Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Héitor Mera Herbello: “Téñennos como aborixes. Como servos do reino de España”

“Temos que comezar a entender que o poder non está con nós. e unha “elite intelectual” tende a venderse“

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 02.08.2010 
A- A+

AXENCIAS
Héitor Mera foi a primeira persoa que presentou a súa tese na UNED en galego
FOTO: AXENCIAS

Nacín un 30 de maio do 1977, en Cangas do Morrazo. Licencieime en Filoloxía galega no ano 2000 na UVigo e doutoreime en filoloxía pola UNED no 2009. Esta tese foi a primeira redactada e presentada en lingua cooficial no Estado español na devandita universidade de todos (ou case todos) despois de anos teimando. O traballo versou sobre a vida e obra de Bernardino Graña. Teño varias publicacións sobre a figura do devandito autor cangués: Conversas con Bernardino Graña, a edición crítica de Vinte mil pesos crime, ambos os dous traballos de 2005 (Xerais). Dirixín o libro homenaxe que se publicou polo seu 75 aniversario (Xerais) así como varios artigos espallados aquí e acolá. Son coautor do dicionario fraseolóxico castelán-galego xunto a Moisés Barcia e Manuel Rodríguez Alonso (Galaxia-Do Cumio) e traballei (moito) no anosamento de libros de texto para a nosa lingua. Tamén redactei xunto a Rodríguez Alonso un libro de texto de lingua e literatura para o 2º de bacharalato (Xerme-SM). No eido da crítica literaria comecei colaborando nas páxinas d´A Nosa Terra. Tamén colaborei con Galicia Información, Vieiros, chegando a dirixir o Cartafol de libros, Guía dos Libros Novos ou Faro de Vigo. Neste ano acabo de sacar coa Morgante Editora dous libros recompilatorios destes traballos publicados na última década. É a biografía de Héitor Mera contada por el mesmo.

 

Comecemos Héitor pola cuestión da lingua galega. Os pequenos avances que tivemos co anterior Decreto de Normalización Lingüística, un Decreto ben de mínimos que nin sequera se aplicou na súa totalidade, por mor do reaccionarismo mesturado coa estolidez de moitos docentes con escasa dignidade e mínima formación tanto en castelán como en galego pois, substitúen o devandito Decreto por un disparate trilingüe teimudamente regresivo...

Ben, no asunto lingüístico semella que un sector importante da poboación galega, influída polo discurso interesado do poder, adoece de certa estupidez colectiva. É interesante comprobar como á mínima, nun xuntoiro perante un bo xantar ou cando acabas de coñecer as persoas que sexa, sae o tema e sempre nunha mesma dirección: o moito que molesta a lingua de nós. Moita xente está teledirixida. Todo o que teña que ver co galego é negativo. Toda escusa vale. ¿Acaso non soa aquilo dos cambios normativos como valado infranqueable para os que non aman a lingua? Disque se lles fai complicado. Non se dan conta de que, por unha banda, poñen en tea de xuízo a súa propia intelixencia perante os demais e, por outra banda, demostran descoñecer o que acontece co castelán (que semella, por omisión, que o controlan moi ben), lingua que sufriu cambios normativos máis fondos que a nosa lingua. Debe ser que manexan de cote o Diccionario panhispánico de dúbidas para opinar con tanta seguridade…. É duro dicilo, pero a ignorancia é o que ten. A poboación ten tendencia a seguir o discurso do poder. Temos que comezar a entender que o poder non está con nós, nunca o estivo. Se a iso lle engadimos que unha "elite intelectual" do país tende a venderse en flagrante traizón ante a esmola do poder… que esperamos. Eles deberan ser o referente e non o son. Agora mesmo o obxectivo, visto o visto, é crear analfabetos funcionais na lingua da nosa terra. Os nenos non aprenderán as materias troncais en galego, como vas ir a tal sitio falando galego… É o que se di. Independentemente de calquera consideración histórica, actualmente o ataque en contra da nosa lingua é brutal. Saben moi ben como facelo: desprestíxiana. Imposición, liberdade… Palabras moi grandes para bocas tan enmerdadas. Diría que é un acto de irresponsabilidade todo o que rodea o asunto da lingua se as autoridades, os responsables que ostentan o poder fosen nosos, pero non o son. É unha operación moi ben orquestrada polos inimigos do País. Rebelémonos empregando a nosa lingua. Amosemos fachenda da nosa identidade.

Nacionalidade histórica, ou mesmo comunidade autónoma, son sintagmas baldeiros que carecen hoxe en día tanto de significado como de significante. O Estatuto é necesario cambialo, e non menos necesario é o troco da Constitución española. Despois da sanción ou sentenza do TC verbo do Estatut, o pensamento político e totalitario español fica claro...

Evidentemente. Estes días estou en Catalunya. Non ten nada que ver o que se observa aquí co que nos chega a Galicia vía TDT (que mal invento). A xente está indignada, teñen claro que España os está tratando mal, inxustamente, e o seu President, que foi ministro de Zapatero, sabe perfectamente o que quere a xente. Non é o mellor President posible, pero é consciente que parte duns mínimos innegociables, con Catalunya como realidade que defender. Fronte esta realidade o TC é un tribunal dependente dos dous grandes partidos españois. Que esperábamos. As Comunidades Autónomas do PP propuxeron ao unísono as mesmas persoas para asegurar que formarían parte dese monllo de persoas escolleitas. A independencia é complicada…e as mensaxes dos dous grandes partidos en certas cuestións, clara. Hai un inmobilismo ideolóxico a certos estratos que fai que non nos estrañe a sentenza talmente quedou. Conectando co caso noso: en Galicia o presidente (a minúscula inicial non é gralla) é consciente de que está facendo méritos para dar o chimpo a Madrid, co que non lle interesa o máis mínimo a reforma estatutaria, e parte da poboación non ve o problemón que temos co noso texto marco, pois debera ser prioritario. Inda por riba o PSdeG-PSOE, que non sabe a cantas anda, sae co de Nación de Breogán porque do único que saben é de política de salón tendente ao politicamente correcto para non molestar a ninguén. Caen no ridículo, claro e dan unha idea da clase política que temos fronte outros casos do Estado. Non se lles ocorrería meter nun brete o TC, non fora ser o demo.

Finalmente, o BNG, por definición, é o grupo político máis interesado en avanzar neste eido. Non conseguirán nada. E non me refiro á actual representación parlamentaria…Teñen que comezar por non pelexar internamente por cotas de poder ficticias. Se son especialistas nalgo é en comer os seus propios fillos… Así é complicado conseguir nada.

A democracia burguesa española coa súa Constitución é un apaño difícil de entender. Monarquía parlamentar e democracia…

No Estado español o pasado está moi presente. É un lastre continuo que se asume como mal necesario, por parte da súa esquerda e como unha alegría no eido da dereita.. A democracia está en cueiros e en moitas circunstancias mesmo ausente. Da mesma maneira que se ataca unha serie de características básicas das nosas nacionalidades, como membros que ostentan o poder, alicerzan da maneira que poden as bases da súa concepción de Estado centralista, españolista e intolerante. É unha democracia moi mal parida.

O Estado federal co recoñecemento das nacións galega, vasca e catalá, non sería en principio o mellor camiño?

Sería o mellor dos camiños porque eles non poden vivir sen nós e nós mesmo os aceptamos a eles. Irmáns si, pero sabendo cal é o espazo vital de cadaquén. Que non nos vendan que o Estado das Autonomías é o máis parecido a un Estado federal. Este sistema é poñer ao mesmo nivel nacións sen estado con rexións para esvaecer a realidade das primeiras.

Falar de estado federalista sería falar de cousas serias, con base, realistas. O problema é que hai unha cultura e unhas inercias seculares que non sacan o Estado español das catacumbas.

Unha nación sen Estado de si, carece de sentido ou é unha lilaila para entreter os inocentes, conformar o totalitarismo español?

É unha graciosa concesión que agocha un centralismo abafante, efectivamente. Téñennos como aborixes, como servos do Reino de España. Ao final non contenta a ninguén e seguiremos con estas lideiras
constantemente.

Hai que manter viva mesmo a utopía ou esperanza dunha Galicia ceibe e dona dos seus destinos?

Si, proxectando a utopía, facéndoa visible. Iso serviría para que non crean que somos un pobo totalmente sometido e resignado.

República ou monarquía…?

Como creo no ben común e non no duns poucos… república, claro.

A literatura galega, en liñas xerais, está atravesando un momento de brillantez e esplendor que os detractores negan, ou vivimos entre a luz da néboa e as dondas sombras?

Cando falamos de literatura non debemos movernos nun discurso pendular. Hai que discernir o bo do malo. Como literatura que goza de saúde creadora temos de todo. Hai obras que son marabillosas e mediocridades evidentes, como en calquera latitude. Esta cuestión non me preocupa. Preocúpame moitísimo, sen embargo, o seguimento dos galegos coa súa propia literatura ou a literatura internacional que chega a nós a través de grandísimas traducións á nosa lingua. A cuestión é que se lea máis en galego. Hai galegos que len os nosos autores en español. Non lles boto toda a culpa a eles. Non hai máis que ver os escaparates das librarías. Libreiros quedan poucos, vendedores de libros, a esgalla, e mentres non haxa un mínimo de sensibilidade cara a nosa literatura por parte de todos os sectores implicados, témolo complicado. Comprobo que hai lectores que marchan ao castelán argumentando cosmopolitismo ou algo así. Son descoñecedores da oferta de Galicia. Lembro unha editora salmantina que alucinou cando lle pasei uns textos de Dieste. Penso nos esforzos que se están levando adiante coa tradución da literatura universal contemporánea á nosa lingua a pesar de que a Consellería de Cultura conxele as axudas á tradución. Estanse facendo esforzos ímprobos para ofrecer o mellor. Estase conseguindo con moita dedicación. Falta o apoio de todos. A xente quedaría abraiada do vizoso mundo que lle ofrece a industria editorial galega.

Como autor, sénteste mellor no ensaio e a divulgación do noso idioma, ou agardas outros xéneros que tocar como a creación en xeral, tanto sexa narrativa, poesía, teatro etc.?

UUUUf! Cantas veces me fixeron esta pregunta! O meu caletre sempre está dando voltas. Sempre atopo algo que facer, cousas que me parecen que veñen cubrir dalgunha maneira unha lagoa. Esta sensación supoño que será habitual nas persoas que traballamos para un país no que quedan moitas cousas por normalizar. Pensa que no eido da divulgación, do ensaio hai moitas máis necesidades que cubrir que no eido da poesía, narrativa ou literatura dramática. Ademais, quen dixo que o ensaio non forma parte da creación literaria?

Que hai de realidade no tempo que nos habita e cremos que habitamos; cal o seu posíbel retrato con palabras, Heitor?

Isto é un circo pésimo. Poñen diante nosa unha serie de luceciñas que desvían a nosa atención. Crean necesidades que o día anterior non tiñamos e fannos asimilar discursos que van en contra dos nosos propios intereses. Preséntannos a… desgraza? dun multimillonario como un drama e a paisanada morrendo de fame na porta da túa casa. Esvaécense as prioridades e reaccionamos de xeito equivocado, talmente como esperan de nós. É para chorar..
Podemos definir a felicidade e os seus contidos, ou camiño ilusorio, inexistente?

A felicidade? Se a posuísemos integramente aburriríamonos e convertiríamonos en bobos. Para gozar dos diferentes momentos da vida hai que contrarrestalos con outros momentos nos que realmente o pasamos mal. Eis o máis parecido á felicidade: ser consciente do que vives. Un dos problemas gordos desta sociedade é que non se quere sufrir co que tornamos egoístas e pouco sensibles. Afortunadamente eu non son feliz de todo, aínda que me vendan que é o estado ideal.

O chamado reintegracionismo diche algo?

Si. Nomeáronme persoa non grata hai anos. Sentinme moi honrado.

É un problema. Hai xente que está obsesionada con estas cuestións normativas e centran moitísima enerxía en combater un "problema" que non é tal. Por un lado non acatan, como en calquera sociedade normal, a ortografía e morfoloxía proposta polas autoridades coa mensaxe que isto implica para a poboación potencialmente receptora de textos en galego e, por outro lado, non se centran no problema real que é político e sociolingüístico. É máis, agravan desde un punto de vista sociolingüístico a recepción da nosa lingua cara á cidadanía, crean confusión. Nunha posición tan feble do idioma, o que menos lle facía falta é que a poboación tivese a percepción de caos normativo. Eles pensan que co seu discurso estereotipado van convencer, pero a realidade é outra: danlle argumentos aos negacionistas para incitar á renuncia da lingua do país cun discurso tan colonialista como o de Madrid coa variante do fuso horario.

En ti pode habitar un poeta ou un novelista rigoroso?

Non sei. Sinto o meu corazón cheo de poesía, no amor, na carraxe… Hai tantos temas poéticos como sentimentos poidamos expresar. A poesía está en todo. Moitas veces pos a orella e descobres poetas anónimos nas peixeiras, nos albaneis, nas señoras sentadas á raxeira… É importante ler poesía, mais non hai que pensar que é o foro único. O ser humano emprega a poesía na interacción cotiá. Acontece que como non forma parte da cultura libresca non o temos en conta, pero está aí a cada paso, sen que a esperes. Agora ben, ir cara a un poemario, escribir unha novela? Non se pode dicir vou facer isto e xa. É o erro de moitos autores e autoras. Creo que hai que sentilo, tes que necesitalo e realizalo. Eu véxome máis na divulgación e na crítica. Síntoo. Quizais sexa deformación profesional. Son profesor e non podo evitar pensar nos meus rapaces cando enfoco un proxecto. Cando leo, cando escribo, consciente ou inconscientemente estou pensando sempre na funcionalidade que lle podo sacar a ese texto, en que poden aproveitar os meus nenos os textos que leo e valoro. Con todo, non renuncio á creación no futuro. Pero teño que sentilo. Facer por facer é bobería…
Tes algún libro ou libros aos que sempre adoitas retornar?

Retorno a Bernardino Graña, Calros Solla, Ferrín, Olga Novo… Déixome levar pola boa poesía. Estes últimos días lía Pan prós crocodilos, de Solla. Poesía lúcida, directa, sensible… que fai que ferva o sangue na súa denuncia social e política. Non en balde, mesmo lle pon letra ao Himno do Antigo Reino de Galicia. Fermosísima letra. E logo o Estado esperando unha letra que poñerlle á súa marcha militar. Para este agosto é a lectura que recomendaría cos ollos pechados. Calros Solla é membro de toda unha xeración de galeguistas (Ana Acuña, Moisés Barcia, Paco Sutil, Vieites, Elvira Ribeiro…) que sobrancean polo coherente do seu discurso e a calidade da súa arte, literatura e estudos.

Unha República Socialista Galega, internacionalista e solidaria, é o noso soño que algún día será certeza inapelábel?

"Los sueños, sueños son…"

A voracidade e a barbaria capitalista esgázanos… Cal é a forma de loitar contra o capitalismo e os seus lacaios á mantenta… Como despertar aos alienados das súas condutas miserábeis, da súa podremia e falla de dignidade?

Tanto ti coma min, se soubésemos, aplicaríamos a fórmula.

Marx segue a ser o noso guieiro nesta loita?

É un de tantos, escintilante, pero un máis. O mundo xa ten outras necesidades que atender. A teoría marxista atende cuestións básicas, pero xa non todas. Non podemos perder a perspectiva. Hoxe a clase obreira ve con recelo os sindicatos. En parte gañárono. Houbo situacións nas que non deron o talle. Agora ben, con eivas, miserias e demais os sindicatos é unha das poucas respostas organizadas das que dispoñemos perante os poderes do capital. Os primeiros interesados en que batuxe o discurso do pesimismo sindical son os patróns. Nunha situación tan enfeblecida, no que menos paro a pensar é no construto teórico de Marx. Tendo máis á ortopraxe. A situación preocúpame. En menos de dous anos de crise retrocedeuse máis do que se adiantou en vinte anos de labor sindical. Hai que ser responsables, pero efectivos. Ás veces dá a sensación de que as organizacións sindicais atenden a quen os subvencionan, os gobernos, e non a quen son a súa razón de ser, os traballadores e traballadoras.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS