Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Os proxectos dos Equipos de Normalización quedaron paralizados polo atraso na concesión das axudas FOTO: Kiko Delgado |
A maioría dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino galegos notaron este ano unha redución das axudas que recibían de Política Lingüística para potenciar o uso do galego entre os estudantes. Segundo denuncian dende a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinammización Lingüística do Barbanza, hai casos tan graves como o do colexio público de Aguiño onde de recibir unha subvención de 2.500 euros en 2009, este ano só se lle concederon 833 euros. "Esta medida deixa o centro nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico", advirten dende o blog da Coordinadora.
Anxo Louzao, mestre neste centro educativo de Ribeira e ademais presidente da Coordinadora do Barbanza, asegura que se o descenso orzamentario para estes equipos en toda Galicia se sitúa nun 20%, no caso desta comarca, chega a ser "alarmante" cunha rebaixa do 35% nas axudas. "Hai moitos centros con menos da metade da partida económica do ano pasado", denuncia.
No caso do colexio de Aguiño, ademais, non entenden a que se debe unha redución económica tan drástica xa que "o proxecto que presentamos este ano é case igual ao do ano pasado", indica Louzao. En todo caso, este descenso, segundo advirte, está a afectar ós proxectos destes equipos. "Levamos todo o ano practicamente co noso traballo paralizado. As axudas acaban de concederse agora, cando só queda mes e medio para que remate o curso. É unha falta de sensibilidade cos nosos proxectos. No noso centro, en Aguiño, repercútenos no feito de que este ano non poderemos sacar a revista do centro por primeira vez dende que se creou", afirma Miguel Louzao.
"Se non temos axudas, seremos figuras decorativas"
A isto engádese que os centros que acaban de recibir esta subvención teñen de prazo até que remate o curso -pouco máis dun mes- para gastar e xustificar a partida económica que lle corresponde. "Hai que ter en conta -apunta o profesor- que os Equipos de Normalización vivimos desta subvención anual" xa que non está establecido que cada centro destine unha contía económica para eles. Na súa opinión, se continúa a rebaixa de axudas, o seu traballo vaise ver condicionado para o futuro. "Se non temos orzamentos, estaremos como este ano, paralizados, como se fósemos figuras decorativas, o cal causaría un prexuízo máis á educación", apunta.
O de Ribeira non é o único centro que viu reducidas as súas axudas para os Equipos de Normalización. Se comparamos as contías recibidas o ano pasado coas deste ano, centros como o IES Lamas de Castelo de Carnota tamén pasou de recibir 2.500 euros en 2009 a só 699 este ano; ou o colexio Salustiano Rei da Pobra do Caramiñal, que de contar con 2.500 euros, en 2010 a contía redúcese até os 760 euros.
Con esta denuncia, a Coordinadora de ENDL do Barbanza reacciona tamén á "prensa da comarca, que nos últimos días non facía máis que sacar as mensaxes de que a Xunta está dando axudas para os centros de ensino, cando non é certo".
Antón Bao trasládalle a Lorenzo as súas "discrepancias" co "decretazo"
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, trasladoulle onte ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, as súas "profundas discrepancias" coas medidas levadas a cabo pola Xunta co galego, sobre todo, no referido ao polémico Decreto.
Durante unha reunión celebrada onte entre ambos os dous mandatarios na sede do organismo provincial, Bao criticou que a nova norma, que se atopa xa no Consello Consultivo, supón "un claro retroceso na protección e na proxección do idioma". Ademais, criticou o desacerto da devandita norma ao reducir o galego no ensino, "nun contexto no que todas as estatísticas dan conta da alarmante perda de persoas galegofalantes, sobre todo nas idades máis novas".
Malia iso, achegaron posturas respecto ao interese de colaborar na promoción da lingua galega no ámbito da provincia lucense. Así, Lorenzo presentoulle a Bao as principais características da Rede de dinamización lingüística local, unha iniciativa que permitirá impulsar o uso e formación do galego a través dos municipios e "o intercambio de experiencias", para sumar esforzos e evitar "duplicidade" de tarefas semellantes.
