Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

"A lingua é un capital"

Malores Villanueva: "Nos 70 nace a conciencia de que o galego vai desaparecer porque é a primeira vez que se corta a transmisión xeracional"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 29.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
Malores Villanueva está a preparar a súa tese de doutoramento sobre a editorial Galaxia
FOTO: AXENCIAS

"A lingua tamén é un capital. Do mesmo xeito que cando a Bolsa vai mal, non invistes, o mesmo pasa co idioma. Se a lingua condiciona que non te poidas presentar a unhas oposicións, o normal é que deixes de usala e te vaias á que si ten ese prestixio", comenta a investigadora do Instituto da Lingua Galega, Malores Villanueva que onte presentou na Deputación de Pontevedra o seu libro A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo, xunto ao vicepresidente da Deputación, Juan José Durán e o académico e director do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González.

A obra, premiada en 2008 pola Deputación de Pontevedra na categoría de Novos Investigadores, recolle a situación lingüística e social do galego durante os anos finais do franquismo a través de fitos como "a introdución dunha lingua sen ningún recoñecemento oficial na universidade ou no ensino obrigatorio, a proliferación de asociacións culturais que loitaron por mostrar o galego, a creación do Instituto da Lingua Galega, ou as cada vez máis numerosas publicacións en galego", como apunta Villanueva no limiar do libro. Para iso, toma como referencia o ano 1963, xa que é cando comeza a segunda andaina da revista Grial, o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e cando a Real Academia Galega fixa o Día das Letras Galegas.

Na súa investigación, a autora -que está a preparar a súa tese de doutoramento sobre a editorial Galaxia- puido acceder ás cartas inéditas de Ramón Piñeiro ao Ramón Lorenzo quen naquel momento, 1962, rematara a carreira de Filoloxía Románica en Madrid. "As misivas rebelan como o grupo de Piñeiro tiña toda a confianza posta en Ramón Lorenzo como o futuro gran filólogo do país, e a verdade é que non se equivocaba", apunta Villanueva. O propio Ramón Lorenzo escribe no prólogo do libro que entón existía unha "disociación entre lingua escrita e falada".

De feito, segundo apunta o académico, "os escritores galegos escribían só para unha minoría culta escolarizada en castelán" e estes textos non chegaban á maioría, que non estaba capacitada para ler en galego. De aí que o primeiro estándar do noso idioma saíse do idioma literario. "Existía unha especie de normativa tácita, a de Galaxia, que unificaba a lingua facendo as correccións dos libros. Despois, coa creación do Instituto da Lingua Galega produciuse o primeiro choque coa liña culturalista da Real Academia Galega. O ILG formula unha variedade de lingua achegada ao que falaba a xente, depurada de castelanismos e hiperenxebrismos", explica. Esta situación producíase porque académicos como Ramón Piñeiro, Carballo Calero ou Filgueira Valverde "non tiñan coñecementos de lingua" fronte á base filolóxica do ILG, que foi a que finalmente predominou na creación dun estándar.

Os prexuízos contra o galego -o complexo de inferioridade, o autoodio, a inminencia da súa morte ou a súa extensión minoritaria- marcan a súa evolución sociolingüística. "Xa neste momento hai unha conciencia de que o galego vai desaparecer. A partir dos 70, é a primeira vez que se rompe a transmisión xeracional da lingua porque os pais só utilizan o castelán para educar os fillos. Esta situación prodúcese polo cambio do rural á cidade", asegura a investigadora.

Villanueva dá conta no seu libro de que as institucións, cando podían potenciar o estudo da lingua, foron remisas a facelo e mesmo se negaron en ámbitos como a administración, a xustiza e a Igrexa. "Perdeuse unha oportunidade co Conciclio Vaticano II, que fixaba que as misas se teñen que dar na lingua dos fieis. En Galicia, os sacerdotes seguiron falando castelán", engade.

Entre 1963 e 1975 abrollan numerosas asociacións culturais que se decidiron a pasar á acción enfrontándose a prohibicións, multas e todo tipo de atrancos. Por exemplo, cando non se permitiu celebrar un recital a Nova Canción Galega en 1968 ou cando se multou a O Facho con 5.000 pesetas por incluír nun acto dous poemas non autorizados previamente. "As asociacións están na base da creación dos partidos políticos. Facían conferencia, impartían cursos de galego, creaban concursos de teatro...", sinala. Era ámbitos de compromiso, moitas veces, particular, que, grazas á súa loita polo galego, conseguiron afastar o idioma do ostracismo.

NA DITADURA

PSG e UPG, dous partidos ao servizo da rehabilitación da lingua

Detrás do traballo de moitas asociacións culturais estaban os futuros líderes do Partido Socialista Galego (PSG) -presidido por Fernández del Riego- ou da Unión do Pobo Galego (UPG) -con Bautista Álvarez ou Méndez Ferrín nas súas filas-. "A súa incursión neste tipo de iniciativas culturais era a vía para penetrar na sociedade e a organización de eventos do máis diverso unha forma de rehabilitar a lingua e a cultura dun país que estaba sedado polo narcótico da ditadura", indica Villanueva no seu estudo.

As protestas obreiras vividas en Vigo e Ferrol no ano 1972 axudaron ao asentamento destes dous partidos, sobre todo, da UPG. "As reivindicacións obreiras canalizáronse en lingua galega, era a lingua do proletariado, sentíanse identificados con ela e era outra marca que os distinguía dos patróns", sinala a autora. Pero ademais, mesmo un partido foráneo, o PCE, chegou a implicarse coa defensa da lingua. De feito, en 1969 comezaron a editar A Voz do Pobo como un anexo de Mundo Obrero, o órgano do PCE. "Nos primeiros números o galego non era un idioma maioritario, pero tempo despois converteuse na lingua única do boletín", indica.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS