Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

O gran reto de Bragado

Manuel Bragado, director de Xerais, é o novo presidente da Asociación Galega de Editores, cargo ao que accede nun momento especialmente complicado para o sector. A crise económica da política lingüística da Xunta son dous entullos no desenvolvemento da industria, que nos próximos dous anos podería perder máis de catro millóns de euros polo Decreto do Plurilingüismo. Para Bragado, o obxectivo irrenunciable é converter a lectura no eixe da política cultural e do benestar

AR LÓPEZ   | 17.07.2010 
A- A+

Manolo Bragado amósase moi crítico coa política lingüística da Xunta e cos problemas que esa política carrexará para o sector editorial galego

Manuel Bragado, director dunha das industrias culturais máis prestixiosas de Galicia, Xerais, é o novo presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), responsabilidade que el asume "con ilusión" tras recibir o apoio unánime do gremio na última asemblea.

A candidatura de Bragado, na que figuraba Belén López como vicepresidenta, partía xa como favorita unha vez concluído o mandato de Alfonso García Sanmartín. A xestión do novo presidente, segundo anunciou, estará marcada pola continuidade dos proxectos abertos por Sanmartín, a defensa do sector e a busca do consenso e cooperación.

O director de Xerais recoñecía onte nunha conversa telefónica que chegaba á presidencia gremial "nun momento difícil", coa cabeza baixo o fío da crise económica afectando a unha das súas fontes básicas: a venda dos minoristas,especialmente castigados pola recesión.

Pero non é soamente a venda: as editoriais galegas teñen outro dos seus alicerces na prescrición educativa, traslocada drasticamente pola estratexia da Xunta na súa política lingüística. Bragado, moi crítico con esta política, reclama unha volta ao consenso "cuñado durante tres décadas" que o presidente Núñez Feijóo non parece disposto a lograr. E por iso, amósase "inevitablemente decepcionado e debo unirme ás outras voces que empregan as súas forzas para recuperar a sensatez e os acordos. Ese é o que desexo como editor, como cidadán e como representante dun gremio que vai ver reducida a súa actividade de xeito moi significativo".

Segundo os seus cálculos, a reforma imposta polo Decrero do Plurilingüismo carrexará que a industria editorial deixe de producir nos próximos dous anos 260.000 exemplares, o que supón algo máis de catro millóns de euros. "Calquera sector no que se modifica a súa marxe de facturación por unha medida política, ten que facer fronte a un reto".

Por enriba, as editoriais están "nun momento de transito entre soportes -do paradigma analóxico ao dioxital- que descoñecemos aínda como vai ser", cuestión á que se une "a crise da edición de catálogo e de autor como modelo". Dese magma emerxe como solución posible -opina- a de poñer a lectura na axenda política: "Unha das ideas para o período é convertela no eixe da política cultural e do benestar".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS