Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

éxito

Os libros galegos máis exportados

As obras de Kalandraka xa se traducen ao chinés, francés ou alemán

MARÉ . SANTIAGO   | 26.06.2011 
A- A+

Varias das obras de Faktoría K e Kalandraka traducidas ao chinés ou coreano

As editoriais galegas Kalandraka e Faktoría K están a conseguir exportar os seus libros a mercados internacionais grazas á súa "presenza activa nas principais feiras internacionais do libro", segundo remarcan na súa páxina web (www.kalandraka.com/blog). De feito, entre as últimas traducións publicadas por editoriais doutros países comprenden tres continentes e catro idiomas: chinés e coreano en Asia, francés de Québec en América, e alemán en Europa.

Feiras nas que o stand de Kalandraka, Libros para Soñar, se expón "nun espazo de referencia, que recibe a visita de editores, axentes e profesionais do sector interesados en compartir cos seus lectores as creacións literarias e artísticas que se producen orixinalmente nesta factoría", sinalan os responsables das editoriais. Edición, textos e ilustracións de calidade, capaces de competir nos foros máis reputados: Boloña, Frankfurt, Nova York... Este é un dos mellores momentos que está a vivir a literatura infantil e xuvenil galega, que nunca antes fora traducida a tantos idiomas. Segundo indican dende Kalandraka e Faktoría K, a publicación dos seus libros nos catálogos das editoriais doutros países "contribúe ademais a proxectar a obra de autores e ilustradores locais".

Amelia quere un can, do narrador Tim Bowley e do artista plástico André Neves, xa estaba publicado en francés e coreano; agora pódese ler en chinés. Do mesmo ilustrador é Orellas de bolboreta, un relato de Luisa Aguilar dispoñible en coreano.

Tamén ás librarías, bibliotecas e fogares de Corea chega agora A araña e mais eu, de Fran Alonso e Manuel G. Vicente. E o Premio Internacional Compostela Cerca, de Natalia Colombo, introdúcese tamén nos andeis coreanos. O mesmo libro foi publicado tamén en francés para unha editora de Montreal. E outro libro premiado, Dióxenes, de Pablo Albo e Pablo Auladell, galardoado co Premio Lazarillo 2008 e o 3º Premio Nacional de Edición 2010, chega ao mercado editorial de Alemaña. Por último, os tres títulos cos que conta a colección Animais Extraordinarios de Faktoría K, cuxos autores son Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández, ten xa os seus homólogos en alemán, coa tradución recente de Nacer e Construtores, completando a publicación de Bocas nun prestixioso selo especializado en libros de ciencias.

Ademais, o selo Kalandraka Brasil vén de recoller un recoñecemento ao seu labor editorial. Uma lagarta muito comilona, de Eric Carle, traducido por Miriam Gabbai, acaba de recibir o premio 30 Melhores Livros Infantís do ano 2011 que concede a revista Crescer. Este mesmo título foi distinguido tamén co selo Altamente Recomendável-FNLIJ 2011 pola sección brasileira da IBBY

ENTRE OS MÁIS VENDIDOS

Cuarta edición de "Indignádevos!"

A cuarta edición de Indignádevos! (Faktoría K), de Stéphane Hessel, con tradución de Fernando Moreiras, chegará ás librarías en próximas datas. Dende o seu lanzamento, o pasado mes de marzo, a produción deste título acadou os 7.000 exemplares. Indignádevos! ocupa actualmente a lista dos libros en galego máis vendidos, segundo as principais librarías. O opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon máis de dous millóns de exemplares en Francia, pódese ler así en galego. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora, cuxo autor, un veterano supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus rexos 93 anos- á mocidade para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS