Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Seném Outeiro é o responsable da cinta que se estrea o domingo |
Seném Outeiro presenta o documental O Espírito das Trincadeiras este domingo ás sete da tarde no Auditorio Municipal de Goián. O proxecto está producido pola empresa audiovisual Fílmika Galaika coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e patrocinado polo Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes de Goián. Seném Outeiro, un historiador que participou como guionista e director, narra neste filme a loita que no ano 1990 a localidade de Goián desenvolveu na defensa do monte comunal das Trincadeiras.
Este terreo en mancomún era solicitado en expropiación pola empresa que construía a autopista Vigo-Porriño. Goián opúxose a esta expropiación e, tras conseguir a súa vitoria, celebrou anualmente unha festa de exaltación das Trincadeiras coma movemento veciñal e como posta en valor dos espazos comunais.
A través das declaracións dos protagonistas e con abundante documentación gráfica e audiovisual o director constrúe esta proposta: "A cinta é unha homaxe á vontade colectiva, unha historia cargada de emotividade e reflexión sobre a importancia da memoria histórica coma alicerce do ser social", en palabras de Outeiro.
"Foi un traballo moi elaborado e responsable por parte de toda a equipa que conformamos este filme pero gratamente recompensado pola oportunidade de coñecer a esencia dunha comunidade tan peculiar e chea de feitizo como é a do pobo de Goián" apunta o director.
Un movemento de raíz social
As Trincadeiras é un movemento social en defensa do territorio coma os que se esparexeron ao longo do século XX por todo o mundo. Un feito local que non deixa de ter a súa semellanza con outros máis coñecidos como Os sem terra no Brasil ou As Encrobas e Baldaio en Galicia.
