Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

A Galicia de Montseny

A editorial Trifolium acaba de editar, dentro da súa colección ‘Fume de leña’, a tradución ao galego de ‘Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935’, escrito pola líder anarquista Federica Montseny. A obra recolle a expectación que provocou a súa visita e o seu discurso libertario en vilas como Cariño, Ferrol, Santiago, Lugo ou Carballo.

REDACCIÓN   | 20.02.2011 
A- A+

A líder anarquista Federica Montseny era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada

O libro foi traducido ao galego por Enrique Sánchez e leva un limiar asinado polo historiador Eliseo Fernández. A ilustración da cuberta é obra da pintora galega Ánxela Pérez Meilán.

Cando Federica Montseny, unha das figuras máis prestixiosas do movemento libertario, pois a súa vida é en parte a historia mesma do anarquismo ibérico, viaxou por Galicia en decembro de 1935, a expectación creada pola súa presenza era enorme, e non exenta de polémica. Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada.

A xira tivo lugar entre os días 3 e 16 de decembro de 1935, e transcorreu polas localidades de Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, lugo, Carballo e Ourense. Federica Montseny, tal como indica o historiador Eliseo Fernández no limiar do libro, non só fixo un frutífero traballo propagandístico entre os homes e mulleres do mar, do campo e da cidade, senón que ademais, levantou acta da existencia daquela Galicia libertaria que pasou diante dos seus ollos por algúns días. E difundiu o que vira neste vívido relato da súa andaina por Galicia, publicado orixinalmente por entregas en La Revista Blanca, nos primeiros meses de 1936.

As páxinas da reportaxe reflicten a admiración que espertou nela a paisaxe galega, daquela case virxe, que loa continuamente; aparecen tamén descricións e anécdotas de cada unha das vilas e cidades que percorreu; e mesmo se atreveu a entrar a analizar, case socioloxicamente, o carácter dos galegos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS