Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Ensaio

"Hai cansanzo e abandono"

Dionisio Pereira afonda nun libro no intento de esmagar a loita de clases como lóxica subxacente á represión franquista no sector do mar

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 16.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Dionisio Pereira especializouse no estudo do movemento obreiro, o anarquismo ou a represión
FOTO: AXENCIAS

O historiador Dionisio Pereira acaba de difundir cun artigo na web das Redes Escarlata un adianto dun libro que publicará Xerais nos vindeiros meses, Loita de clases e represión franquista no mar 1864-1939.

 

Investigaches moito sobre o movemento obreiro no mar, e a represión. O libro é resultado de todo ese traballo?

Isto vén de vello, claro. Pero se cadra pódese situar o inicio no libro Os Conquistadores Modernos: Movemento Obreiro na Galicia de Anteguerra, que editou A Nosa Terra no 1992. Nel recollíase unha intervención miña sobre a evolución do asociacionismo mariñeiro que despois fun ampliando. Tamén o Barco da Memoria.

Xa o di o título: loita de clases e represión ían unidas...

É a lóxica da represión. A ditadura foi capaz de espallar con éxito unha visión que despolitizaba a represión, reducíndoa a cuestións como as loitas entre familias. O mar é un exemplo claro de agresión baseada nunha loita de clases que xa viña desde o século XIX, cun desenvolvemento da organización sindical e patronal dun nivel moito maior que o conxunto do Estado español. En realidade, a pesca era o único segmento estruturado da economía galega antes da guerra civil: cunha estrutura vertical desde a extracción á comercialización... Dado o peso económico e social do sector, é lóxico que xurdise esa loita de clases.

Nos estudos sobre o anarquismo sinalas o peso da CNT nese sindicalismo pesqueiro na Segunda República. Como comezara ese proceso?

A CNT tivo maior implantación no litoral e a UGT no interior. O 40% da afiliación da Regional Galaica da CNT estaba no sector pesqueiro, si. Pero xa desde a segunda metade do XIX podemos falar de desenvolvemento das asociacións mariñeiras. O peso da CNT foi moi importante na Segunda República, pero antes foran militantes socialistas, impulsores de iniciativas como a primeira sociedade de pescantinas. A propia evolución da industria pesqueira e das artes de pesca deu lugar á conflitividade, nun país que ten esa sona de ser pouco conflitivo.

Se cadra os historiadores ides conseguindo acabar con ese mito da Galicia submisa e franquista...

Ós historiadores lésenos pouco, polo que as nosas achegas teñen socialmente pouco calado. Mais é certo que desde o 2006, co Ano da Memoria, os medios de comunicación son máis receptivos, aínda que agora esteamos nun momento de incerteza. Eu creo que a visión da Galicia submisa segue a ser maioritaria, porén. A propaganda foi moi forte, a xente tivo que despolitizarse, e os que sobreviviron non eran máis que unha sombra do que foron. O que pasou é que había xente que se xogaba a súa preeminencia social, que non quería unha sociedade máis igualitaria, e que por iso non aceptou os cambios que se estaban a producir. Se afondamos nos relatos sobre supostas pelexas entre veciños que saen nas historias orais, vemos que se trataba en realidade de xente que dalgún xeito estivera nun sindicato, fora a tal mitin...

A represión no mar tivo unha metodoloxía propia, segundo dis...

Os trazos son varios. Un deles deriva da militarización da actividade pesqueira. O feito de que as actividades marítimas estean militarizadas desde o século XVII é un dos malos distintivos do Estado español, pois non acontece noutros países europeos. A República tentou rachar con esa militarización, que no 36 foi retomada. E o peor é que ata o 1992 non foi derrogada a lei que permitía acabar con calquera folga no sector pesqueiro con xuízos militares por deserción ou sedición.

Iso lembra o conflito dos controladores aéreos... Ademais, as condicións laborais dos mariñeiros seguen a ser terribles, agora con traballadores inmigrantes ademais, e hai moitos accidentes mortais...

Desde logo. Hai pouco estiven nun coloquio no que un dos fundadores do Sindicato Libre da Mariña Mercante contaba como foi aplicada esa lei ás folgas organizadas na Transición. As consecuencias foron enormes. En certos aspectos, os pescadores estaban mellor nos anos 30 que nos 70. Na pesca do Gran Sol, na Segunda República, os mariñeiros pasan a cobrar a xornal, e despois volven atrás, cobrando ás partillas. A situación segue a estar moi mal, si, e temos que preguntarnos por que as confrarías de pescadores, de relevante actualidade no sector, herdeiras dun asociacionismo nada democrático, corporativo e controlado polas elites, desprazaron as sociedades de resistencia, combativas, anteriores á contenda.

DATOS

Os "consensos" xurdidos

Se cadra a represión logrou o seu obxectivo.

A represión foi brutal, superior á represión no mundo labrego ou por suposto nas clases medias. Foi a peor, despois da sufrida polos cadros sindicais de terra. Pero tamén se desenvolveron mecanismos de consenso, de aceptación...

O que dis lembra o estudo de Ana Cabana sobre o consentemento no rural...

O que ocorreu nas cámaras agrarias é paralelo. Nas eleccións sindicais dos anos 40 participou xente que antes estivera nas sociedades de resistencia... Outro aspecto da metodoloxía da represión no mar foi a práctica dos fondeos: mataban a xente en terra e despois guindaban os corpos ó mar.

Como vos afecta o cambio de política da Xunta respecto da Memoria?

Hoxe temos fontes que non tiñamos hai dez anos. E a actuación do Arquivo do Tribunal Militar número 4 é, ademais, exemplar cos historiadores. Cando había cartos, moita xente apuntouse a isto, e despois ó vir tempos peores nótanse as baixas. Eu creo que a vontade e a conciencia, unha conciencia social de rebeldía ante o imposto no franquismo e tamén na transición, debería ser alicerce agora... E vexo cansanzo e abandono. Aínda que segue indo a xente ós actos, hai condicionantes institucionais e mediáticos...

Tamén houbo resistencia...

Esa é unha idea que tomo de Bernardo Máiz. Un exemplo son as fugas por mar. Temos tamén indicios de desercións masivas, pero iso está por estudar, como o sindicalismo feminino, a represión económica de multas e expropiacións ou os propios represores. Eu non estou de acordo con que teñamos que renunciar a estudar os represores para non facer perigar toda a investigación sobre a represión. Non teño interese en cazas de bruxas, nin me faría feliz ver alguén de 90 anos no xulgado. Creo que é mais unha cuestión de resarcimento moral, de que se saiba o que pasou. Creo que temos que ser prudentes, e eu sono máis desde o que me pasou, -se cadra non escribo todo o que me gustaría-, pero hai que ir dando pasos, co apoio da sociedade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS