Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

O imposible de desatar

Iván García Campos gaña o premio Blanco Amor cunha novela sobre a incomunicación e o tránsito aos novos tipos de familia

MARÉ . SANTIAGO   | 12.04.2010 
A- A+

Iván García Campos gañara anteriormente outros premios literarios polos seus relatos

A incomunicación na sociedade actual, os heroes anónimos aos que ninguén olla fóra do seu círculo inmediato, a situación actual do mundo laboral ou o tránsito da familia tradicional aos novos tipos de familia son algúns dos temas que aborda Imposible de Desatar, a novela coa que Iván García Campos acaba de gañar o premio Blanco Amor. Unha obra que, segundo o xurado valorou e o seu autor salienta, destaca pola súa técnica narrativa. "O máis interesante é como se conta a historia", aínda que "non é nada fácil explicalo", comenta García Campos, que xa antes obtivera galardóns como o Modesto Figueiredo, o Ánxel Casal ou o Cidade de Ourense.

Imposible de Desatar é a súa primeira novela longa, porén. "Estou moi agradecido e moi contento polo premio", subliña. "Ademais non o agardaba xa. Pensaba que se outorgou en marzo. O máis importante é que me abre unha porta, e que me anima a seguir escribindo, que é algo que me encanta facer", engadiu. A novela xurdiu dun dos relatos dun libro de estaba a escribir, sobre unha historia "actual. Os protagonistas son membros ­dunha familia. É unha novela de personaxes, sobre as relacións destes entre si. O lector vai vendo a voz interior dos personaxes, o que pensan, e a contradición co que fan. Son persoas que en realidade non se coñecen como cren...", explica.

Na obra tamén hai acción, sobre todo nunha parte intermedia que é "máis recreativa, máis divertida", segundo a cualifica o seu autor. "A novela estrutúrase en tres partes e un extra", matiza. O autor quixo pór de relevo, entre outras cuestións de actualidade, o tránsito desde as familias tradicionais, cuns roles establecidos moi marcados, ata as novas, cos roles aínda por definir.

"É como unha metáfora da familia vella e a que está por vir", indica. O silencio forma parte da técnica narrativa, como o xogo cos tempos narrativos e as contradiccións dos personaxes. "Ao principio da novela igual non se comprende o silencio, pero ao ir avanzando xa se entende o significado dese silencio", asegura o escritor.

O Blanco Amor resolveuse o sábado no concello ao que este ano lle tocou organizalo, Poio. O xurado, composto por Teresa Bermúdez, María Xesús Nogueira, Bieito Iglesias, Carlos Figueiras e Xesús Constenla, escolleu a obra de García Campos entre o total de 23 presentadas ao galardón.

Decantouse por Imposible de Desatar pola súa "coherencia e o equilibrio entre forma e fondo, o retrato da cara oculta da sociedade actual, dos conflitos persoais, da sociedade e a incomunicación a través de personaxes cargados de humanidade". A obra, salienta o xurado, "é salientable polo seu carácter innovador no estilo e as técnicas narrativas".

"O que dixo o xurado alegroume, porque demostra que conseguín transmitir o que quería. Por exemplo, o que din dos personaxes cheos de humanidade. Precisamente, a humanidade dos personaxes é algo que se vai vendo a medida que se vai lendo o libro", apuntou o autor.

 

 

 

O GALARDÓN

12.000 euros e publicación coa editorial Galaxia

O Blanco Amor é un premio dotado con 12.000 euros que recoñece a unha novela longa en lingua galega. Está convocado por 52 concellos galegos, rotando cada ano un deles en calidade de organizador. Creado en 1981 en homenaxe a Eduardo Blanco Amor por iniciativa do concello de Redondela, a obra gañadora publícaa a editorial Galaxia.

Luís Rei Núñez, con Monte Louro, Inma López Silva, con Memorias da cidade sen luz, Francisco Castro, con Spam, Séchu Sende, con Orixe, Xosé Monteagudo, con As voces da noticia, Xosé Carlos Caneiro, con Ébora, Xavier Alcalá, con Alén da desventura, Úrsula Heinze, por Culpable de asesinato, Alfredo Conde, por Xa vai o Griffón no vento ou Suso de Toro, con Calzados Lola, foron algúns dos gañadores deste premio en anteriores edicións.

O concello de Poio recibiu hai pouco a placa conmemorativa da homenaxe "Os bos e xenerosos", que lles concedeu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) este ano a todos os concellos que participan no desenvolvemento do Premio Blanco Amor.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS