Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Liberdade antigalega

A Mesa denuncia que desde maio do ano pasado non se realizou ningún xuízo rápido en galego pola neglixencia da Xunta

MARÉ . SANTIAGO   | 14.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
Acumulación de expedientes nos xulgados de Lugo, unha situación que caracteriza o funcionamento da Xustiza
FOTO: AXENCIAS

Se no ano 2009 foran setenta os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010 a cantidade reduciuse a cero. A razón desta dramática redución é, en palabras do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o novo programa informático proporcionado polo Goberno galego, denominado Minerva, impide desde o uso da lingua galega en calquera procedemento da administración de xustiza.

Os datos, apunta Callón, proporcionounos a propia Xunta e demostran o nivel de discriminación que padece o galego na administración de xustiza, "onde as persoas que queren usar o idioma propio do país son tratadas de forma deficiente, irregular e, sobre todo, inxusta".

O programa Minerva substituíu o pasado mes de maio o programa Libra, que permitía realizar en galego o vinte por cento dos impresos da Xustiza. Á Mesa, ese vinte por cento parecíalle insuficiente e protestaron ante a consellería, "pero a situación actual aínda é peor. Eu síntome como cidadán de segunda. Son as consecuencias do vello principio de liberdade de liberdade lingüística que defende o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: es libre de escoller se escolles castelán".

O que fixo a Xunta co programa Minerva, engade o presidente da organización, "foi aplicar directamente o programa do Ministerio de Xustiza sen facer tradución dos documentos ou do propio programa. Actúa como se Galicia fose a rexión de Murcia".

Se a Xustiza xa era tradiconalmente un dos ámbitos no que a presenza do galego resultaba máis escasa e, ademais, caracterízase pola súa lentitude, "o que fai o Goberno é poñer máis impedimentos. Un xuíz non pode facer a documentación en galego se non é manualmente e iso faría aínda máis lenta a Xustiza. Nós non estamos dicindo que se vaia utilizar o galego senón que haxa a opción da facelo".

E é que, subliña, "con Feijóo non só non se removeron as dificultades que padecía o noso idioma nese ámbito, senón que se colocaron novos obstáculos. É por iso que se pasou de que en 2009 houbese 57.011 actos xurídicos en galego a case a metade no ano seguinte: 30.334", sinala a entidade. Neste sentido, lembra que o pasado mes de decembro sufriu el mesmo en primeira persoa as consecuencias da política lingüística da Xunta no ámbito xudicial, "pois negáronme o dereito legal a recibir as notificacións e a documentación en galego".

Para Carlos Callón, "a verdade é un dato elocuente" da política lingüística desenvolvida pola Xunta e anuncia que desde a plataforma Queremos Galego -da que el voceiro- e desde Mesa "imos continuar, modulando os actos de protesta social" contra esta política e contra o denominado decreto do plurilingüismo, "porque tamén se demostrou que as grandes mobilizacións dos últimos meses lograron que detrminadas medidas que podían ser agresivas para o idioma non o fosen tanto".Tamén van continuar pola vía xudicial e os contactos internacionais co Consello de Europa. Nesta última vía, "o proceso", recoñece, "está resultando máis lento do que agardabamos porque o Estado español entregou o informe sobre a situación das linguas cooficiais só en castelán e despois de sete meses, aínda non remitiu a versión en inglés".

O 75% do ensino xa é en castelán

A plataforma Queremos Galego está recollendo datos para un ifnrome que fará público antes de fin de curso sobre a presenza do galego no ensino. Con todo, xa teñen algunhas cifras, cun resultado "arrepiante", apunta Callón: o equilibrio ao 50% está hoxe máis lonxe que hai dous anos xa que o castelán ocupa o 75% das materias fronte ao galego, que ocupa o 25%. "Este 25% era do que estabamos falando nos anos 80, e hoxe non chegamos nin a ese obxectivo".

Peor resulta o dato en Educación infantil, segundo unha enquisa dos sindicatos: as familias que reclamaron o ensino en galego foi do 40% e a realidade "é que só o reciben o dez por cento dos alumnos".

Respecto dos profesores que seguen a impartir as matemáticas en galego, malia a orde da Consellería de Educación, Callón loou a decisión dos profesores pero lamenta que "en pouco tempo non teremos ningún libro de matemátcias en galego, sequera de auxiliar porque non vai ser útil e ás editoriais non lle vai ser rendible".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS