Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

iniciativa

De indiferenza, nada

A carta de Prolingua en defensa da Lei de Normalización Lingüística suma máis de 1.500 apoios en só tres días, no que parece o inicio dunha nova resposta social ós ataques ó galego

MARÉ . SANTIAGO   | 13.04.2011 
A- A+

Antonio Hernández
Os actos de presentación do libro ‘55 mentiras sobre a lingua galega’ foron un éxito
FOTO: Antonio Hernández

A carta aberta coa que a plataforma Prolingua lle demanda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un compromiso público coa Lei de Normalización Lingüística (LNL) contaba onte ás tres da tarde con 1.546 asinantes. O documento está a circular con rapidez por internet, de xeito que se o luns se acadaron as 1.000 sinaturas, onte xa superaban as 1.500.

" A ver se serve de algo", comentou o escritor e membro de Prolingua Xabier P. Docampo. "Polo momento non recibimos resposta nin esperamos recibila. Unha compañeira de Prolingua recibiu no seu blog alegatos contra a Lei de Normalización Lingüística, pero nada máis. Eu teño a miña web hackeada, pero non creo que sexa por ese motivo", explicou.

As redes sociais e o correo electrónico están a axudar a mover a carta, nunha mostra do que parece unha resposta dunha sociedade que non permanece indiferente ante os ataques á lingua. "Son unha minoría" os contrarios á lei e ó galego, lembra Docampo. "Tal como demostrou o sociólogo Fermín Bouza, só un 0,1%. Cando El Corte Inglés, o Carrefour, e ata Marineda City non teñen ningún problema cos topónimos oficiais, que é o que nos están a contar", salienta.

E é que a carta motivárona as peticións de políticos como o candidato do PP na Coruña, Carlos Negreira, de oficializar formas deturpadas dos topónimos como La Coruña. "Nós non queremos obrigar a ninguén a dicir A Coruña. Pero outra cousa é o uso oficial. É unha cuestión simbólica, porque xa non hai nada que sexa só en galego. Se quitamos os topónimos, non quedará nada máis", sinalou.

Explícao ben o escritor Xabier Cordal nun artigo publicado na web de Prolingua. "É moi fácil: se A Coruña pode chamarse La Coruña, está claro que podemos dirixirnos como Negrera a calquera señor que se apelide Negreira igual que nos empeñamos en dicirlle Feijoo a Feixoo e Rajoy a Raxoi. Así que se un futuro Concello da Coruña conseguise que o alien La Coruña fose legal (a ninguén lle importa como o diga vostede falando en español: dicimos se esa forma fose legal), derrogando a Lei de Normalización Lingüística -"os topónimos terán como única forma oficial a galega"-, todo núcleo de poboación da Comunidade Autónoma de Galicia tería dereito a traducir o seu e a esixir da Xunta de Galicia que recoñecese a forma resultante nos sinais, na documentación e nas comunicacións á cidadanía".

DATOS

A estratexia electoralista

O discurso da defensa de La Coruña reactívase periodicamente, coincidindo coas eleccións municipais. Abrázano o PP e Unión Coruñesa, seguindo a ideoloxía de Galicia Bilingüe, en comuñón tamén coa estratexia de Corina Porro en Vigo e a da FAES e UpyD a nivel estatal. Aínda que na Coruña a tradición é antiga, pois iniciouna xa Francisco Vázquez. O PP recoñeceu, a través do deputado Agustín Baamonde, que o achegamento a Galicia Bilingüe antes das últimas autonómicas fora unha cuestión electoralista.

Pouco a pouco andando

Prolingua xurdiu para contribuír a renovar o discurso e as estratexias de defensa do galego. "Non queremos axuda ningunha de institucións públicas nin privadas. Imos facendo segundo a nosa dispoñibilidade de tempo. Funcionou ben o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, e agora estamos preparando unha nova actividade, de cara ó 17 de maio", lembrou Docampo. Respecto do aparente afastamento actual entre o PP e Galicia Bilingüe, opina que é "puro teatro", pois GB "están contentos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS