Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Isaac Xubín: “Non haberá normalización lingüística se non a hai social e cultural “

“O noso principal erro foi a confianza cega nas administracións para resolver as nosas demandas”

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 25.10.2010 
A- A+

AXENCIAS
Isaac Xubín cre que é incrible que non haxa máis interese en aprender éuscaro
FOTO: AXENCIAS

Isaac Xubín naceu na Coruña no 1978. Estudou cos salesianos da Coruña, con cregos vinculados cos Crentes Galegos, e grazas a eles coñeceu os lados esquerdo e galego das cousas. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo. Viviu máis de cinco anos en Euskadi, onde foi para aprender éuscaro. Froito desta aprendizaxe son as traducións e o dicionario bilingüe galego-éuscaro que acaba de publicar a Universidade de Vigo. Dende hai un ano é lector de galego no Colexio Universitario de Cork no sur de Irlanda. Tamén fixo un mestrado interuniversitario de Política lingüística e planificación da lingua galega, e traballou como tradutor, profesor e investigador. Foi profesor no curso de Lingua e cultura vascas para a Universidade de Vigo, no 2009, e bolseiro na Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

Como creador, foi gañando premios desde moi novo, como o primeiro de Tradución da Universidade de Vigo no 2009, o premio de relato curto no IX Certame Os Viadutos do Concello de Redondela no 2008, o accesit de poesía da Universidade de Vigo no 2006 ou o Primeiro premio de poesía da Universidade de Vigo no 2004 e no 2002.

No 2010, Xerais publicou a súa tradución da novela Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe. Tamén traduciu ao éuscaro o poema de Xosé Luis Méndez Ferrín A un fillo en A un home noso. Homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín, editado pola Universidade de Vigo. E pasou ao éuscaro o poema de Álvaro Cunqueiro Soedades da miña branca Señor, en Homenaxe a Álvaro Cunqueiro, da mesma universidade.

Do 2007 é a súa publicación 31 de marzo, BEC, na procura dunha primevera in TCD www.redesescarlata.org/index.php?art=8, do 2006 Apoloxía de Antígona, no Premio 2006 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo, Xerais e do 2006 Viva El-Rei, en Premio 2006 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo, Xerais.

 

Xa sei Isaac que falar de política lingüística é un asunto moi desgastado, pero a cousa na miña opinión, e con este desgoberno digan o que digan, inserido ou próximo ao etnocentrismo castelán-español, con seus disparates como o do "Decretazo", substituíndo aquel decreto de normalización lingüística, ben de mínimos por certo, e incumprido en non poucos casos que nós, como ti ben sabes, denunciamos… Así e cos chamados independentes, ambigüidade e desnorte, que en mala hora salientamos a Anxo Lorenzo co seu crebacabezas que para el estará moi claro, o disparate do trilingüismo cun estado patético, diglósico perverso e mortal do noso idioma nacional, ora polo auto-odio, auto-desprezo, escravos e "mortos" á mantenta, colonizados á fin, o galego como primo sinal identitario, pode entrar nunha comatose mortal, e sempre auspiciada polos mesmos/as, fíxate no artigo castelán que queren na cidade a que tanto ti coma min amamos dende hai leguas e anos. Daquela, compañeiro Isaac, cal é a túa reflexión posíbel diante desta miña non curta introdución para inicio desta conversa?

En primeiro lugar quero dicir que ese artigo do que falas non é español, é só galego deturpado, a mostra máis patente do triunfo do "¡abajo la inteligencia!, ¡viva la muerte!" Disto si que se senten orgullosos, do galego e das súas expresións, non. Hai un ano presenciei esta situación: en Pontevedra, durante as festas, algúns adoitan vestir os nenos co traxe galego. Miña nai topouse cuns coñecidos, de Pontevedra, que acababan de ter un rapaz. A miña nai ao velo díxolle, "dentro de pouco poderás vestirte de galego".

Resposta do pai? "De gallego? Nunca!". Porque non é só cuestión de lingua. Nunha das súas primeiras intervencións na prensa, Gloria Lago afirmaba "se empieza galleguizando por la lengua y se acaba en los contenidos". Iso é ao que lle teñen medo.

Medo de que a mocidade galega saiba que neste 2010 se cumpren 1600 anos do reino suevo, pánico a que saiban que foi o xermolo dun estado que se chamaba Reino de Galicia. Medo de que os nenos de Vigo saiban por que viven nunha
cidade "olívica", pánico de que os da Coruña saiban por que Carlos I embarcou na Coruña e onde desembarcou e terror a que lle chamen Torre de Breogán á Torre de Hércules. Medo, pánico, terror a unha Galicia galega. E por iso mesmo aos que administran a nosa política lingüística non lles interesa o modelo educativo vasco malia que este permite a elección de lingua. Porque é unha porta aberta a uns contidos dignos.

No tocante á normalización lingüística, e dende a miña formación, non miro a Cataluña, eu quedo co vasco. Pola actitude e polo compromiso da sociedade, de como dende a posguerra se foi construíndo un tecido social que está engraxado para mobilizarse e construír de abaixo cara a arriba. Non haberá normalización lingüística sen normalización social e cultural. E por iso é curioso que en todos os anos que levo estudando sociolingüística poucas veces se me falou da normalización cultural que foi da man da normalización lingüística. O auxe dos deportes rurais e dos bertsolaris vai da man da recuperación da transmisión da lingua.

O noso principal erro foi a confianza cega na administración para resolver as nosas demandas coa consecuente falta de autoorganización e de autoxestión. Isto vai ser fundamental nos vindeiros anos. Construír de abaixo cara a arriba é construír dende a rúa. Parafraseando a Angueira: Ninguén nos acode? Facémolo nós.

 

Federalismo ou confederalismo, para comezar… Monarquía e Democracia son dous enunciados antagónicos entre si, ou se ti queres unha antítese do outro. A para min vernizada democracia española, coxea nese principio elemental, por moi "boa persoa e démocrata que sexa El-Rei de España, e toda a familia Real". Así Isaac, unha República española, do xeito que indico, co recoñecemento da Euskal-Herria, Catalunya e Galicia coma nacións ata a independencia soberana e solidaria que nós-outros reclamamos?

Hai unhas semanas, nun xornal supostamente progresista, realizaban unha enquisa en liña sobre o "Si" ou o "Non" ao uso das linguas "autonómicas" no Senado. O "Si" gañou por un escaso 54% dos votos.

Tendo en conta que estamos no ano 2010 e que a Constitución recolle estes feitos lingüísticos coma unha riqueza para protexer... pois non é só unha mostra do grao de respecto da sociedade española en conxunto, senón que demostra que para eles estes feitos están moi lonxe de ser parte do seu patrimonio, non son merecentes dese especial respecto e protección do que fala a constitución. Supoño que por isto mesmo se produce ese desfasamento, por exemplo, entre Catalunya e o Estado. Mentres que para Catalunya, a sociedade catalá, a constitución e o seu estatuto están claramente superados, ao conxunto do estado aínda lle falta moito percorrido para asumir e interiorizar os contidos da constitución, sobre todo no que atinxe ás linguas e ás nacionalidades.

É realmente o pobo quen máis ordena, ou é unha ilusión óptica, unha percepción otorrinolóxica?

Actualmente non é nin unha ilusión óptica. E é máis, penso que camiñamos cara a atrás. E a xente está en disposición de comprobar até que punto os gobernos teñen pouca capacidade de xestión propia e de manobra ante o Banco Mundial e outras entidades que non se rexen precisamente mediante procedementos democráticos. Todo está moi ben atado para que o sistema se manteña custe o que custar, aos de abaixo claro.

 

Non sei Isaac cal é a túa relación con credos, calquera que eles se- xan, a miña, como marxista é absolutamente negativa e negadora dunha realidade cruel edulcorada na evolución natural das cousas, da que se aproveita abxectamente a burguesía, a barbarie capitalista. Concordas Isaac con esta miña proposta?

Sempre que como castañas lémbrome dos nenos pobres do Turín industrial do XIX e de Curros. É inevitable. No ano 1988 ingresei no colexio salesiano da Coruña. Se penso naqueles tempos sei que eu non sería a mesma persoa se non tivese pasado por alí. Eu alí tiven a fortuna de coincidir cuns cregos comprometidos que marcaron a miña vida para sempre, axudáronme a comprender e a ter unha actitude.

Sobre todo nos últimos anos que estiven alí, porque tamén era maior e a información era outra, aprendín cousas que me fixeron cambiar. Non quero banalizar pero ademais de ensinarnos que Xesús falaba arameo explicaban que precisamente esta non era a lingua A da rexión, e claro, a solución da operación non é moi difícil. Era teoloxía na liña de Torres Queiruga, dende o humano.

Se reforman ou corrixen as contradicións nos termos da Constitución, a min impórtacheme pouco, prefiro un Estatuto que contemple como tal a nosa nación que agora mesmo negan os sucursalistas do PP español, e mesmo a social-democracia do PSOE, sen mesmo esquecer que agora mesmo unha reforma (ollo, non son reformista) é inherente á outra, para que pase os filtros dos xuíces e maxistrados dos tribunais españois, así sexan estatais ou automómicos… Sérveche este parágrafo para reflexionar, Isaac?

O estado español leva demasiado tempo pensando en como cohesionar o seu territorio. Dende as provincias á francesa até a Constitución de 1978. É paradoxal que agora no tempo de crise teimen en contra das autonomías en función do gasto que supoñen para o estado. Todas esas rexións fornecidas co obxectivo de diluír a identidade dos estatutos catalán, vasco e galego, víranselles agora en contra.

A lexicografía en Galicia aínda ten camiños que arar?

Pois si, teño gana de ver o novo dicionario da Real Academia Galega, (aquí ao dicir "Real" penso outra vez en Curros, por suposto, porque a máis dun lle gustaría que non tivese ese status para poder mandala a muxir galiñas). Pero a cuestión é saber que camiños cómpre arar en primeiro lugar. O que quero dicir é que espero que cando menos algunhas das persoas que se fagan cun exemplar do Dicionario galego-éuscaro se animen a estudar algo de éuscaro, senón, realmente non serve de nada que exista esa ferramenta e o peor, que o meu traballo en certa maneira non serviu para nada.

Resulta incrible que non se estude máis o éuscaro. Escoitei algunha vez que se o éuscaro se falase nalgún lugar de Alemaña todos os alemáns o estudarían na escola. Non sei se sería certo pero o que non é normal é que unha lingua coma esa non estea máis presente, non xa nos estudos de secundaria, senón nos superiores. Para min, que son filólogo galego, estudar éuscaro foi como xirar 180º. Foi moi enriquecedor porque de estudar unha lingua da que podemos esculcar con facilidade as súas raíces, pasei a estudar un reduto lingüístico que precisa dun traballo duro para coñecer a súa propia historia.

 

O tempo podería resultar unha imaxe estática e enigmática de nós mesmos, mulleres e homes nun pasmo de bruma ou néboa?

Pois non cho sei, pero o que é certo para min é que neste país adoitamos ser pouco pragmáticos, dámonos á poesía con facilidade en eidos onde a poesía non cabe. E isto dificulta o traballo. É por iso que camiñamos tan a modo.

 

Unha República Socialista Galega é un soño imposíbel, unha utopía que hai que manter contra vento e maré?

As utopías cómpre mantelas sempre no ánimo contra vento e maré. O problema non é a altura das metas que nos propoñamos. As decepcións, as caídas e os desenganos xorden ao errarmos a situación en que nos atopamos nós con respecto da utopía. En Galicia, nos últimos anos, non soubemos valorar o estado das cousas. O feito de que no ano 2010 haxa neste país quen teime pola toponimia deturpada e, o peor, que iso sexa rendible electoralmente, ten que darnos pistas de onde estamos.

 

Cando loitabamos contra o franquismo, algún –para min pseudorrevolucionario dicía que había que loitar o sistema e achantar os abxectos nomes que o sostiñan. Como se pode silenciar a perversidade do nazismo, franquismo, fascistas todos, e ocultar o nome dos actores principais, lacaios, esbirros, figurantes e verdugos…?

A perversidade do nazismo non foi ocultada nin silenciada en Alemaña, foi xulgada, condenada e é perseguida. O franquismo é outro cantar: rodéanos, e non de xeito sibilino, cada vez con máis fachenda. Sábense vencedores.

 

Non son antisemita, si deploro o sionismo, e actitute brutal do Estado de Israel contra o pobo palestiniano ocupado. A relixión cando non é o refuxio dos inocentes idiotas, e acubillo da maldade para asoballar un grupo de homes e mulleres in nomine de calquera deus inexistente. Concordas compañeiro?

Pois non de todo. Si, o problema xorde cando os feitos relixiosos son empregados como xustificación e como ferramenta do poder. Mais penso que a relixión, na nosa sociedade, está cada vez máis cerca de deixar de ser ese opio do pobo. Creo que o fútbol, por exemplo, está tomando o seu lugar.

Verbo do tema da ocupación de Palestina, malia a cantidade de novas que produce o tema nos medios de comunicación e malia ser un lugar estreitamente cinguido ás crenzas da meirande parte da poboación en que vivimos, é abraiante a ignorancia total sobre a historia do conflito e da rexión.

 

Galicia, nación e xente que a conforma, aínda está cerrada en embazada pola brétema…?

Lin hai uns días "temos que ser optimistas porque o pesimismo non vende". Non entendo ese binomio optimismo-venda en relación coa lingua. O que hai que facer é fixarse metas, e estas cúmprense ou non. Despois non cabe andarmos a cismar se a botella está medio baleira ou medio chea: o que funciona é o traballo na rúa e o das pequenas accións que xorden para facer fronte ás agresións, como a plataforma "A saia da Carolina en galego".

En Euskal Herria, dentro dos moitos factores que alicerzaron o detemento da perda de falantes, está o "sentimento de perda", algo que é esencialmente pesimista. Empezaron a comprender que chegaran a un intre en que ou empezaban a exercer a súa lingua, ou esta morría. Eu teño visto persoas ben maiores estudar éuscaro encirrados por este sentimento.

 

Necesariamente a revolución ha ser violenta?

Co exemplar d’A violencia excedente de Sampedro na man, dígoche que na miña humilde opinión, a guerra é algo máis complexo que dous exércitos enfrontados e que a paz é máis complicada que a ausencia de tanquetas nas rúas. Dígoche que aquí non hai paz e que aínda que non me gusta, verbo da violencia eu estou etimoloxicamente moi vivo.

 

Tes algún libro de cabeceira ao que sempre adoitas retornar?

Gústame abrir ao chou un libro que me gusta, por exemplo Secesión de Chus Pato, e empezar a ler e deter a lectura coa mesma arbitrariedade. É algo que lle gusta a todo o mundo que goza da lectura. Por razóns de traballo semella que un está destinado a ocupar o tempo en ler ensaios e cousas polo estilo e que non hai tempo para outra cousa. O último que rematei de ler é Anxos do universo de Gudmundsson, estou seguro de que será un deses libros dos que falaba antes de lectura a discreción.

Pero se teño que quedar só cun título, cun lema, escollería algo musical e dígoche que retorno á Muiñeira de Ramelle, escoitala, tocala na gaita lémbrame a meu irmán. Hai tempo que non tocamos pero lembralo co tamboril ao meu carón... ponme vivo.

 

O paraíso non é máis que unha metáfora extraviada que fixo enfermar ao poeta Milton?

O paraíso está entre nós. Sen dúbida. O malo é que hai quen teima en viralo inferno, ou peor, en baleiralo e que sexa o que non é.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS