Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 06.04.2020 Actualizado 20:59
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

filme

A historia do vello fabulador

Remata a rodaxe da tv-movie "Sinbad" que dirixe Antón Dobao

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 06.06.2011 
A- A+

AXENCIAS
Unha das escenas da rodaxe de ‘Sinbad’ con Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’
FOTO: AXENCIAS

Onte rematou a rodaxe da longametraxe Sinbad, que coproducen Ficción Producciones e TVG dentro da serie Un mundo de historias, creada por Antón Dobao para esta canle de televisión. Foi este, precisamente, o director e guionista desta longametraxe baseada na novela de Álvaro Cunqueiro, Se o vello Sinbad volvese ás illas.

As tres primeiras semanas, todo o equipo de Ficción Producciones traballaron en Corrubedo, en praias como a de Prado, Cabío, Palmeira; no Faro de Corrubedo, no Porto, en distintas rúas da localidade, como a rúa Bandiarrego, onde se emprazou a casa de Sinbad, a de Alba, e a de Vanesa; a Travesía do Voluntariado, onde estivo a Casa de Aldán, a Taberna de Mansur no porto de Palmeira.

A rodaxe deu comezo o pasado luns, 9 de maio. A derradeira semana de filmación foi en Santiago, tanto no Seminario Menor como a Residencia de Anciáns, Chaián ou O Milladoiro. Foron catro semanas de intenso traballo para o equipo técnico e artístico que integran a rodaxe e demais procesos habituais, ata chegar ó produto final. Agora comeza o proceso de edición, montaxe e posprodución da cinta.

Sinbad é un extraordinario fabulador, un home que fai participar aos seus interlocutores das experiencias da súas viaxes pasadas, fosen no mundo real, fosen no universo da imaxinación e da fantasía. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos. Sinbad mantén con Sara unha relación moi estreita e afectuosa. Gústalle conversar coa pequena e contarlle historias fantásticas.

Acompáñaa ás veces á escola, apréndelle cousas do mar e das estrelas, comparte con ela os seus mapas, etc. Sara é o mellor receptor de todas as historias que narra Sinbad. Cultiva con el unha imaxinación portentosa. Constantemente mostra unha curiosidade e unha perspicacia moi agudas.

OS ACTORES

Pico e Casasnovas, os protagonistas

Os papeis protagonistas correspóndenlles a Xosé Olveira "Pico" -Sinbad-, Sara Casasnovas -Vanesa- e Mariña Sampedro -Sara-. Os actores e actrices secundarios serán Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán "Morris", Mariana Carballal, Camila Bossa, María Tasende e Celso Parada. E hai tamén colaboracións especiais, que son as de Miquel Ínsua e Mela Casal. Os actores e actrices de reparto son Monti Castiñeiras, Manolo Lourenzo, Tamara Canosa, Xoel Fernández, Miguel Varela, Xúlio Abonjo, Manuel Lozano, Evaristo Calvo, Guillermo Carbajo, Paulo Rodríguez e María Caparrini. Antón Dobao é o director do proxecto, así como o guionista; o argumento foi desenvolvido por Marcos Nine e o propio Antón Dobao; a Música, é de Javier Maneiro e Casa de Tolos; Toni Veiga está á fronte da dirección de Produción; os produtores executivos son Julio Casal e Mamen Quintas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS