Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

RECOÑECEMENTO

Lobo Antunes recibe o maior galardón das letras portuguesas

O escritor portugués recibe o maior galardón literario das letras lusas polo conxunto da súa escrita, marcada pola ditadura

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 16.03.2007 
A- A+

O escritor portugués António Lobo Antunes gañou o Premio Camões 2007, o maior galardón literario en lingua portuguesa, dotado con 100.000 euros, segundo anunciou onte o xurado do galardón en Río de Xaneiro.

O galardón, instituído no 1988 por un acordo cultural entre o Goberno portugués e o brasileiro, procura "consagrar anualmente a un autor de lingua portuguesa que, polo valor intrínseco da súa obra, contribúa para o enriquecemento do patrimonio literario e cultural da lingua común".

Lobo Antunes, de 64 anos e natural de Lisboa, é xunto con José Saramago o autor portugués máis traducido, e xa foi candidato ao Premio Nóbel de Literatura en varias ocasións. É escritor de numerosas obras, entre elas, A orde natural das cousas, A morte de Carlos Gardel, Exhortación aos cocrodrilos, Non entres tan rápido nesa noite escura: poema e Eu hei de amar a ­unha pedra.

O autor portugués estudou e exerceu medicina na especialidade psiquiatría, nun hospital lisboeta. Estivo enrolado na guerra de Angola durante 17 meses, como médico do Exército, unha etapa que marcou en parte a súa vida e xogou un papel importante nos temas e argumentos das súas novelas, onde a morte e a crueldade humana son unha constante.

Boa parte dos seus libro abordan o proceso que seguiu á fin do denominado Estado Novo até a chegada da democracia. A fin da Guerra Colonial portuguesa, a fin dun mundo burgués marcado por valores conservadores e retrógados ou os cambios rápidos que seguiron ao 25 de abril son tamén temas presentes de Antunes, que militou durante anos no Partido Comunista do seu país. Con frecuencia, nas súas novelas aparecen familias desestruturadas nas que o indíviduo está a perder os seus referentes e a comunicación é superficial entre os seus membros.

O xurado, que se reuniu na Biblioteca Nacional de Río de Xaneiro, estaba integrado por dous portugueses, J.B. Martinho e María de Fátima Marinho, dous brasileiros, Leticia Malard e Domício Proena Filho, e dous membros dos países de lingua oficial portuguesa (Palop), o mozambiqueño Francisco Noa e o angoleño João Melo.

O ano pasado o premio foi atribuído a José Luandino Vieira, que o rexeitou alegando "razóns de conciencia". Entre os galardoados están Agustina Bessa Luís, Eugénio de Andrade ou Sofia de Mello Breyner, Eduardo Loureno, José Saramago, Jorge Amado ou Miguel Torga.

 

O ESTILO

Poucas facilidades

Lobo Antunes ten unha escrita densa e, con frecuencia, hai cambios nas voces do narrador, o cal provoca un esforzo engadido por parte dos lectores. Apesar de non ser un ­autor que opte por unha escrita fácil (ou facilitista) Lobo Antunes constituíu un fenómeno de vendas e é moi lido internacionalmente, especialmente na Europa. En España, as súas colaboracións son frecuentes na prensa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS