Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

coñecemento

Loa a xente da aldea

Lidia Senra, líder do sindicalismo labrego de Galicia, recibe o Pedrón de Ouro polo seu traballo para visibilizar o labor da muller

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 30.04.2011 
A- A+

Lidia Senra é, desde hai varias décadas, unha referencia na reivindicación do traballo labrego

"Sinto que non é un recoñecemnto a min senón ao labor colectivo do Sindicato Libre Galego, en especial ás súas mulleres. Non é unha cuestión persoal: trátase máis ben dun recoñecemento á xente da aldea, ás mulleres galegas". Deste xeito valoraba onte Lidia Senra, a líder do sindicalismo labrego galego, o premio Pedrón de Ouro que lle concedeu a homónima fundación pola súa "exemplar traxectoria" como "referencia obrigada dentro do movemento agrario europeo e internacional" e o seu traballo por visibilizar o traballo da muller no campo.

A Fundación do Pedrón de Ouro recoñece, deste xeito, unha muller que foi secretaria xeral do Sindicato Labrego entre 1989 e 2007, tras participar "dende moi nova nas loitas e no sindicalismo galego" a través das Comisións Labregas, onde se caracterizou pola oposición á cota da Seguridade Social ou a cota láctea. Na actualidade, Senra é a responsable da Secretaría de Organización de Finanzas do Sindicato Labrego "coa convicción de poder crear unha nova orde social alternativa á sociedade neoliberal patriarcal", subliñaron na acta do fallo os representantes da fundación.

Lidia Senra (Cereixa, O Brollón, 1958) manifestou que no sindicato se sentían orgullosos de que o galardón, un dos de maior forza simbólica en Galicia, repare no traballo "dos labregos e das persoas do sindicato". Ela, puntualiza, o "umíco que fixo "foi representar as decisións colectivas e o que me parece máis importante é que a Fundación do Pedrón de Ouro se interese por visibilizar o papel das labregas".

É, precisamente, esa visibilización o que lle parece un dos grandes logros das mulleres no seu sindicato: "Fixemos un camiño moi impiortante de participación e hoxe, no SLG, posimos a paridade estatutariamente. Hai unha asunción de responsabilidades que nos permite estar ao cincuenta por cento nas decisións da organziación".

Ese logro, ao seu xuízo, é o froito dunha "decisión firme" da Secretaría da Muller "de avanzar nun labor de autoestima e vencer os prexuízos culturais". Este, asegura, "é algo que conseguimos e que non ten volta atrás, porque as mulleres do sindicato non es- tamos dispostas a dar un paso atrás".A discriminación ás labregaas, porén, segue a existir a nivel institucional e como indicativo subliña a lexislación que segue sen recoñcer a titularidade compartida. Neste momento, engade, "gracias á lota das mulleres, debátese un proxecto de lei que pretente recoñecer esta titularidade. Esperamos que ese debate non quede en nada e que a lei se dote orzamentariamente".

E é que, en palabras de Lidia Senra, "a participación das mulleres nos labores do campo é fundamental: en moitas explotacións, as mulleres xeran unha importante achega económica que se prolonga cos labores doméstico, algo tampouco está recoñecido porque non hai unha tramitación, aínda que que sexa economicamente fundamental".

O Pedrón de Honra recae en Andrés Pociña e Aurora López

O Pedrónb de Ouro resolveuse nunha reunión celebrada o pasado seis de abril en Arzúa, se ben os gañadores fixéronse públicos onte. Nesa reunión, o Padronado da Fundación do Pedrón de Ouro recoñeceu tamén co Pedrón de Honra -que distingue a personalidade ou entidade residente fóra de Galicia que "se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da nación"- aos profesores de Filoloxía Latina da Universidade de Granada, Aurora López e Andrés Pociña, estudosos e divulgadores da cultura e lingua galega.

En concreto, a fundación valorou os traballos de López e Pociña titulados Rosalía de Castro. Documentación biográfica e bibliográfica crítica así como Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, ademais das diversas achegas a través de distintos xornais e revistas. Pociña é tamén autor dunha célebre tradución de poesía grega ao galego.

O acto de entrega da 48 Edición do Pedrón de Ouro terá lugar o 29 de maio nun acto literario que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12.30 horas, no que intervirá o secretario da Fundación do Pedrón de Ouro, David Otero.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS