Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

DEbate aberto

"Hai que sumar forzas"

Carlos Callón: "Os discursos sobre o galego non están desfasados senón que hai institucións que non os aplican"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 02.06.2011 
A- A+

antonio hernández
Carlos Callón no último acto da plataforma Queremos Galego celebrado o Día das Letras en Santiago
FOTO: antonio hernández

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, considerou onte "necesario" e "enriquecedor" o debate de ideas sobre como chegar a máis xente na defensa da lingua. Ao fío do debate aberto por Carlos Negro no seu artigo Queremos galego... mais sabémolo vender?, o tamén presidente da Mesa pola Normalización opinou, en declaracións a este xornal, que o problema non reside en que os discursos a prol do idioma estean "desfasados" senón que "hai institucións que aínda non os aplican".

Con todo, Callón mostrouse de acordo con que é preciso "repensar" como chegar a máis xente. "Dende a plataforma estamos satisfeitos de ter un movemento tan importante ao que están adheridas 700 entidades. Pero tamén nos gustaría que participase máis xente", asegura.

Porén, ao seu ver, tamén é necesaria unha dose de realismo. "Non nos confundamos: ninguén está petando á porta porque a porta está aberta. É certo que nos actos de Queremos Galego participan rostros representativos da sociedade galega pero aglutina moita outra xente, a porta está aberta a todos aqueles que teñan sensibilidade coa nosa lingua dende calquera ámbito ideolóxico", apunta.

Segundo Callón, hai moitas entidades que forman parte de Queremos Galego "que non son nacionalistas". Ao seu ver, o único "punto de partida" da plataforma é a de "sumar máis forzas en defensa da lingua". A presenza dunhas ou doutras forzas políticas depende do posicionamento dos partidos. "Nós convidamos a participar ao PSOE pero non quixeron e só veñen a algunhas accións, o cal é unha boa noticia. Do mesmo xeito que, se o PP non quere participar é cousa deles. Non se pode responsabilizar ós que xa están e participan na plataforma porque o problema non é dos que van á misa senón dos que non van", sinala Callón.

"Nos últimos anos existe unha onda de españolización preocupante. Por iso, temos que intentar que a lingua sexa un elemento de unión por riba de barreiras ideolóxicas", considera. Na súa opinión, é necesario "recoñecer o conseguido até agora: é motivo de satisfacción, por exemplo, que o PSOE defenda o galego, aínda que é certo que tamén temos que conseguir que máis xente participe, ser máis pedagóxicos. O problema é que, como dicía Antón Reixa, o que hai que facer é facer. Dentro de pouco, a plataforma vai ter un plenario e alí debateremos estas ideas", comenta Callón.

 

"O Valedor sempre arquiva as queixas sobre lingua"

Por outra parte, o Valedor do Pobo sinalou onte que as queixas presentadas en materia de lingua rebaixáronse o ano pasado "un 47 por cento". Un feito que Carlos Callón atribuíu á forma de xestionar este tipo de queixas por parte de Benigno López. "Nós temos comprobado que a maioría de queixas sobre lingua só teñen dous posibles camiños: ou se tramitan dunha forma trampeada porque sempre se dirixen a Política Lingüística e non á institución fronte á que se presentou a queixa ou ben, sexa cal sexa a resposta, o Valedor case sempre a arquiva", explica o voceiro de Queremos Galego. Un feito que non lle sorprende a Callón dado o "desprezo á legalidade lingüística que sempre ten amosado Benigno López".

A CORUÑA

"Carlos Negreira ten que pechar a polémica sobre o topónimo"

Nun acto público, Carlos Callón instou o futuro alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para "pechar de xeito definitivo" a polémica sobre o topónimo da cidade, unha vez que asuma o seu cargo. Ademais, o presidente da Mesa pola Normalización informou de que o Valedor do Pobo requiriu á Casa do Concello coruñés para que a rotulación dos autobuses da Compañía de Tranvías se realice "sen exclusión" de ningunha das linguas oficiais en Galicia.

Callón mostrou o "respecto" da Mesa ao resultado electoral, tras a vitoria do PP no Concello da Coruña, aínda que mostrou a súa "preocupación" polas declaracións de dirixentes desta formación en materia lingüística.

O presidente da Mesa mostrouse confiado en que "fronte ao Negreira máis histriónico desta campaña electoral, apareza o Negreira que en 2003 votou a favor do plan de normalización lingüística", sinalou en relación ao seu voto como deputado no Parlamento galego.

Callón trasladou o "diálogo" e "colaboración" por parte da Mesa pola Normalización Lingüística ao novo equipo de goberno. Porén, precisou que esta entidade estará "firme" na defensa do galego e considerou que na Coruña é unha das cidades "onde máis protección necesita" este idioma.

Por outra parte, o presidente da Mesa fixo pública a resolución do Valedor do Pobo na que lle recomenda ao Concello da Coruña que requira á Compañía de Tranvías "para que tanto as informacións subministradas aos cidadáns como nas rotulacións e gravacións dos medios materiais se realicen sen exclusión" do castelán e o galego e, os topónimos "oficialmente recoñecidos", engade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS