Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

comité

Galicia entra na Rede de Diversidade Lingüística

O organismo analiza a situación dos idiomas de pequenos estados a nivel europeo

REDACCIÓN   | 15.05.2011 
A- A+

A Rede europea para a Promoción da Diversidade Lingüística aprobou a adhesión da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao seu grupo técnico de traballo. A función prioritaria deste grupo é que os seus integrantes analicen diferentes aspectos da política europea en materia de linguas, especialmente aquela que ten que ver coas chamadas linguas europeas constitucionais, rexionais e de pequenos estados. Deste xeito, o labor levado a cabo pretende converterse en punto de referencia europeo en termos de coñecemento e de difusión de experiencias sobre a diversidade lingüística de Europa.

A adhesión do Goberno galego tivo lugar na reunión que o Comité de Dirección desta rede vén de celebrar en Tallinn (Estonia) e no que participou o departamento que dirixe Anxo Lorenzo. Galicia forma parte deste grupo de traballo xunto con Cataluña, Euskadi, Córcega, Finlandia, Frisia, Gales e Irlanda.

Ademais da adhesión de Galicia, na reunión do Comité de Dirección estableceu as áreas de traballo deste grupo, entre as que se inclúen os proxectos Plurilingüismo, negocios e economía e Lexislación lingüística.

No marco dos encontros celebrados esta semana en Tallinn tamén se fixo un seguimento dos proxectos que actualmente ten en marcha a Rede europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, nos que tamén participa a secretaría xeral.

Nos últimos anos, a rede vén realizando traballos arredor da toponimia, os usos lingüísticos entre os máis novos e a transmisión lingüística. Así mesmo, elixiuse a finesa Peggy Heikkinen como vicepresidenta da rede.

A NPLD é unha rede paneuropea que integra un total de 28 entidades, entre as que se inclúen gobernos, organismos e asociacións que teñen como cometido a promoción da diversidade lingüística no contexto dunha Europa plurilingüe. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia é membro fundador e de pleno dereito desta rede desde a súa constitución o 11 de xuño de 2008.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS