Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 03.09.2014  | Actualizado 01.53

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

idioma

Galiza co galego supera os 2.000 apoios

Para crear a rede de escolas infantís na lingua do país precisan máis de 3.000 socios

Francisco López e Nuria Fernández na presentación en Compostela - FOTO: Catuxa Argibay
Francisco López e Nuria Fernández na presentación en Compostela - FOTO: Catuxa Argibay

V. OLIVEIRA   | 18.09.2010 
A- A+

A iniciativa de crear unha rede privada de escolas infantís en galego xa conta con máis de 2.030 apoios. Así o asegura a Comisión Promotora de Galiza co Galego que aspira a botar a andar o primeiro centro o vindeiro curso 2011, cando consigan superar os 3.000 socios que fagan posible acadar os recursos económicos necesarios para o seu funcionamento.

Logo de presentar a proposta en Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela, o seu vindeiro acto público para recabar novos apoios celebrarase hoxe, nas Pontes (A Coruña) no salón de actos da casa Dopeso, ás 19:00 horas. As máis de dúas mil persoas que xa se adheriron á iniciativa comprométense a achegar unha cota anual de 100 a 200 euros, en xeito de fondo ou préstamo, para garantir a independencia económica e a viabilidade da rede de Novas Galescolas.

Polo momento, Galiza co Galego conta co apoio da Unión de Cooperativas de Ensino de Galicia, da Coordinadora de Traballadores e da Mesa pola Normalización Lingüística, das organizacións pedagóxicas AS-PG e NEG, así como dos sindicatos de ensino Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) e Confederación Intersindical Galega (CIG). Ademais, a Comisión Promotora da iniciativa ten previsto reunirse co resto dos sindicatos (CCOO ou UXT) e coas asociacións de Nais e Pais, así como coas entidades e colectivos que queiran participar nesta rede popular de ensino infantil.

 

Hoxe presentarase o proxecto nas Pontes

O acto de difusión da iniciativa que se celebrará hoxe nas Pontes ás 19:00 horas levará o título de Polo dereito da infancia á educación e nel participarán Xosé Manuel Ribeira, responsable local da Mesa pola Normalización, que presentará e coordinará o debate, xunto a Francisco López e Nuria Fernández, da Comisión Promotora de Galiza co Galego. Esta iniciativa constituíuse o 17 de maio do ano pasado en Compostela, logo da manifestación en defensa da lingua galega. Os apoios recabados até hoxe pola súa xestora e os seus obxectivos pódense consultar a través do blog www.limiargalego.blogspot.com.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS