingüística, ao cal cre que contribuiría a retirada "dunha vez por todas" do decreto.

O líder dos nacionalistas galegos argumentou que, ademais do Consello Consultivo, "todos e cada un" dinlle á Xunta que o seu proxecto de decreto "non é o que necesita o ensino en Galicia".

Na súa opinión, quedou demostrado que ese decreto deseñado polo Goberno de Núñez Feijóo "era para recortar dereitos e a presenza do galego", fronte ao que contrapuxo "o orgullo de ser galegos" e o "dereito a vivir en galego".

Na súa opinión, o presidente da Xunta debe "cambiar radicalmente a súa política lingüística" e articular "unha defensa do idioma galego". "Nun ano aínda non vimos ningún dos conflitos que dicía", aseverou tamén. Ó preguntarlle se o BNG podería decidir levar aos tribunais o decreto, Guillerme Vázquez apuntou: "A nosa misión non é xudicializar nos asuntos políticos, iso farao quen sexa pertinente".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS