Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

PEnsamento

O Laxeiro fabulador

A fundación do seu nome saca á luz por primeira vez unha escolma de 47 escritos inéditos do artista, que tamén se publicarán nun libro

MARÉ . SANTIAGO   | 05.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
Laxeiro está considerado un dos máis importantes pintores galegos de todos os tempos
FOTO: AXENCIAS

A Fundación Laxeiro inaugura hoxe ás 20.00 horas na súa sede en Vigo a exposición Laxeiro, escritos. Pensamentos, recordos e relatos na que saen á luz por primeira vez unha escolma de escritos inéditos do artista lalinés. Será ademais un avance do que se recollerá nun libro que se publicará proximamente, no que se recompilan 200 textos de Laxeiro, a maior parte deles inéditos, a partir dos que se constrúe o pensamento do creador. Son textos poéticos, relatos e recordos, soños, diarios e reflexións, escritos sobre arte e relatorios mais pregóns que deixan ver a concepción do mundo do lalinés.

O proxecto expositivo está formado por unha escolma de 47 documentos, escollidos do total dos seus escritos, nos que a Fundación Laxeiro traballou durante todo este ano. Estes escritos pódense ver dende hoxe e até o 30 de xaneiro de 2011 nunha montaxe austera, dispostos en diferentes vitrinas e acompañados das súas respectivas transcricións impresas, a fin de que o público poida ler, de forma cómoda e rápida, os contidos destes, ao mesmo tempo que se deleita coas pezas orixinais.

Na exposición dáselle protagonismo aos textos inéditos "de carácter literario, poético e reflexivo". Unha faceta pouco ou nada coñecida do artista, nos que se descobre "unha personalidade de gran sensibilidade, afastada ás veces da imaxe pública que el mesmo proxectou, moito máis retranqueira e irónica".

De feito, os textos sobre arte -relatorios e pequenos ensaios- non se incluíron no proxecto expositivo "por seren estes máis coñecidos, aínda que si terán o seu lugar na publicación", apuntan dende a fundación.

Un volume galego-castelán cun estudo de Pérez Buján

O libro que recollerá os escritos de Laxeiro é froito dese traballo de investigación desenvolvido pola Fundación en 2010, a partir do acceso a diversos fondos privados, entre os que destacan os documentos manuscritos do arquivo familiar.

"Un corpus heteroxéneo e moi fragmentado que despois da súa clasificación e estruturación, compón un interesante legado literario de algo máis de 200 documentos que descobren, un Laxeiro poético e fabulador (do que se amosa unha pequena mostra na exposición); falan ademais da loita solitaria e silenciosa do creador fronte á súa obra, e tamén achegan claves da súa actitude con respecto ao mundo da arte do seu tempo", apuntan dende a institución. O libro publicarase en formato bilingüe (galego-castelán) e irá acompañado dun estudo preliminar, asinado polo comisario da mostra e compilador do libro, Javier Pérez Buján, no que se profunda no pensamento de Laxeiro, e se fai un achegamento á súa personalidade na súa época. "Laxeiro non foi escritor, nin sequera se distinguiu por ser un artista cun sólido pensamento teórico, documentado en publicacións, xornais ou ensaios, como si acontece con outros creadores plásticos da súa xeración, como Luis Seoane ou Antonio Saura. Laxeiro foi un pintor de acción, un artista que afrontou a construción da súa estética desde a inmediatez, en perfecta coherencia entre a súa obra e a súa vida", salientan dende a fundación.

INTROSPECCIÓN

"A descuberta dun talento literario que nace do seu eu máis íntimo"

A Fundación Laxeiro considera que os escritos do artista lalinés que presentan na exposición supoñen "non só unha proba evidente do seu pensamento, senón que ademais descobren un talento literario que nace do eu máis íntimo, desde o que compón minúsculos poemas en prosa, pequenos relatos fantásticos, recordos ficcionados da súa nenez e arengas inflamables sobre o seu posicionamento estético".

Por iso, os seus escritos inéditos representan un achegamento novo "aos mundos de Laxeiro; neste caso, non con imaxes, senón mediante a forza da palabra", engaden. O eixe da creación de Laxeiro ten no Atlantismo, "unha materialización case canónica, ao producir unha obra de factura rápida, aparentemente non reflexiva que, como acontece con toda a tradición expresionista, é producida desde a pulsión creativa; un ámbito no que a palabra, como ferramenta de sistematización do pensamento, dificilmente ten cabida".

Porén, esta falta de sistematización das súas ideas "non implica que non a tivese, senón, simplemente, que utilizaba a linguaxe plástica para a súa expresión", conclúen dende a fundación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS