Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

“Galicia Bilingüe debería ser rebautizada como ‘Spanish only Galicia”

Gabriel Rei-Doval Profesor e escritor // “Bilingüismo harmónico, cordial ou equilibrado favorecen a preservación dunha inxustiza historicamente imposta en galicia como comportamento social”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 21.02.2011 
A- A+

Gabriel Rei-Doval está a preparar unha monografía sobre a historia da sociolingüística galega

Gabriel Rei-Doval (O Baño-Mugardos, 1967), doutor en Filoloxía Galega, é profesor de sociolingüística no Departamento de Español e Portugués da Universidade de
Wisconsin-Milwaukee (EEUU), onde desenvolve tamén cursos de cultura galega. Previamente ensinou lingua e cultura galegas no Queen’s College da Universidade de Oxford e na Universidade de Birmingham. A súa investigación desenvólvese principalmente no eido da sociolingüística e da historiografía da lingüística. Na década de 1990 pertenceu ao Seminario de Sociolingüística da RAG. Entre outras publicacións, é coautor dos diversos volumes do Mapa Sociolingüístico de Galicia (1990-97) editados pola RAG, así como de Publicidade e Lingua Galega e Vender Galego (Consello da Cultura Galega). Así mesmo, coeditou o Manual de Ciencias da Linguaxe (Xerais) e é autor de A lingua galega na cidade no século XX. Unha aproximación sociolingüística (Xerais 2007). En 2009 editou A lingüística galega desde alén mar (Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da USC) e nestes momentos traballa, entre outros proxectos, nunha monografía sobre a historia da sociolingüística galega (1967-1997).

 

Boa tarde, Gabriel, permíteme que de entrada faga unha introdución-pregunta ‘in extensum’, se cadra, para que ti reflexiones sobre a miña reflexión, naturalmente a propósito da nosa lingua. Fannos vivir, este novo goberno da Xunta, non nun bilingüismo patético e ao meu ver sempre imposíbel,por varias e distintas razóns que, dadas as circunstancias non inventadas, por suposto, é de natural imposíbel. O natural é político, como certeiramente enfía a miña amiga a profesora Teresa Moure, a quen ti supoño que coñecerás; entón, Gabriel, en ningún caso transmite unha realidade equilibrada dese bilingüismo proposto, pois entre outras razóns, tal equilibrio poderíase dar en igualdade de competencias de ambas as dúas linguas pola sociedade galega, e ese, en ningún nivel é o noso caso, nin sequera nos círculos academizados, pois os dous idiomas transmítense con abundante penuria, o que dá lugar, en primeiro termo, a unha diglosia estarrecedora, en ambas as dúas direccións: galego>castelán (non me esquezo do dirsurso da nova académica da español) e castelán>galego. Do intento frustrado do Decreto de Normalización Lingüística, cinicamente combatido e incumprido, pasamos ao "decretazo" mal cociñado polo PP español e os seus asociados independentes. Bautizouse ao "napelo" con dous adxectivos inapelábeis: "harmónico" e "cordial", dúas andrómenas que non hai por onde collelas", que digan o que digan incorren un delito de lesa lingua galega… Recente o profesor e tamén amigo, "descobre" un "bilingüismo restitutivo", que eu entendo como máis do mesmo. Só a inmersión total e sen compoñendas, é a salvación do noso idioma. Ah, a elección dos pais na lingua na que se ha educar os seus fillos, é máis que discutible aquí e en Londres. No canto do trilingüismo, escollendo como terceira lingua o inglés paréceme "moi interesante" pero non menos ‘cursi’ e disparatado, poñendo como exemplo, e con todo, meu, os meniños de Sarria, Piornedo, Campa da Braña, Celanova, ou outras moitas vilas e cidades da nosa nación. Agradézoche, pois, a túa reflexión despois desta introdución advertida, non é?

A túa introdución sen dúbida dá para moitas reflexións. En realidade case pide un tratado, mais só me referirei a algúns aspectos. A verdade, o actual goberno galego non vai pasar á historia precisamente como o que máis e mellor promocionou a lingua propia… aínda que quizais si por todo o contrario. En todo caso, o bilingüismo, como comportamento individual e social, en absoluto é imposible. En realidade é a pauta habitual en moitos individuos e sociedades. Outra cousa son os discursos creados ó redor del e a súa utilización na dinámica social. Os termos bilingüismo harmónico, cordial ou equilibrado ("made in feito na casa") son profundamente desafortunados e favorecen a preservación dunha inxustiza historicamente imposta en Galicia como comportamento social, coa cínica escusa de buscaren un ben e un achegamento positivos que só oculta a ausencia de compromiso para muda-las cousas. Eses discursos suxiren a harmonía como escusa para seguir ocultando o desequilibrio, a cordialidade como cortina de fume da submisión ós parámetros sociais historicamente impostos e o equilibrio para apartar dos ollos o profundo desequilibrio e falta de igualdade de oportunidades que tiveron –e en boa medida aínda teñen– os galegofalantes respecto a aqueles que teñen como idioma o castelán.

Porén, paréceme que esa "bilingüifobia" que caracteriza unha parte dos activistas a prol do galego é un erro estratéxico impresionante. Ó rexeitaren todo aquilo que teña algún cheiro distinto do monolingüismo consciente e militante, os implicados co galego estamos deixando a aqueles que queren loitar contra o noso idioma un terreo que lexitimamente non lles corresponde. Paréceme unha ironía tremenda que no noso país exista unha asociación chamada "Galicia bilingüe" que en realidade está a apostar por unha acérrima procura do monolingüismo en castelán. Como explicaba eu hai pouco en EEUU, "Galicia bilingüe" debería ser rebautizada como "Spanish-only Galicia" (alí hai un grupo anti-minorías que non ten vergoña en chamarse "English only"). É evidente que tan exiguo e insignificante grupo social só puido acadar a notoriedade actual grazas ó apoio mediático e político da "dereita españolista" máis rancia e resesa, pero non é menos certo que a(s) estratexia(s) utilizadas por parte do nacionalismo galego non foron eficaces.

Por explicalo en termos futbolísticos, o nacionalismo galego púxose a xogar con sete defensas e sen dianteiros, deixando que o contrario despregase toda a súa artillería de ataque e pechase o galeguismo no seu campo arredor da área pequena do monolingüismo, na que apenas fai outra cousa que botar balóns fóra. Aqueles contrarios ó galego, sen xogaren con once, gozan da maior parte do campo, pero o partido aínda está no primeiro tempo (porque non dura noventa minutos, senón mil primaveras).

Nos EEUU, bilingüismo é sinónimo de oposición á lingua maioritaria e asoballante –o inglés– e en todo o mundo existen movementos, estratexias e investigacións que procuran como (re)introducir linguas minorizadas aló onde as maioritarias as teñen esganadas poñendo énfase nas posibilidades que presentan os falantes bilingües. Mesmo se teñen cuñado termos como "bilingüismo cíclico" para falar de como individuos que nun momento abandonan a lingua minorizada poden recuperala se as condicións lles son máis adiante favorables. Non todo tipo de bilingüismo pode ser considerado pecado carnal.

"Bilingüismo restitutivo", termo proposto por Henrique Monteagudo, é unha aposta sen dúbida discutible, coma calquera outra. Pero non se pode nega-la súa audacia. Necesitamos renova-lo espírito crítico do nacionalismo e o galeguismo. E para iso cómpren novas ferramentas analíticas que nos permitan renova-lo discurso e mellora-la posición e a presenza no escenario social. E para facelo debemos multiplica-la nosa audacia e non ficar paralizados polo medo ó incerto. Só retando os nosos límites seremos quen de renovarnos. As ideoloxías invariables son como a auga estancada que acaba enxendrando réptiles no seu interior.

En canto á inmersión lingüística, nada rexeitable hai nela: máis ben todo o contrario. É unha estratexia probada e confrontada con grande éxito en todo o mundo para promove-la aprendizaxe lingüística, tanto de linguas minorizadas como maioritarias. Sen dúbida, resulta paradoxal rexeitar tal estratexia para aprende-lo galego en Galicia mentres se ve con bos ollos para adquiri-lo inglés en Madrid. Tal contradición si que é ideoloxía pura (no mal sentido da expresión) e carente de calquera base real ou sustento
empírico.

 

Como se sente un galego explicando o que ti explicas na Universidade de Wisconsin-Milwaukee… Cal foi e é a acollida?

A acollida en Milwaukee foi moi boa, e sen dúbida a experiencia de vivir e entende-lo contexto bilingüe no noso país foi moi útil para entende-lo bilingüismo inglés-español nos EEUU, que porén tampouco é homoxéneo. Un decátase do importante que é a autoestima e o amor (non só querencia folclórica) polas raíces para preserva-la lingua propia. Por outra banda, nos EEUU hai unha gran valoración do que sabes e queres facer, antes que de quen vés sendo. Eu cando cheguei alí non coñecía ninguén no meu traballo nin me preguntaron con que partido, tendencia ou parroquia ideolóxica simpatizaba antes de contratarme. Esas cousas axudan a un a sentirse acollido.

Percibes ou percibiches conciencia clara da cultura galega por parte da sociedade británica ou americana?

Nos EEUU, nin da galega nin da española. Aínda que o país é moi grande e diverso. En xeral, a conciencia sobre Galicia adoita vir da existencia de galegos nesa zona, algo que en Wisconsin non acontece. A emigración (diáspora, galeguidade ou como lle chamemos) ten unha transcendencia infinitamente maior do que algúns pensan: sen ela Galicia probablemente non sería coñecida fóra da Península. Aínda que o Camiño de Santiago tivo tamén unha función importantísima en Europa e en certos grupos (sobre todo xente nova e clases medias) dos países desenvolvidos. A verdade, vivir durante unha década lonxe da Terra (no meu caso entre o Reino Unido e os Estados Unidos) é todo un exame á querencia por Galicia e a nosa lingua. Para min, simplemente non ten sentido, non é concibible estar no mundo, emocionalmente falando, se non é desde unha perspectiva galega.

 

Na actualdade, cal é a diagnose e "farmacoloxía" lingüística que ti aplicarías para saír desta patoloxía, que insisto, para min non ten outra cura que a inmersión sen máis?

Eu máis que de farmacoloxía falaría de terapia (psico)sociolingüística. Os individuos son moito máis que química. E se tivese que acudir ós fármacos utilizaría máis a homeopatía que a medicina convencional, á que só recorrería en caso de necesidade extrema. Ademais, debemos ter coidado ó falar de patoloxías, porque á xente non lle gusta ser tomada por enferma, sobre todo en cuestións sociolingüísticas.

O que me parece importante é facer patentes as condicións que producen ou favorecen eses comportamentos "patolóxicos". E tamén reforza-las defensas do noso organismo –social e individual– galego, así como a súa capacidade de recuperación. Sería fantástico se soubésemos (re)utiliza-las condicións actuais en termos homeopáticos. A beladona –como o bilingüismo harmónico e equilibrado– é unha planta que en doses extremas mata, pero que en doses reducidas pode facer reacciona-lo corpo fronte á enfermidade e axudar a que este se inmunice.

 

A cultura literaria galega está a vivir a etapa talvez máis brillante da súa historia, malia os atrancos advertidos e denunciados?

Eu de cultura literaria só podo falar como afeccionado, pero as persoas que saben destas cousas apuntan na mesma dirección que ti mencionas. Con frecuencia a creación –e a (re)acción– vese favorecida e alimentada por situacións de dificultade. Disque o desamor favorece a creatividade máis que o estado de namoramento… Intúo que o
desamor dos actuais políticos galegos pola nosa lingua está a favorecer unha recuperación da nosa creatividade e activismo sociolingüístico moito maior do que o facía o afecto moderado e apático dos gobernos precedentes. Ademais, os políticos actuais deberían ter coidado co búmeran: pode chegar a ser un trebello moi perigoso, sobre todo no seu camiño de volta.

 

Constitúe unha indiscreción preguntarche cales son as túas preferencias políticas?

Eu crieime de adolescente no eco-pacifismo, mais deime logo de conta da necesidade de defender alto e claro esta nación chamada Galicia. O tempo fóra non me fixo cambiar demasiado, pero ultimamente síntome de novo moi cómodo no eco-pacifismo. Encantaríame que xurdise en Galicia un político a medio camiño entre Mahatma Gandhi e Daniel Castelao.

 

E as relixiosas?

Medrei (e sufrín) no cristianismo, e admiro profundamente o budismo. Pero antes que relixioso considérome profundamente espiritual. Para consegui-la liberación, auténtica e ecuánime, é necesario facelo lonxe de calquera dogma, for do signo que for. Vipassana é unha excelente ferramenta para camiñar nesa
dirección.

 

O tempo é inevitábel e polo tanto imposíbel sen levar de conta o espazo?

O tempo transcorre inexorablemente, non importa en que espazo te encontres e fága-lo que fagas, pero hai lugares como Galicia que fan moito máis levadeiro o paso do tempo, sobre todo cando xa coñeciches e viviches en espazos tan diversos ó longo da túa vida.

 

Todo inevitabelmente ten unha data de caducidade?

Non todo. O máis importante, o amor, non ten principio nin final, nin data de caducidade. Tampouco a solidariedade, a empatía, a ética ou a amizade –imprescindibles para seguir vivo– teñen data de
caducidade.

 

Lévaste mellor co ensaio que con calquera outro xénero?

Digamos que teño máis bagaxe e experiencia escribindo ensaio, pero leo de todo.

 

E a poesía, que é da poesía para un experto en sociolingüística, aínda que non todos
coincidamos?

A poesía para min é a conexión imprescindible co que non podemos explicar, que polo xeral é o máis
importante na vida.

 

Tentoute algunha vez a
narrativa?

Claro, e sigo valorando se ten interese compartila cunha audiencia maior que os meus amigos.

Tes libros aos que retornas cunha certa frecuencia?

Aínda que libros como o 1984 de Orwell ou Brave New World de Aldous Huxley me impactaron na adolescencia, Carlos Castaneda é desde hai dúas décadas o meu autor preferido. Os seus primeiros catro libros, e tamén A arte de soñar, parécenme
imprescindibles.

 

E hai algún que non se che vai da cabeza?

Sen dúbida: Viaxe a Ixtlan, de Carlos Castaneda.

O capitalismo é unha besta que devora todo canto atopa no seu camiño?

Con certeza, devora mesmo aqueles que se declaran anticapitalistas.

 

Euskal Herria, Catalunya e Galicia, tres nacións negadas polo Estado hexemónico español, polo "pensamento único";temos futuro?

Teremos futuro se, primeiro como individuos e despois como sociedades, facemos por telo. Desde a liberdade, sen medo, con amor e sen
excluír ninguén.

 

Monarquía e democracia, non semella un disparate?

Como diría meu avó Ramón –fusilado en 1939 por non oculta-las súas ideas– é máis xusta e coherente a combinación de República e
Democracia.

 

De todos os teus libros, cal nos recomendarías?

Un que aínda non publiquei.

 

A utopía pode constituír unha avanzada do vindeiro?

A utopía é imprescindible para a nosa saúde mental, individual e colectiva. Doutra maneira, o mundo tórnase demasiado aburrido e predicible.

 

E sen máis, polo de agora, cal é a túa opinión a propósito do "reintegracionismo", praxe e discurso que me dan moito que pensar?

O reintegracionismo sería un proxecto fresco e suxestivo para seguir se non estivese tan contaminado pola dor das profundas feridas sociais, sobre todo pola falta de autoestima colectiva, que paraliza a poboación galega e unha parte das súas elites. Resulta contraproducente e inútil pensar que só poidamos existir como galegofalantes se abrazámo-lo portugués. l

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS