Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

achado

A historia reescrita

O Instituto de Estudos Padre Sarmiento publica o primeiro dicionario de galego coñecido, redactado por Luis Aguirre del Río no 1858

M. DOPICO . SANTIAGO   | 02.04.2008 
A- A+

O primeiro dicionario de galego coñecido non é, como ata o de agora se pensaba, o publicado por Francisco Rodríguez no 1863, senón o Diccionario del dialecto gallego de Luis Aguirre del Río, de 1858.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento acaba de publicar esta obra, prologada pola filóloga e profesora Carme Hermida, que tamén se encargou de preparar a edición. "Os cadernos manuscritos conservábanse nos fondos do Padre Sarmiento. Faltaba a folla de portada, polo que non se coñecía o autor nin a data. O director do Padre Sarmiento comentoume un día que lle gustaría que alguén lles botase un ollo aos manuscritos. Fun miralos, e no medio das follas estaba a metade da portada, coa data, 1858, e uns cuños dun xornal de Madrid, El Alba Católica, que nos deron a pista sobre a identidade do autor porque no 1863 apareceu un anuncio na prensa galega de que a imprenta do xornal ía publicar o dicionario de Luis Aguirre por entregas", comentou Hermida nunha entrevista.

"É o primeiro dicionario de galego. Foi concibido como tal, coas palabras ordenadas alfabeticamente, coa súa variación de xénero, encadernado... Luis Aguirre era moi novo cando o redactou. Non sabemos moito del. Naceu en Dodro no 1840. Debeu escribir o dicionario cando estudaba en Santiago. Estivo matriculado en Filosofía e Dereito. No 1862 marchou a Madrid, e alí tentou que llo publicaran. En Madrid enfermou e morreu no ano 1866. Tamén foi poeta en castelán. A súa obra poética, que é da corda romántica, non é moi coñecida. Se cadra, porque non era un gran versificador. Tamén escribiu zarzuela, e parece que por iso acadou certo recoñecemento en Madrid", dixo.

A visión de Carme Hermida respecto das calidades de Luis Aguirre como poeta non é de todo compartida polo escritor Avelino Abuín de Tembra, quen nun artigo publicado recentemente neste xornal reivindicaba o autor do máis antigo dicionario galego coñecido como "probablemente, o poeta galego máis importante do século XIX, en lingua castelá, naturalmente feita a excepción de Rosalía".

O Diccionario del dialecto gallego - editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) de Madrid, ao que pertence o Instituto Padre Sarmiento-, "acada as 8.000 palabras, reunindo as recollidas nos manuscritos que gardaba o Padre Sarmiento, e as que figuraban nuns documentos que nos cedeu un bibliófilo de Padrón, Justo Cortizo. Ata primeiros do século XX non volverá elaborarse un dicionario con tantas entradas. O de Francisco Rodríguez recollía algo máis de 3.000", subliñou Hermida.

"Entre o dicionario de Aguirre e o de Rodríguez hai moitos paralelismos. Isto poderianos facer pensar que Aguirre copiou a Rodríguez, pero é unha hipótese improbable. Máis ben o que temos é que mudar a concepción que tiñamos ata o de agora, e pensar que houbo algunha sorte de grupo, de escola de persoas que traballaron no mesmo", apuntou.

"Respecto da historia da lingua, o dicionario é relevante tamén polo feito de que hai palabras que antes criamos que apareceran por primeira vez en textos escritos cinco anos despois, e agora comprobamos que xa están neste dicionario, no 1858. Tamén nos permitiu decatarnos de que a tendencia a facer ultracorreccións de palabras galegas para afastalas do castelán, que ata agora situabamos a fins do XIX, xa se deu antes, pois aparece neste dicionario", concluíu.

 

MUDANZAS

Fidelidade respecto do orixinal

Carme Hermida respeta, nesta publicación, a ortografía e puntuación orixinal de Aguirre. "O dicionario lista as palabras en galego, e defíneas en castelán. Non corrixín a ortografía, que é digna de mirar, porque está inzada de faltas e de incorreccións. O meu traballo consistiu en identificar o que o autor quería dicir, pasar o manuscrito e solucionar os problemas de alfabetización. Aguirre agrupou as palabras segundo os sons e non segundo a letra. Por exemplo, pon preguiza debaixo de preguiceiro. Eu reorganiceino segundo a ordenación alfabética actual", salientou.

"Tamén fixen o estudo sobre o autor, a súa obra, o contexto, as características do galego que recolle e as do propio dicionario. Aguirre escribiu non só palabras de Dodro. O seu obxectivo era facer un dicionario do galego de toda Galiza. Máis que darnos pistas sobre a evolución do galego, infórmanos de como cambiou o modo de facer dicionarios", asegurou a investigadora.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS