Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

audiovisual

Isto é Hollywood

O Festival de Cans terá, do 18 ao 22 de maio, a súa edición "máis intensa" e a creación do seu particular "Paseo da Fama"

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 07.05.2010 
A- A+

AXENCIAS
O chimpín, símbolo do agroglamur de Cans, no faltou como pano de fondo da presentación do festival
FOTO: AXENCIAS

Será o Festival de Cans "máis intenso" da historia, catro días -do 18 ao 22 de maio- no que non haberá tregua. Así presentou o festival galego do agroglamour o seu director, Alfonso Pato, nun acto no que tamén participaron o alcalde do Porriño, Nelson Santos, o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero; o director de márketing de Estrella Galicia, Santiago Miguélez; a actriz María Tasende -membro do xurado do festival, e Keka Losada, presidenta da A.C. Arela, organizadora do Festival.

O festival segue conquistando espazos singulares para a programación musical, cunha sección nova chamada Jaliñeiro Unplugged e máis concertos na estrada, co Rock"nRoad. "A actividade vai ser frenética", anunciou Keka Losada, presidenta da asociación organizadora, "cada ano é un reto, pero este pode marcar un antes e un despois. Hai moitas novidades e a música terá un peso moi grande". Este ano haberá regueifas co Caruncho e Benito Lobariñas, Roger de Flor e a súa cocteleira postmoderna e as sombras do Sr. Anido. O Rock"n"Road consiste en actuacións de grupos novos da comarca na estrada de Cans. Nesta ocasión, Baldosa Amarilla, do Porriño, achegará pop rock alternativo con marca da casa e Santos Morcegos, da Guarda, un estilo inclasificable que eles chaman "surf fedorento".

"Este ano haberá unha forte presenza da música, da tradición musical dos bombos e as charangas aos grupos máis novos, pasando polas actuacións estelares de Di Elas e Coque Malla, que vén ademais cunha banda de rock and roll".

A actriz galega María Tasende falou da responsabilidade do xurado na selección de curtas, que nesta edición teñen unha calidade excepcional, segundo anunciou Alfonso Pato. Acompañarán a Tasende, o actor e presentador arousán Carlos Blanco; a actriz viguesa Sara Casasnovas, coñecida por interpretar a Alicia Peña en Amar en tiempos revueltos (TVE); o escritor e xornalista Suso de Toro; a directora Patricia Ferreira; o actor e humorista Xosé A. Touriñán, que dá vida á célebre Mucha, de Mucha e Nucha; e a guionista Araceli Gonda, presentadora de deportes no Telexornal da TVG.

O festival terá tamén, por vez primeira, un xurado composto exclusivamente por veciños da parroquia, que elixirán a mellor curta de ficción para o Premio dos Veciños.

Nelson Santos anunciou que está a xestionar un "apoio cuadrianual", para que "estea quen estea no concello do Porriño, o Festival de Cans reciba cando menos ese apoio". E o director de Agadic destacou a importancia do festival dentro do Proxecto Creativa, que busca afondar no coñecemento e no intercambio cultural entre as dúas beiras do río Miño.

Alfonso Pato foi presentando as novidades da sétima edición do Festival de Cans. Os recoñecidos avogados Creus e Carrasco ofrecerán a súa Mirada de Cans e presentarán ao premio nacional de cómic, David Rubín, que construirá a súa propia mirada nesta edición e que volverá na o ano que vén para ofrecela. "Ademais", engadiu Pato, "este ano imos facer dúas cousas que hai tempo que queriamos facer: inaugurar un monumento ao Festival de Cans, feito por un canteiro local, e abrir o noso particular paseo da fama, ao xeito do Hollywood Boulervard". Luís Tosar e Ernesto Chao serán os primeiros que deixen a súa estrela no Torreiro das Estrelas, deseñado polo artesán local Paco Candán.

Este ano haberá, por primeira vez, un servizo de autobuses gratuítos desde a zona do pavillón do Porriño ata Cans.

A PROGRAMACIÓN

Estrea do primeiro grelo-wéstern

Nesta sétima edición na que a Academia de las Artes y Ciencias Cinematográficas de España incluíu o de Cans entre os certames que dan opción a entrar na preselección para os Premios Goya, presentáronse máis dun cento de curtas, das que se proxectarán dentro de concurso doce de ficción e sete de animación.

Finalmente, a programación da sección Jalpón Friki abundan as propostas desenfadadas, cheas de humor e de morte. Triunfa o erotismo, o bizarrismo e os arranques de salvaxismo nos camiños. O festival acollerá dúas estreas: o documental O mono Paco, de Piño Prego e Guillermo Souto, sobre o famoso mono que foi noticia hai dúas décadas pola súa desmedida adicción ao sexo; e o primeiro grelos-wéstern da historia, Naipe de sangue, que analiza como Vigo se converteu da man da Editorial Cíes e do seu autor máis universal na capital do Far West. A estrea contará coa presenza do fillo do escritor e continuador da saga literaria, Federico Lafuente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS