Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

PREmio

Intrigas na Francia de Luis XIV

Antonio Piñeiro gaña o Avilés de Taramancos por "A dama fulxente"

MARÉ . SANTIAGO   | 28.05.2011 
A- A+

antonio hernández
Antonio Piñeiro dirixe dende 2004 a Colección Bourel de libros artesanais de edicións limitadas
FOTO: antonio hernández

O escritor e profesor ribeirense Antonio Piñeiro gañou onte a décima edición do Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o concello de Noia e organiza o IES Virxe do Mar pola súa obra A dama fulxente.

O xurado -formado polas escritoras e profesoras Mariña Pérez Rei -gañadora da anterior edición do premio- e Mercedes Queixas xunto á xornalista de Galicia Hoxe, Vanesa Oliveira- elixiu por "unanimidade" o texto de Antonio Piñeiro entre os 14 orixinais presentados.

Centrado nos albores da Revolución Francesa, A dama fulxente narra a viaxe de curación de Anne Geneviève a través do Camiño de Santiago até Noia. O xurado salientou "a mestría narrativa" do autor mais a súa "linguaxe precisa e evocadora que busca a sorpresa dende o primeiro parágrafo". A forza "suxestiva" do relato deixa no padal do lector "as ganas de continuar indagando sobre esta convulsa etapa histórica" que rematou coa decapitación de Luis XIV.

O xurado destacou tamén a presenza dun salto temporal no relato que "crea dous ambientes temporais na obra e o lector ten que fiar un co outro". Na súa opinión, o final da obra resulta "imprevisible" e axuda a crear un "halo de misterio ao redor da dicotomía entre ciencia e fe" e que tamén fai referencia "ás intrigas propias da época por alcanzar poder e vanagloria na Corte".

Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), coñecido por promover dende 2004 a Colección Bourel de libros artesanais de edicións limitadas, ten recibido numerosos galardóns de narrativa e poesía. Entre outras, son súas obras como Paisaxes de cinza (2002), Mentres te alonxas (2004) e Tránsitos (2005).

O galardón está dotado con tres mil euros, unha escultura do artista Alfonso Costa e a publicación do relato en Toxosoutos, nunha edición que irá acompañada polas ilustracións de Pío Costa. No acto, celebrado onte na casa de cultura noiesa, tamén participaron o concelleiro en funcións de Facenda, Lino García e Xavier Castro, profesor e secretario do xurado.

DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Ames e Alba Nogueira, premios Lois Peña Novo

O concello de Ames, a profesora de Dereito, Alba Nogueira e o policía nacional na comisaría provincial de Ourense Xosé Rodríguez Cruz veñen de ser recoñecidos co XVII premios Lois Peña Novo.

O galardón, que convoca a Fundación do mesmo nome, recoñece a política lingüística desenvolvida polo Concello de Ames, por estar "dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes, sobre todo mulleres, que exercen un papel relevante na transmisión da lingua familiar."

Os outros dous premios foron para Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, e Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense. Alba Nogueira foi galardoada "pola súa traxectoria profesional no exercicio da docencia transmitíndolle ao seu alumnado os valores da identidade galega nun centro académico no que precisamente non prodigan exemplos de profesorado a prol da nosa lingua". O xurado considera que "a súa achega ao proceso normalizador exemplifica o papel da muller na defensa da identidade galega." Mentres que Xosé Rodríguez Cruz, obtivo un dos premios polo traballo desenvolvido ao longo de moitos anos defendendo a nosa lingua no seu ámbito profesional e a través de múltiples traballos de investigación etnográfica e antropolóxica. O galardón destacou a súa "actitude militante a favor do idioma galego no ámbito policial". O xurado encargado de ditaminar os galardoados estivo formado por Ramón Lorenzo; Xosé Antón Gómez; Miguel Barros; María Xosé Devesa; Gonzalo Amoedo e Carme Pérez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS