Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

O gran Xan Cejudo

Xan Cejudo, un dos actores máis celebrados do teatro galego, recibirá o 23 de marzo na Coruña o Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que recoñece o labor dos profesionais. Cejudo amosouse onte “moi contento despois dun ano horrible”

MARÉ   | 11.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Xan Cejudo nunha escena de ‘Noite de reis ou o que queirades’, produción do CDG na que participou baixo a dirección de Quique Cadaval
FOTO: AXENCIAS

Xan Cejudo non ocultaba onte a súa "satisfación" polo recoñecemento que lle fan os seus compañeiros de traballo ao concederlle o premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Á súa satisfación non é allea ó feito de que o galardón -que recibirá o 23 de marzo na Coruña durante a entrega dos Premios María Casares- leve o nome dunha actriz "da que eu era moi amigo: ela é sempre das amizades que botas de menos".

Tampouco esquece que a homenaxe lle chega "despois dun ano horrible" que "afortunadamente superei". O próximo mes de abril cúmprese un ano des que Cejudo estivo ao bordo da morte tras rompérselle a ahorta, unha situación que o mantivo no hospital durante varios meses. "Realmente", confesa, "estiven moi fastidiado pero agora estou moi ben"

Onte mesmo, comezou a involucrarse no primeiro proxecto tras a recuperación da enfermidade. Asegura que está "con moitas ganas de traballar" e lamenta non poder presentarse ás probas de A ópera de tres reás, que producirá o Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Quico Cadaval: "É un texto fantástico", salouca.

O presidente da AAAG, Antonio Durán Morris, fixo público un comunicado onde subliña que Cejudo "é unha persoa fundamental no desenvolvemento do teatro profesional en Galicia. O mundo da escena débelle moito, pois dedicouse profesionalmente a el case exclusivamente, como actor, director, autor, axudante de dirección... ademais, deixou un pouso técnico e intelectual, e influíu moito en distintos directores galegos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS