Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

O lirismo da gargallada

Xa está nas librerías a segunda edición do exitoso "Contos para nenos que dormen deseguida" de Pinto Chinto, traducido ao castelán e portugués

LUPE GÓMEZ   | 19.02.2011 
A- A+

manuel gonzález vicente
Carlos López é o autor destes contos breves
FOTO: manuel gonzález vicente

Carlos López é o autor deses contos que son breves porque non queren aburrir nin cansar os lectores. Sendo neno, viviu en moitos lugares: Muxía, Corcubión, Huesca... Sempre tivo un pallaso escondido no seu interior. No colexio contaba chistes para espertar gargalladas cómplices nos seus compañeiros e nos seus mestres. Cando rimos estamos creando un universo moi particular. Carlos López empezou escribindo poesía e agora vai deixando caer o lirismo nos seus contos para nenos. Gustaríalle ser tan honesto como o autor do libro O Principiño. Pensa que a literatura infantil "é unha forma de facer que o mundo sexa máis bonito". David Pintor -o outro compoñente de PintoChinto- fixo unhas ilustracións imaxinativas e orixinais para este libro. Cando rematamos a entrevista, nunha cafetería da Coruña, Carlos López pon sobre a súa cabeza un sombreiro de á ancha e desaparece entre a chuvia, como se fose un mago.

De onde veñen o teu nome e os teus apelidos?

Miña nai é de Irixoa e meu pai é de Oural, Lugo. En Lugo é bastante común o apelido López. Pensei que López é un apelido moi vulgar e frecuente pero se Antonio López conservou o seu nome eu tamén o conservei. Había un Carlos López portugués que era corredor de fondo. Creo que un nome é un signo para recoñecer unha persoa pero non tén maior importancia. É importante a sonoridade porque un nome bonito dunha muller ou dun home poden indicar dozura. En literatura é importante coidar os nomes dos personaxes. Eu non quero cambiar o meu nome.

Naciches en Boimorto. Que recordos tes da túa infancia?

Eu vivín en moitos sitios. Meu pai era militar. Vivín en Huesca, Muxía, Corcubión... e sempre por temporadas de meses. Lembro as aldeas dos meus pais, os animais domésticos e os dos bosques. Irixoa e Oural son aldeas pequenas de xente dedicada ao campo. Recordo a liberdade de ir polos prados, pasar tardes enteiras no río, camiñar internándote nos bosques como se estiveses nun mundo á parte. Espreitar os bechos. A herba. Asocio a infancia á luminosidade dos veráns. Vivir en moitos lugares moldeou a miña personalidade porque conservar amigos da infancia é algo alleo para min. Cambiar constantemente de colexio era duro. Os lazos cos outros nenos son tenues, finiños. Iso deixou unha pegada en min.

Por que che impactou tanto a lectura de "20.000 leguas de viaxe submarina" de Xulio Verne?

Pola aventura fastuosa, marabillosa e porque Verne era extraordinario. Relín ese libro moitas veces en pouco tempo. O capitán Nemo, a aventura, a viaxe, o cefalópodo xigante... Moitas lecturas de contos para adultos tamén me influíron para escribir para nenos. Gústame moito o humor e o lirismo na literatura. Eduardo Galeano é un dos meus autores preferidos, por esa vea profundamente lírica e pola súa delicadeza. Encántame a forza de Camilo José Cela, o seu dominio da linguaxe, o manexo da ferramenta. Considero que o estilo é fundamental. Son bastante lector de poesía e ese lirismo está presente nos meus libros para nenos. Recordo as lecturas de Neruda ou Lorca. Creo que Luís Rosales é un poetazo.

Escribir para nenos é unha forma de divertirse xogando? Ti dixeches unha vez que facer literatura infantil rexulta moi complexo.

É difícil porque tes que retrotaerte e non escribir ti senón axudar a que escriba o neno que hai en ti e ir anos atrás. O primeiro neno que tes é o neno que ti mesmo fuches e pídeslle que che bote unha man. O neno ten unha lóxica diferente á nosa. O seu mundo está moi pegado á imaxinación e vive moito "na súa mente". Trátase de entrar nesa mente e xogar con ela. A literatura é a busca de beleza e pretende reafirmarnos no que somos. A literatura para nenos é facer o mundo máis bonito a través das historias. Tamén formas as persoas no gusto pola arte e polas cousas ben feitas.

É mellor que os contos sexan breves e que non cansen e aburran aos lectores? Algún conto é tan longo que cando o acabas de contar o neno xa é adulto.

É unha cuestión de estilo. Coñecemos autores de libros como "Guerra e Paz" ou "En busca do tempo perdido". Son escritores dotados para manter o pulso do lector en novelas longas. O físico dun atleta maratoniano está adaptado para soportar unha carreira de 42 quilómetros. E temos os velocistas que dan o mellor de si en cen metros lisos e en 9 segundos. Teño contos que duran máis de 9 segundos. Os contos breves son perfectos para dar a presentación, o nó e o desenlace nunha distancia curta.

O concepto de "nonsense" na literatura está relacionado co surrealismo e co absurdo?

É unha técnica do absurdo, do disparate. Gústame divagar e tomar camiños insospeitados e creo que os nenos o agradecen. Eles teñen unha estrutura mental moito máis libre. Xogar coa lóxica entronca co pensamento infantil. Para os nenos os disparates son verdades. No mundo da literatura non hai lóxica. Se vives nese mundo todo acaba parecendo normal. Pásanos a nós cos espectáculos de maxia. O mago engánanos pero introdúcenos nese mundo e a maxia forma parte da realidade. Mentres les un libro entras nun mundo diferente porque estás como transportado.

O psicólogo Eduardo Jáuregui dicía que o humor positivo é un cemento social que reforza as relacións familiares. Unha gargallada xorde só cando estamos con outras persoas.

Na miña vida ten unha importancia capital porque gran parte dela pivota ao redor do humor. Fago xornalismo político a través do humor e cunha carga intencional de tomar posicionamento ante a realidade. O caricaturista político posiciónase ante a realidade. O humor debería estar nos supermercados xunto co aceite e co pan. É algo fundamental. Son sentimentos nobres. Sen humor non sería posible vivir.

Ti es autor do libro "Minimaladas". Son historias mínimas sobre animais. Por que os animais resultan tan atractivos para os nenos e en xeral para os seres humanos?

No tempo que pasei na aldea, eu espreitaba os animais. Fascínanme os animais pequeniños, os insectos e teño libros de entomoloxía. O que me gustaba era observalos de preto. Os cabaliños do demo, os saltóns, as bolboretas... En "Minimaladas" hai dende un piollo a unha balea. Os nenos senten moi próximos os animais porque é un xogo lúdico. Os nenos son xoguetóns e os animais cachorros tamén. Hai certas mensaxes que emiten os animais e que nós os adultos perdemos a capacidade de interpretalas. Un veterinario non pode interpretar partes dese idioma animal, e os nenos si que poden. E os animais tamén se senten identificados cos nenos.

As ilustracións que David Pintor fixo para "Contos para nenos que dormen deseguida" son moi orixinais e nótase que hai moita complicidade cos textos.

Traballamos xuntos no xornal dende hai moito tempo e temos unha afinidade grande e coñecémonos moito mutuamente. El sempre di que ten a sorte de ter o autor dos textos moi cerca. É un gran debuxante e estou encantado de que ilustre os meus libros porque os mellora. Fai que o libro teña máis peso. As ilustracións nos libros para nenos son moi importantes porque alixeiran a lectura. A beleza da literatura compleméntase coa beleza artística. As ilustracións de "Contos para nenos que dormen deseguida" son moi poéticas, de gran colorido, imaxinativas, moi libres e co trazo moi seguro. Casan moi ben co espírito do libro.

A editorial Kalandraka fai unha aposta decidida pola creatividade e pola coidada edición de libros que son moito máis que libros.

É unha aposta polo bo gusto, que é a primeira condición dun editor para facer obras fermosas. Nós sentímonos moi honrados de que Kalandraka quixese contar con este libro para incluílo no seu catálogo. É unha editorial que escolle moi ben as historias e as ilustracións, o soporte físico, as cubertas, o formato do libro, o papel... Son especialmente coidadosos no deseño do libro. Son uns sibaritas da edición. A presenza de Kalandraka a nivel mundial é proverbial. É importante para un autor que o teu traballo transcenda alén de Galicia e España. É xente moi agradable no trato, moi cariñosa, e iso é de agradecer. Moven moi ben o mundo do libro.

O escritor e xornalista Manolo Rivas falaba nun artigo sobre o vello cárcere provincial de Coruña e dicía que "mentres o ser humano é quen de manifestarse con humor, está a preservar un espazo de liberdade".

O cárcere do que falaba Manolo Rivas só pode aprisionar o noso corpo, a nosa parte material, pero a persoa é moito máis ca iso. O cárcere non pode encarcerar as nosas ideas, a nosa esperanza, as nosas ilusións, a memoria de cando eramos libres. A liberdade é o que nos fai homes. É importante levar as rendas da nosa vida e neste momento asistimos ás revolucións no mundo árabe, ás caídas dos totalitarismos. A liberdade é sinónimo de ser humano.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS