Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Hip hop de frescor orgánico

A formación Malandrómeda está a presentar o seu novo maxi en directo por toda Galicia, como adianto do que será o seu segundo disco grande para este ano

CARLOS AMADO   | 11.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Malandrómeda está liderado por Hevi, un nome clave do hip hop galego
FOTO: AXENCIAS

Na actualidade, Malandrómeda está a realizar unha importante xira de presentación do seu máis recente traballo por todo o territorio galego que culminará a finais de Abril co desembarco da súa música na coñecida sala barcelonesa Moog, un dos templos das novas tendencias na península Ibérica.

Esta xira consiste na presentación do maxiadianto do seu longa duración que teñen previsto lanzar para este mesmo ano. Que nos leve para diante é o título deste disco de duración estendida que contén dous temas novo, o que lle dá título ao seu traballo e O cobrador do frac. Contén a máis unha remestura instrumental realizada por Kaze e outra que asina Mou. O cobrador do frac está concibido como un tema exclusivo para o formato vinilo e non se distribuirá en mp3.

O proxecto musical chamado Malandrómeda nace a últimos de 2005, motivado polos temas que Caldeirada e Hevi realizan xuntos para emitir na programación de Radio la Caraba, alentados polos integrantes do Higher club coruñés. Aí atopan un lugar común de confluencia das súas inquedanzas musicais en consonancia coas novas linguaxes expresivas derivadas da formulación do hip hop e do seu estilo de vida, adapatado á idiosincrasia galega.

A partir de aí e da incorporación de dj Oso, o proxecto vaise facendo realidade. Xa en abril do ano 2006, a formación de raíces composteláns edita o seu primeiro disco grande integrado por once cortes agrupados baixo o epígrafe de "os estranos sempre traen malas novas". Este disco foi creado para editar no soporte web e aproveitando as posibilidades creativas que ofrece a novidosa forma de espallamento musical. Pediron, ademais, a colaboración a once ilustradores que achegaron a súa visión das cancións a través da imaxe. O resultado é un disco moi rico en matices e que vai sentando as bases dunha escena activa no noso territorio.

Despois viría no mesmo ano o vinilo de 10 pulgadas, titulado xenericamente Chegan tarde, un duración estendida con moi boa acollida entre o público e a crítica no que se afianza o labor editorial de Temazo.org.

Temazo.org é unha editora musical que comezara nos anos noventa a promover festas hiphopeiras na capital galega. Esta plataforma é hoxe en día un dos máis importantes lanzadoiros galegos de propostas galegas vinculadas co hip hop e co estilo de vida galego que denominan "picheleiro".

Malandrómeda consolida con Chegan tarde unha proposta que sobre todo se realiza no seu espectacular directo. Eles autodefínense como homes máquina na procura do frescor orgánico da tecnoloxía empregada como ferramenta creativa.

O seu máis recente single de 7" pulgadas Festa malandrómica consolidou a súa proposta editorial e o benfacer do trío formado polo pogramador e pandereteiro Caldeirada, polo rapero Hevi e pola mesturas e scratches de dj. Oso. Pegada enerxética con base electrónica e letras mordazes nas que conviven humor fino e crítica espesa da cotemporaneidade. Música electrónica con doses de esquizofrenía e afonía e tamén poesía penetrante que contrasta con moitos dos estereotipos máis habituais do xénero.

Unha boa oportunidade para poder apreciar o benfacer desta prometedora formación de hip hop é nas actuacións que darán durante esta fin de semá. O venres en Boiro, na Pousada das Ánimas e o sábado en Meiro no Bar Labranza, serán as citas de fin de semana para asistir a un espectáculo musical que conxuga poesía e contemporaneidade con grandes doses de entusiamo hiphopeiro, contribuíndo con forza á diversificación da cultura galega.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS