Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

A literatura do país, aberta ao mundo

O Centro PEN de Galicia acaba de ser elixido Galego de Maio do Grupo Correo Gallego, pola súa difusión internacional dos escritores galegos mais a súa defensa da liberdade de expresión

REDACCIÓN   | 02.06.2010 
A- A+

O poeta e activista cultural Luís González Tosar preside na actualidade o Centro PEN de Galicia

O seu activo labor na difusión internacional da literatura e da cultura galega así como a decidida defensa da liberdade de expresión que vén exercendo desde a súa creación acaban de valerlle ao Centro PEN de Galicia, que este mes superou xa as dúas décadas de vida, o nomeamento de Galego de Maio do Grupo Correo Gallego.

É un novo recoñecemento ao club literario do que é presidente o poeta e activista cultural Luís González Tosar. "Que a literatura galega se abra ao mundo" é, segundo González Tosar, "a nosa tarefa", sinala o autor, quen ilustra a importancia da representatividade global do Centro PEN de Galicia co feito de hoxe inaugurarse en Santiago a III Bienal Literaria Libera a palabra!/Free the word!, un evento de carácter internacional.

Preto de cen escritoras e escritores, "un grupo moi representativo", en palabras de Tosar, integran hoxe a sección galega dunha organización creada nos anos vinte do século pasado pola escritora británica Amy Dawson Scott, e que foi recoñecida en 1989, en Maastricht. "O Centro PEN mantiña ata daquela un criterio restritivo, e só podían integrarse nel as literaturas avaladas por un Estado", recorda González Tosar que, canda Ursula Heinze, "unha gran batalladora", participou naquel congreso que lle deu o visto e prace á candidatura galega. Esa tentativa seguíalle a outra anterior, do 14 de abril de 1977, que se amparaba nas sinaturas de persoeiros como Luís Seoane, Cunqueiro, Celso Emilio, Dieste, Lorenzo Varela e Blanco Amor, entre outros.

Desde a súa fundación o Centro Pen de Galicia tivo como presidentes a Alfredo Conde, Ursula Heinze, Carlos Casares e Luís González Tosar, todos eles implicados no que o autor de A caneiro cheo define como "a fronte máis activa para que a literatura galega sexa visible no exterior". Traducións, congresos, premios literarios como o Rosalía de Castro e a súa presenza en comités e asembleas internacionais do PEN avalan ese labor de difusión.

A III Bienal Literaria, que arrinca hoxe e repartirá a súa actividade entre Santiago e Ourense, centrarase na literatura iberoamericana, a través de autores como o nicaragüense Sergio Ramírez ou o chileno Luís Sepúlveda. Autores que compartirán mesas de debate xunto a galegos como Manolo Rivas, Anxos Sumai ou Bieito Iglesias. Até o domingo, día 6, abordaranse temas como a diversidade lingüística no mundo literario ou a vixencia da novela.

Pero ademais, haberá visitas turísticas a lugares emblemáticos de Galicia como o mosteiro de Santo Estevo, a comarca do Ribeiro ou mesmo a participación nunha misa do peregrino na catedral de Compostela.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS