Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 22.10.2014  | Actualizado 14.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

libro

"Galicia está no cárcere"

Lupe Gómez presenta hoxe "A grafía dos mapas", unha "crónica poética dos peliqueiros", nada das fotos de Entroido que lle envía Emilio Araúxo á autora

Lupe Gómez ten outras dúas obras en camiño - FOTO: antonio hernández
Lupe Gómez ten outras dúas obras en camiño - FOTO: antonio hernández

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 24.02.2011 
A- A+

"O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade". Editado por Toxosoutos, o libro preséntase hoxe ás 20:00 horas na Libraría Pedreira de Compostela, nun acto no que a poeta nada en Fisteus estará acompañada polo editor, David G. Couso, a bailarina Branca Novoneyra e os músicos Xabier Díaz e Guille Fernández que interpretarán temas do seu último disco, Arrolos de salitre.

Como comezaches a relación con Emilio Araúxo?

Empezou hai moito tempo. Recordo empezar a escribirme con Emilio Araúxo cando morreu Uxío Novo- neyra, que fora cando escribira Poesía fea e el mo editara en Noitarenga. Araúxo mandábame fotos para facer poemas que publicar nos caderniños da súa editorial, Amastra-n-gallar. O ano pasado Toxosoutos interesouse no proxecto e así naceu o libro.

Que significa para ti o Entroido?

Penso que o Entroido que viviamos antes está un pouco morto. De pequena lembro que o viviamos con moita ilusión. O Entroido representa a alegría. Disfrazabámonos con roupa vella e percorriamos a aldea. No libro, tamén reflexo os dramas que hai detrás do Entroido e os problemas da sociedade, a crise na que vivimos, iso é do que nos rimos tamén no Entroido.

Tamén hai moitos xogos de dicotomías entre o silencio e a música, falar e calar, a tristura e a alegría. A vida é unha loita de contrarios?

Si, a min gústame. É un diálogo coa vida para comprendela. Buscar as contradicións, os paradoxos que existen na vida. Todos queremos ser visibles e, ao mesmo tempo, que nos vexan.

Neste libro falas de economía somerxida, memoria histórica, do idioma, do poder. É o poemario no que inclúes máis crítica social?

Eu son moi lectora de periódicos. Leo máis periódicos que libros. Gústame que entre a actualidade, as preocupacións da sociedade no que escribo.

"Nestes tempos de crise a inxenuidade é necesaria", dis. Por que?

Aínda que teño 39 anos, eu sinto a nenez e a infancia moi viva dentro de min e na miña forma de ser e de pensar. Esa espontaneidade e espírito infantil tamén está moi presente no Entroido. A xente maior quérese vestir como os nenos e os cativos como adultos. Recordo que antes non nos vestiamos de princesa nin tiñamos os traxes tan preparados como agora. O Entroido era máis inxenuo, a vida era máis inxenua e a xente era máis libre. Agora está todo moi constreñido pola sociedade. Todos temos que pensar igual e vestir igual. Non somos libres.

Un dos poemas que pecha o libro é Xardín de Infancia, unha crítica á educación dos nenos.

Si, son os nenos pero tamén Galicia, que está no cárcere. Os nenos están encarcerados porque non poden xogar na rúa, non poden expresarse nin falar, só lles ofrecemos as novas tecnoloxías e a televisión. É coma se lles pechásemos os ollos e non poden ver nin falar. Son nenos que están obrigados a ser produtivos como estamos obrigados os adultos tamén, a facer cousas. Pero en realidade non estamos vivindo senón pechando a vida.

O retrato de Dionisio de Vilaverde é especial. Fálame del.

É curioso porque escribín o poema vendo a súa expresión triste, case coma se estivera ás portas da morte. Non sabía que estaba enfermo. Despois de escribir o poema, el morreu. Foi como premonitorio. É do que tamén fala este libro, das persoas que morren, dos vellos que perdemos e da tristeza que nos queda por perder aos nosos pais e avós. A tristeza ante ese mundo rural que esmorece.

Os poemas finais do libro son como cantigas, algúns vencellados ao Entroido pero todos moi irónicos.

Estes poemas xurdiron porque eu estaba desanimada de tanto escribir e traballar, e de facelo de forma desinteresada porque ninguén me pagaba nada. Entón, Araúxo díxome que os fixese máis breves e nesa brevidade, volvín a Pornografía, aos poemas breves da miña primeira etapa literaria. Recuperei o silencio. Sempre estamos falando pero ás veces chega o momento que non sabemos que dicimos. É importante recuperar esa nada, ese silencio, esa calma. É importante buscar a paz a través da literatura, para sentila eu e para que a sintan os demais, unha paz alegre como a dos ollos das vacas que me miraban cando eu era pequena. Eu relaciono as tardes de agora coas tardes nas que eu coidaba as vacas. É como un teatro, eu observábaas, vía como ía cambiando a luz. Tiñamos ilusións e agora parece que non é posible soñar. A partir das fotos, buscaba un punto distinto, inesperado. Polo camiño que vai o mundo, é moi difícil manter o entusiasmo.

O SEU PRÓXMO LIBRO EN LAIOVENTO

"Diálogos imposibles" con Xohana Torres, John Berger e Novoneyra

Que representa o poeta francés Claude Royet-Journoud co que, como dis no libro, queres ir a Laza?

Coñecino por un libro que editou Emilio Araúxo que se chamaba Frases para un felo, que facía tamén un xogo como o que fago eu no libro. Despois tiven a oportunidade de coñecelo que o trouxera Emilio Araúxo e ás veces, temos diálogos por mail: eu envíollo a Emilio, el tradúceo ao francés e envíallo a Claude e el envíallo a Araúxo en francés que mo traduce ao galego... A súa poesía gústame porque é moi esencial, vai moito ao cerne, á probreza da linguaxe e da vida, ao mesmo tempo con alegría, sinceridade e inocencia.

Tamén inclúes a Xohana Torres.

Si, este libro naceu ao mesmo tempo que Diálogos imposibles que é outro libro de poesía e teatro que vai saír agora en Laiovento. Ese libro está feito con tres diálogos meus con Xohana Torres, John Berger e Uxío Novoneyra. Agora gústame escribir sempre dialogando con outras persoas. Creo que nunca estamos sós na literatura. O concepto de autoría tamén é importante para min. Eu non son autora destes textos senón que hai moitos autores. Gústame recoller o que din os demais e non ser eu tan autora senón que haxa moitas persoas nos meus libros. A presenza de Xohana Torres é importante porque representa esa rebeldía, ese escribir na sombra. Escribiámonos moito por carta pero case nunca en persoa. É algo que tamén me pasa con Emilio Araúxo, que nos escribimos pero nunca nos vemos. El non aparece neste libro por esa humildade que ten, ese non querer aparecer que ten tamén Xohana Torres, que se nega a aparecer nos medios. Eu admiro ese estar na sombra, tamén me gusta aparecer e desaparecer, é coma un xogo de máscaras.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS