Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 20.08.2019 Actualizado 12:41
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

50 anos

Homenaxe hoxe en Santiago a Neira Vilas

Cándido Pazó presentou a súa versión das "Memorias dun neno labrego", que estrea o venres

MARÉ   | 26.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
Cándido Pazó durante a representación da súa versión das ‘Memorias’
FOTO: AXENCIAS

O escritor Xosé Neira Vilas estará hoxe en Compostela para presentar a edición conmemorativa do cincuentenario da súa novela máis famosa, Memorias dun neno labrego. O acto, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística de Compostela e Editorial Galaxia, terá lugar ás oito da tarde no Centro Social de Novacaixagalicia e contará coa participación de Cándido pazo, que este venres estrea no Salón Teatro a versión teatral da novela.

Pazó presentou onte, precisamente, a súa montaxe, un espetáculo "híbrido" entre o monólogo e o teatro unipersoal. O "monólogo escénico-creativo" poderá verse os días 28, 29 e 30 de xaneiro en horario de tarde para público en xeral, e ofrecerá outras tres sesións -os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro- para estudantes en horario de mañá.

Segundo Pazó, na súa versión introduce, ademais dos elementos da novela, "retallos de memoria persoal" e "elementos de humor" que farán que o público se manteña "vivo" durante toda a representación. "É unha homenaxe a un autor, a unha idea, a un tempo e a unha condición", indicou .

Pola súa banda, Xosé Neira Vilas, que tamén participou na presentación, recordou como Memorias dun neno Labrego naceu no seu momento da "toma de conciencia" de Galicia, a súa terra de orixe, durante a emigración en Arxentina.

"Pensaba escribir un libro máis para emigrantes", indicou o autor, que incidiu en como a primeira tirada desta novela, unha das esenciais da literatura galega, incluíu unicamente 2.000 exemplares para Arxentina e na súa sorpresa pola repercusión da obra.

Analizando a situación medio século logo da publicación da novela, na que Neira Vilas intentou buscar "autenticidade", o literato evidenciou que nalgunhas zonas de Galicia seguen a existir aínda Balbinos e Balbinas, con referencia ó nome do protagonista.

En relación coa versión teatral realizada por Cándido Pazó, o escritor de Gres cualificouna de "marabillosa" e "moi acertada" e augurou que o "traballo tan extraordinario" do actor "terá moito éxito".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS